7 mar 2013

SOS Sanidade Pública levou o debate sobre os recortes ata a Casa do Concello

No novo salón de actos da casa consistorial desenvolveu esta plataforma na tarde do sábado un acto público dirixido a buscar a implicación da cidadanía “na oposición ás medidas privatizadoras e de recorte de servizos” que atribúen aos gobernos central e autonómico ao que asistiron preto de setenta persoas.



De afondar nos “recortes e na privatización da sanidade pública” nesta charla-coloquio, organizada coa colaboración da agrupación local de Anova-Irmandade Nacionalista, responsabilizáronse a grovense María Luísa Torres, doutora no departamento de radioloxía do Hospital de Montecelo; Xosé Lois Vidal, coordinador da Plataforma SOS Sanidade Pública –que integran múltiples organizacións sociais, veciñais, profesionais ou políticas–; e Ramón Mouriño, membro da comisión de sanidade da formación nacionalista e traballador do SPAD grovense.
Así pois neste coloquio ao que asistiron preto de setenta veciños non faltaron as referencias á situación local ou ao futuro do Servizo de Prevención e Asistencia a Drogodependentes, nin tampouco as críticas á “paralización” da Xunta á ampliación do hospital pontevedrés de Montecelo. De feito a defensa dun “hospital único” en lugar da construción doutro “con financiamento e xestión privada” nesta cidade motivaron a convocatoria por parte desta plataforma de dous actos de protesta na capital da provincia; unha concentración ás portas do centro este xoves e unha manifestación o vindeiro xoves 21, como indicaron os seus representantes neste acto.

Recortes e copagamento
Tamén foron obxecto de denuncia nesta charla diferentes medidas de “recorte, desmantelamento e privatización” da sanidade que “promove o PP” desde os gobernos autonómico e estatal, como apuntou SOS Sanidade Pública.
Entre outros, desde esta plataforma incidiuse na introdución do “copagamento” nos fármacos dos pensionistas, nas “próteses, cadeiras de rodas, muletas ou alimentos especiais” ou no uso de ambulancias “para traslados non urxentes”. Así mesmo, SOS Sanidade Pública acusou ao PP de retirar do financiamento público “máis de 400 fármacos, moitos deles plenamente útiles” e de ter suprimido “o dereito á atención sanitaria de importantes colectivos, como mozos maiores de 26 anos que nunca cotizaron, persoas sen recursos ou inmigrantes sen papeis”.

Nova publicada en todogrove.com

ANOVA OGROBE CRITICA A INEPTITUDE DA CONCELLERÍA DE IGUALDADE



O 8 de marzo conmemorase o Día Internacional das Mulleres e dende a Asemblea Local de Anova –Irmandade Nacionalista de Ogrobe queremos aproveitar para manifestar a necesidade de seguir traballando pola igualdade de oportunidades e de dereitos entre homes e mulleres.

A crise que estamos a vivir provocada pola estafa financeira págase con recortes aos máis débiles, e seguimos sendo as mulleres un dos colectivos máis afectados. Somos maioría como usuarias dos servizos públicos, maioría tamén nas tarefas de coidado aos demais, e maioría dentro dos empregados públicos, polo tanto, son mais mulleres as que están indo ao paro cós recortes en educación, sanidade e servizos sociais.

Por outro lado as mulleres seguimos sufrindo unha situación de desigualdade económica e laboral difícil de soportar, maior taxa de desemprego e precariedade, e segundo a derradeira enquisa salarial, en Galicia, as galegas cobramos un 22% menos que os galegos no mesmo posto de traballo.

En canto ao noso pobo, tendo en conta a paralización económica e o desemprego galopante, a situación non é mellor. O Grove cerrou febreiro con 811 mulleres en situación de desemprego fronte aos 688 dos homes na mesma situación.

A actual Lei de Bases de Réxime Local, no seu artigo 28, permite á maioría de concellos ter concellerías, actividades e plans de promoción da igualdade, potestade que non se está a exercer no noso pobo pola Concellería de Igualdade do Concello do Grove que non destaca por ser precisamente durante este últimos dous anos unha ferramenta para a emancipación das mulleres, a denuncia constante da discriminación e a loita pola igualdade de xénero.

No noso pobo contamos cunha Concellería de Igualdade inútil e incapaz, na que as últimas novas sobre ela refírense a perda de subvencións e a contratación dunha “axente de igualdade” que fai as funcións de asesora persoal dunha Concelleira que lle costa ás arcas municipais máis de 14.500€ (sen contar as retribucións a Seguridade Social e o soldo do seu persoal particular). Emprazamos á Concelleira de Igualdade e Servizos Sociais a que empece a traballar despois de dous anos de vacacións retribuídas a costa de todos nos. Proba da súa ineptitude e a non renovación do Plan de Igualdade do Concello do Grove (ferramenta institucional fundamental para poñer en marcha políticas municipais de igualdade de maneira transversal), da cal a súa primeira versión (o I Plan de Igualdade) expirou o pasado ano. Ademais este Concello contaba cun activo Consello Local de Igualdade na anterior corporación, inoperativo dende fai dous anos. Segundo a páxina web do Concello o CLI leva dende o verán de 2012 “a facer unha revisión do regulamento para axustalo ás necesidades do momento”.
É un bo momento para empezar a aplicar medidas destinadas á transformación real da nosa sociedade, onde as mulleres sexan cidadás en plenitude de dereitos, pero tamén é un bo momento para visualizar a impunidade cós que os gobernos do Partido Popular “desmantelan” os logros recibidos. 

A Asemblea Local de Anova Ogrobe solicítalle ao Goberno municipal:
1.      1. Que manifesten o seu máis firme rexeitamento ás políticas de recortes levadas a cabo polos gobernos central e autonómico en materia de educación, sanidade, servizos sociais e cultura que están a afectar de maneira especial ás mulleres, así como as últimas declaracións de ministros e altos cargos do estado que atentan contra a igualdade e a liberdade das persoas.
2.         2.  Que manifesten a súa rotunda oposición a calquera proposta de supresión das políticas municipais de igualdade que signifiquen a eliminación e redución de competencias recollida no anteproxecto de reforma da Lei de Bases de Réxime Local presentada o pasado venres 15 de febreiro polo PP en Consello de Ministros
3.    3. Que poñan en marcha medidas encamiñadas a impulsar a Concellería de Igualdade con iniciativas claramente favoreceras de políticas de igualdade: dotar de recursos para favorecer a conciliación persoal e laboral (ludotecas, centro de día...), coeducación en Igualdade, obradoiros de igualdade para a comunidade escolar, favorecer o asociacionismo entre mulleres, publicación dunha guía de recursos sociais, promoción de igualdade no mercado laboral, potenciar a formación para o emprego e o emprendemento feminino...
4.       4. Que Impulsen o Consello Local de Igualdade como órgano de participación cidadá que teña como función perfilar accións de fomentación de valores igualitarios e anti-discriminatorios e de sensibilización social preventivas de violencia de xénero.
5.          5. Que se poña en contacto coa empresa Garavilla, e faga as xestións necesarias para garantir os posto de traballo nun sector, o conserveiro, que emprega fundamentalmente a mulleres.
6.           6. Que, coñecedores dos recursos que ofrecen as distintas administracións, fagan uso de elas, e así sexa do Plan cultural da Deputación ou da Rede de Auditorios e Teatros de Galicia (ao que Ogrobe podería estar adscrita), faciliten actividades culturais orientadas a promover a igualdade.

 A Asemblea Anova Ogrobe considera que nun acto de responsabilidade o rexedor municipal debería poñer ao fronte dunha Concellería de carácter transversal como é a de Igualdade, a unha persoa con máis interese e dedicación en xestionar políticas de igualdade que a actual responsable da área. 

8M - Moito polo que loitar! Porque a crise é moito máis agresiva coas mulleres


8M - Moito polo que loitar! Porque a crise é moito máis agresiva coas

mulleres



Con motivo do Día Internacional das Mulleres, desde Anova Irmandade Nacionalista reivindicamos que este é un día tanto de celebración polas as conquistas acadadas como de loita ante as moitas discriminacións que aínda nos atacan, e debemos de superar. As mulleres e os homes que compoñemos Anova Irmandade Nacionalista alzamos a voz para pedir unha sociedade máis xusta e equitativa con dereitos reais e integrais para as mulleres, como cidadás de pleno dereito.
Levamos moito tempo a oír que estamos en crise, tratando de xustificarnos un retroceso e unha precarización sen precedentes dos dereitos civís e laborais da cidadanía Pero somos as mulleres as que vivimos nunha situación de crise permanente e estructural que pon sobre a mesa a insostibilidade do propio sistema.
As medidas neoliberais impulsadas polos actuais gobernos, tanto de Madrid como da Xunta de Galicia agravaron máis a situación de discriminación crónica que sufrimos, vulnerando o dereito á igualdade entre mulleres e homes desde as estructuras socioeconómicas patriarcais do noso sistema, e desde aquí queremos denunciar que son estas brutais medidas de axuste as que están a obrigarnos ás mulleres a pagar un prezo demasiado alto por crise que non provocamos.
Somos nós as que lle poñemos cara ao traballo nin remunerado nin valorado, non contemplado nos cómputos económicos; como é o coidado de persoas maiores, menores e dependentes. A última reforma laboral aprobada violenta sen tregua ao conxunto da cidadanía, pero en grao máximo ás mulleres. Abarata o despedimento, aumenta a precariedade cunha maior temporalidade e subemprego; dificulta o exercicio do dereito a conciliación persoal, famliliar e laboral Tamén endurece os requisitos para o acceso ás pensións, e agranda a brecha entre as pensións que perciben as mulleres e as dos homes Tamén no sector público os recortes afectan máis ás mulleres que aos homes, xa que ocupa porcentualmente a máis mulleres que homes. A non renovación das prazas de emprego público e a eliminación das subvencións están provocando a precarización das unidades de igualdade.
E como colofón, e sen a desculpa da crise, o PP ensina a súa verdadeira cara, reformando a lei do aborto para impedir que as mulleres decidamos, sen ningunha tutelaxe sobre o seu propio corpo, a idoneidade de non levar a termo o noso propio embarazo.
Fronte a todo isto, é imprescindible abordar a crise que vimos padecendo dándolle unha perspectiva feminista, para impedir que o gran peso que recae sobre as mulleres aumente e perdure a nosa inxusta posición na sociedade. Por isto desde Anova Irmandade Nacionalista compartillamos e propoñemos:
- Que é imposible conciliar avances sociais co mantemento dunha aposta económica neoliberal. Defendemos una revisión do concepto de economía, no que o benestar de todas as persoas non esté supeditado ao funcionamento do mercado.
- É preciso refacer desde a perspectiva de xénero o que están a supoñer os decretos e reformas aprobadas coa escusa da austeridade, para propoñer alternativas de superación desde esta mesma perspectiva; apostando por un novo acordo entre homes e mulleres que nos permita compartir o emprego, o coidado, o poder e a toma de decisións.
- Reivindicamos un novo contrato social, afastado dos parámetros divididos entre público-privado e productivo-improductivo. Priorizando a corresponsabilidade, no senso amplo do termo, desde a perspectiva de que o dereito ao coidado é un asunto de todas as persoas, homes e mulleres, Apostando polo impulso das unidades de igualdade, dotándoas de ferramentas técnicas, económicas e lexislativas maiores.
Dende Anova Irmandade nacionalista afirmamos que só conseguiremos unha sociedade equitativa e unha Galiza democrática cando haxa un cese dos recortes sociais, sanitarios, educativos e laborais, cese radical tanto na violencia económica como na negación dos dereitos civís e políticos básicos das mulleres. Reivindicamos unha Galiza onde as mulleres sexamos suxeitos activos con condicións de vida dignas.
Porque neste 8 de Marzo hai moito polo que loitar. Desde Anova Irmandade Nacionalista facemos un chamamento a toda a cidadanía para que se mobilice contra calquera clase de violencia contra as mulleres, por una Galiza onde a igualdade de oportunidades e dereitos sexa una realidade, unha Galiza na que as mulleres sexamos suxeitos de propio dereito. Donas do noso presente e futuro. Un chamamento amplo ao conxunto da cidadanía para que participe activamente nos diferentes actos e manifestacións convocadas polo movemento feminista que este 8M terán lugar nos nosos pobos e cidades.
* O cartaz é froito dun concurso aberto entre a militancia, que gañou Alfonso Diz.