19 feb 2013

ANOVA –Irmandade Nacionalista presentouse no Grove nun Acto aberto e participativo




No coloquio posterior, os asistentes puxeron de relevo a necesidade de dotar ao Concello con un Centro de Día para a 3ª idade e criticaron a inoperancia do actual goberno municipal.


O pasado sábado tivo lugar a presentación do Grupo Local de ANOVA – Irmandade Nacionalista no Concello do Grove, nun acto estructurado en dúas partes, primeiro unha presentación a cargo dos membros de ANOVA do Grove: Xosé Manuel Domínguez, Ricardo Garrido, Luis Rei e Lucia Torres; e posteriormente un coloquio con todos os asistentes.

Por parte de Xosé Manuel Domínguez e Ricardo Garrido explicáronse os principios organizativos e xeito de funcionamento de Anova, de carácter participativo e asembleario polo que trasladaron aos presentes a necesidade de organizarse no Grove.  Apelaron a necesidade da ética á política.

Luís Rei encargouse de facer un resumo sobre a situación actual a nivel estatal e nacional e a necesidade de construír algo novo. Falou entre outras cuestións da progresiva substitución da economía produtiva pola especulativa, dos recortes en sanidade, educación, da estafa das preferentes, dos desfiuzamentos e da necesidade de “invertir a piramide” e que prioridade da acción política estea nas necesidades dos cidadáns e non ao reves.

Por último, Lucía Torres expuxo unha primeira diagnose realizada polos membros de ANOVA sobre o Concello do Grove, que agrupou en catro grandes bloques:
   - Necesidade de políticas de emprego e loita contra o paro: un problema que afecta xa a case un 30% da poboación activa do Grove, especialmente á xuventude.
   - Débeda histórica das administración co Grove: Centro de Día, Centro de Saúde, desdobramento da autovía, pazo de congresos-auditorio, …
   - Defícit en materia de programación e axenda cultural e abandono e deterioro dos recursos histórico – culturais e do patrimonio: xacemento adro – vello;  barcos historicos, muiños, ….
   - Análise do goberno actual: obsesionado en tentar “tapar” as súas carencias e recortes que están a aplicar nos servizos municipais cunha política de ataque a todo o que se move, de ver enemigos en todos os lados, de buscar enfrontamentos estériles, e cun afan “regulamentista” esaxerado que está conseguindo incluso crear problemas onde nunca os houbo.

Estas intervencións deixaron paso ás opinións, propostas dos veciños e veciñas asistentes ao acto. Foron numerosas as voces indignadas coa tanto inoperancia do Goberno Local, como coa situación actual de corrupción en moitos ámbitos da política.

Varios asistentes expresaron como prioridade a atención social e concretamente a necesidade do Centro de Día, que é algo máis que un capricho dos cidadáns, en contraposición, coa Pousada da Lanzada, un capricho da deputación de Pontevedra.

Para rematar estableceuse un calendario de reunións, para seguir aportando ideas e solucións aos problemas do pobo. Ás asembleas abertas do Grove terán lugar os últimos venres de cada mes e a participación nas mesmas será aberta a calqueira persoa interesada en asistir.

Nota enviada aos medios de comunicación

Anova pide a Miguel Pérez que lle retire ao Concelleiro delegado de seguridade cidadán as súas competencias sobre a Policía Local.



A vista da nova aparecida o pasado domingo nun medio de comunicación, dunha suposta denuncia sobre Concelleiro responsable da Policía Local, Alfredo Bea, sobre un trato de favor ao interceder para que retirasen unha multa a un membro da súa candidatura as municipais, feito este que se sumaría a outras situacións de enfrontamento e polémicas que este concelleiro ten realizado con todo o servizo de policía local, dende o Grupo Local de ANOVA de O Grove coidamos que ten chegado o momento de que o alcalde dea explicacións públicas sobre si apoia ou non este tipo de actitudes do seu Concelleiro e polo tanto, si asumirá tamén as consecuencias que poidan traer os seus actos.

Coidamos que un alcalde non pode permanecer desaparecido diante dos problemas que está a causar un concelleiro do seu goberno, aínda que non sexa do seu partido político, e que están a afectar incluso a imaxe exterior do Grove, por eso solicitámoslle que dea explicacións e que lle retire as competencias sobre a policía local en tanto non se aclaren todas estas denuncias.

13 feb 2013

ANOVA - Irmandade Nacionalista organiza unha Asemblea Aberta para a súa presentación local en Ogrobe





O Grupo local de ANOVA – Irmandade Nacionalista en Ogrobe organizaremos un acto de presentación pública, que tera lugar o próximo sábado, día 16 de febreiro, as 17.30 horas no Salón de actos da Casa do Concello (na praza do Corgo, s/n.).
En xullo do pasado ano tivo lugar a Asemblea Constituinte a nivel galego de ANOVA, unha organización cuns principios de funcionamento baseados na participación dos cidadáns e no traballo a favor das maiorías sociais.  ANOVA participou nas últimas eleccións galegas formando parte da coalición ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA, encabezada por Xosé Manuel Beiras.
Membros de Anova acordamos convocar un acto para presentar publicamente a organización, acto que terá, como non pode ser de outra maneira, un carácter aberto, podendo asistir e participar no mesmo todas aquelas persoas que desexen mudar as cousas no Grove, e contribuír a consolidación dun novo referente político.
Ademais, consideramos necesario comezar a intervir na política local, nun momento en que os efectos da crise, o paro ou os recortes en servizos básicos están a afectar a moit@s veciñ@s de Ogrobe ante a pasividade, ou incluso complicidade, dun Concello que se demostrou incapaz de tomar ningunha medida para o fomento do emprego ou paliar os efectos da crise no noso pobo.
A intención e debater e trasladar propostas na procura de mellorar a calidade de vida dos veciños do Grove; e tamén denunciar os déficits e a deriva que leva o goberno municipal, que se trasluce en varias cuestións: Deterioro da democracia e convivencia no propio Concello; Redución a mínimos da actividade cultural; Débedas históricas en materia de infraestruturas que seguen sen resolverse e precarización de moitos dos servizos públicos municipais.
O formato do acto será unha presentación por parte de membros de ANOVA dos seus principios etíco-políticos e explicación dos modos de funcionamento. Finalmente aproveitaremos a xuntanza para expoñer a nosa visión sobre a situación do Concello do Grove e escoitar aquelas cuestións de tipo local que os presentes nos queiran trasladar.
O noso obxectivo e establecer un calendario de traballo e xuntanzas para afrontar actos de información e denuncia sobre os temas que se expoñan.
 Actívate! Particípa! Organízate en Anova!

Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe



Ante a situación de crise sistémica na que estamos inmersos, desencadenada por un sistema social e político absolutamente pernicioso para a maioría da cidadanía deste país e do mundo enteiro, en Anova – Irmandade Nacionalista cremos que a participación da cidadanía é fundamental.

Esa participación debe basearse na conciencia do contexto no que estamos inmerso (Europa, sistema capitalista…) pero tamén debe ter presente as manifestacións dese contexto na esfera máis cercana ó cidadán (a local, a nacional). É dicir facer realidade a frase pensar globalmente e actuar localmente, pero tamén a súa inversa: pensar localmente, actuar globalmente.

Na actualidade a cidadanía demanda novas formas de facer política: horizontalidade, igualdade, fraternidade, honestidade, sinceridade, responsabilidade… Principios todos que comparte Anova, xunto co compromiso coas clases sociais máis desfavorecidas, a nación galega, a igualdade entre homes e mulleres e entre persoas de diferentes tendencias sexuais, coa sustentabilidade medioambiental, etc.

Por iso decidimos levar esta inciativa á esfera local, en concreto a Ogrobe, porque so dende a cotidianeidade é posible percatarse da realidade social e dos problemas reais da xente.
Anova – Irmandade Nacionalista agarda por ti, pola túa participación e polas túas ideas.

Vémonos!

Os afectados das preferentes non queren debates queren solucións!




"Vostedes teñen un crollo no lugar desa víscera que se chama corazón"


Un pícariño calquera do submundo dos arrabaldos da Coruña ou de Vigo que furta un reló ou unha carteira se non ten a sorte de que xuíz sexa unha persoa razonábel pode pasarse meses ou anos agardando o xuízo na cadea mentres dirixentes de entidades financeiras que fixeron unha estafa monumental andan por aí tan rampantes.
Pero os responsábeis fundamentais son vostedes o poder político, que se arrugan e non cumplen co seu deber.

O 16-F, enchamos rúas e prazas polo dereito á vivenda digna!


Anova–Irmandade Nacionalista fai un chamamento á cidadanía galega para que participe activamente na mobilización social do vindeiro 16 de febreiro, que se desenvolverá en numerosas cidades e vilas de Galicia. Animamos á cidadanía a participar activamente nesta mobilización social e manifestamos o noso apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que presentou a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (Stop Desafiuzamentos) no Congreso dos Deputados apoiada con máis do dobre das sinaturas necesarias, máis dun millón, para dar unha contestación contundente a este atropelo.
A cidadanía está dando unha resposta axeitada e vigorosa fronte ao deixamento, desidia e ineficacia política do goberno galego, que nin ve nin quere solucionar o drama dos desafiuzamentos porque está preocupado en agasallar aos bancos con diñeiro público e en recortar liberdades, servizos e dereitos civís. Os deputados doPartido Popular están xordos, e hai tempo que só representan os intereses do poder bancario e financeiro. Entrementres colocan aos seus familiares e amigos nas institucións e empresas públicas con salarios millonarios e vantaxes aristocráticas, deixando na rúa a centos de familias humildes.
A ILP presentada pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca, que pide a dación en pago retroactiva, o aluguer social e unha paralización inmediata dos desafiuzamentos, é unha solución clara e inevitábel ao drama da vivenda.
Sen embargo todo indica que este Goberno actuará arrogantemente obstaculizando esta iniciativa, e probablemente descartará esta solución ao problema porque choca cos intereses de quen os ten encadeados e silenciados: a banca e os poderes fácticos.
Se isto acontece, ANOVA–Irmandade Nacionalista estará preparada para dar a batalla nas institucións e na rúa. Non permitiremos que miles de familias sigan soportando esta lei hipotecaria inxusta, inmoral e noxenta. Non quedaremos de brazos cruzados mentres os gobernos de Raxoi e Feixoo amparan e permiten o sufrimento de milleiros de persoas.
ANOVA fai un chamamento a todos os galegos e galegas para que se mobilicen e participen en todas as manifestacións convocadas pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca o vindeiro 16 de febreiro de 2012.
Todos e todas xuntas, podemos. Organizad@s, podem@s. Enchamos as rúas e prazas de Galicia para dicirlles que non calaremos. Polo dereito a unha vivenda digna, paralicemos xa todos os desafiuzamentos!

11 feb 2013

Alternativa Galega de Esquerda acusa á Xunta de esnaquizar o comercio de proximidade e de impoñer no sector a lei do máis forte


A modificación da lei de horarios de Galicia que pretende impulsar o Goberno de Feijóo destrúe emprego e non beneficia nin a consumidores nin a traballadores
Ler a emenda aquí.
Para Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a modificación de lei de horarios de que a Xunta do PP está a tramitar no Parlamento –e que mañá se someterá a votación en pleno- esnaquiza o comercio tradicional e de proximidade e non beneficia nin aos consumidores –así o amosan as enquisas do CIS ao respecto- nin moito menos aos traballadores. "Non hai demanda para unha ampliación e unha maior liberalización de horarios nin por parte dos consumidores nin por parte do pequeno comercio, para quen estas medidas prexudican os seus postos de traballo", indica o grupo parlamentario na emenda de devolución que redactou o deputado Antón Sánchez, "e benefician ás grandes superficies e precarizan o emprego".
Segundo AGE, a liberalización de horarios só favorece ás grandes empresas de distribución e significa a imposición da lei do máis forte. En obediencia ás directrices emanadas de organismos internacionais que non responden á soberanía popular, o Goberno de Feijóo traslada a Galicia a normativa do Estado sobre a materia, o que invade as competencias autonómicas en comercio interior. "É un paso máis no camiño contrario ao que Alternativa considera que é correcto, e a través dos que as grandes empresas de distribución acadan cada vez unha maior cota de mercado a costa do comercio local", explica o parlamentario, quen defende un "comercio máis próximo, máis sostible, que crea máis traballo e que axuda a manter vivos os centros urbanos de vilas e cidades".