29 may 2013

O presidente da Xunta inverte agride á oposición coa conivencia da presidenta do Parlamento

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denuncia o comportamento nas súas comparecencias parlamentarias do presidente da Xunta, quen inverte os roles, non responde ás preguntas, e agride e descualifica á oposición por exercer as súas funcións. A Presidencia da Cámara, no entanto, nunca o chama á cuestión nin, de ser o caso, á orde.
Pleno após pleno, a presidenta do Parlamento coarta sistematicamente os dereitos da oposición e non é quen de cumprir as funcións arbitrais do seu cargo. Esta mañá, unha vez máis, Pilar Rojo deu un recital de como non levar un debate na Cámara e de como, no canto de exercer a imparcialidade, converterse nun axente ao servizo do Partido Popular. As chamadas á orde aos parlamentarios da oposición sucédense de maneira arbitraria. Mentres, nas bancadas da dereita, ateigada de hooligans que patean os escanos cada vez que un deputado de AGE, PSdeG ou Bloque exerce a crítica á Xunta, todo transcorre sen que Rojo as chame á orde. Hoxe, ademais e de maneira totalmente unilateral, a presidenta do Parlamento decidiu expulsar á deputada de Alternativa Chelo Martínez e volveu amosar a súa absoluta falta de imparcialidade e as diferentes vara de medir que emprega ante o grupo que apoia ao Goberno e os grupos que non o fan.

28 may 2013

Xosé Manuel Beiras denuncia “as aventuras demenciais” en que se embarcaron as caixas e “a fraude sen control” das preferentes

O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda equipara as normas do Goberno de Rajoy cun imaxinario apoio aos gangsters no Chicago dos anos vinte e trinta

As denominadas participacións preferentes, unha estafa organizada por bancos e caixas e posibilitada pola lasitude ética do neoliberalismo que afecta a 85.000 persoas en Galicia, foron “unha fraude sen control ningún”. Así o expresou o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, quen se preguntou “onde estaba daquela o Banco de España, cando comezou este crime social na época do que o chorado Sampedro chamaba o aznarato”. AGE apoiou cos seus votos unha proposición de lei do BNG para garantir a devolución íntegra do valor nominal das participacións, finalmente respaldada por toda a Cámara.

27 may 2013

Fracaso histórico da Xunta ao non evitar que Alimentos Lácteos entrase en concurso de acreedores

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) quere manifestar a súa solidariedade cos traballadores e traballadoras de Alimentos Lácteos S.A. que hoxe entrará en concurso de acreedores despois de moitos meses nos que se lle esixiu a Xunta de Galicia que fixera fronte a súa responsabilidade xa que nesta empresa investiuse máis de 9 millóns de euros dos fondos públicos e agora deixase caer sen facer nada por evitalo.


O deputado de AGE, Antón Sánchez, lembra que son máis de mil os gandeiros aos que se lles deben cartos con débedas millonarias. Así mesmo, a entrada en concurso de acreedores deixará sen traballo a 81 traballadores e traballadoras no que se traduce nun fracaso histórico para o sector que fará moi difícil a creación dun novo grupo lácteo galego cando o problema real xurdiu na propia creación de Alimentos Lácteos cunha mala planificación e xestión que condenaba ao fracaso o proxecto desde os seus orixes.
Unha vez máis a Xunta de Galicia, coa súa inacción, amosa a súa insolidariedade cos galegos e galegas e manifesta as súas prioridades que están moi lonxe de loitar polos dereitos do noso país e por traballar por que Galicia teña un futuro sostible e moito máis preto de garantir, sen importar o custe, os beneficios das grandes empresas.

AGE solicita ao Parlamento o informe do delegado do Goberno sobre a represión ás traballadoras de Cuca

  Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Juan Fajardo, solicitou o informe que o delegado do Goberno se comprometeu a remitir ao Parlamento sobre a brutal represión da Policía Nacional ás traballadoras de conservas Cuca, en Vilaxoán. “Non é de recibo tal brutalidade”, denuncia de novo Fajardo. Os sucesos ocorreron o mes pasado, cando axentes denominados antidisturbios ocuparon o casco urbano de Vilaxoán á altas horas da noite para escoltar o empresario de Cuca, quen desmantelou a maquinaria da factoría malia se atopar o conflito baixo proceso xudicial. O portavoz de Anova, Xosé Manuel Beiras, e máis o parlamentario Fajardo entrevistáronse daquela con Samuel Juárez, delegado do Goberno. Este prometeu remitir un informe sobre o sucedido ao Parlamento de Galicia. Ese é o documento que AGE agora reclama.


23 may 2013

Ao Partido Popular non lle importan nin os veciños, nin a súa saúde, nin o seu acceso a un ben básico como é a auga potábel

Alternativa Galega de Esquerda esixe a demolición do encoro do Umia, ao que se nega un PP que frivoliza co tema. O deputado Juan Fajardo denuncia que a infraestrutura non garante nin parar as enchentes do río nin a auga potábel e alerta de que as crises por microcistite poden volver producirse. 


Ao Partido Popular non lle importan nin os veciños, nin a súa saúde, nin o seu acceso a un ben básico como é a auga potábel. Volveuno demostrar esta mañá cando se negou a apoiar unha proposición non de lei de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) que, respaldada polo BNG tras unha transacción, esixía demolición do encoro do río Umia. “Nin garante que non haxa enchentes nin garante a auga potábel aos habitantes da zona”, denunciou o deputado Juan Fajardo, “e as crises pola microcistite poden volver producirse”. Hai sete anos que a superficie da auga do encoro tínxese de verde por mor desta alga tóxica que prolifera en augas encoradas.

22 may 2013

O PP leva unha década enganando aos veciños e veciñas do Salnés

Alternativa Galega de Esquerda denuncia os enganos do PP durante toda unha década relativos á ampliación do hospital do Salnés.

O 21 de decembro de 2010Feijoo comprometeuse
 en Vilagarcia a licitar a ampliación do Hospital do Salnés
 "nas proximas semanas" (preme aqui). Tres anos despois
o Hospital segue do mesmo tamaño que entón
Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denunciou a estratexia de engano que mantén o Partido Popular desde hai máis dunha década no que ano tras ano comprométese a ampliación do hospital do Salnés sen chegar nunca a nin tan sequera iniciar as obras nin existir un proxecto. “O proxecto de ampliación do hospital debeu pasar pola trituradora como os contratos de Marcial Dorado” ironizou o deputado de AGE, Juan Manuel Fajardo.
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, unha vez máis incumpre coa palabra dada aos veciños e veciñas do noso país e continúa instalado no engano e na inacción sen resolver os problemas de Galicia. Así mesmo, Alternativa Galega de Esquerda considera que os constantes compromisos anunciados por parte da deputada do grupo parlamentar do PPdeG, Marta Rodríguez Arias, anunciando partidas orzamentarias para a ampliación que nunca rematan por se executar, inhabilitan directamente a esta deputada para se considerar representante dos veciños e veciñas de Vilagarcía.
Alternativa Galega de Esquerda considera inaceptable que o PP se escude a día de hoxe na existencia de catro recursos contra esta obra sen aportar nin un só datos sobre a procedencia destes recursos nin as cuestións polas que se opoñen á ampliación. Ante a inoperancia do PP e as súas continúas mentiras, Alternativa Galega de Esquerda esixe a inmediata ampliación do hospital do Salnés que solucione a precaria situación na que se atopa na actualidade que se ve agravado na tempada estival co aumento de poboación nesta zona durante os meses de verán mentres que no hospital se resposta pechando camas.

21 may 2013

Beiras afirma que só “a xente en pé de guerra cívica” será quen de rematar coas agresións do poder

"O Partido Popular, co seu comportamento, xoga a desacreditar aínda máis do que xa está o rol do Parlamento", denunciou esta mañá, tras a Xunta de Portavoces dos grupos con representación no Hórreo, Xosé Manuel Beiras, "xoga a convertelo nun recinto amurallado sen ningunha relación co que acontece na realidade".
Para o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), o partido de Alberto Núñez Feijóo non fai outra cousa ca "marear a perdiz" e perder o tempo con cuestións burocráticas e de protocolos. Mentres, na rúa, a cidadanía do común, as clases traballadoras, sofren as consecuencias materiais terríbeis dunhas políticas

16 may 2013

A Xunta de Galicia non respecta a nosa lingua nin os dereitos laborais do profesorado dos Celga


   Alternativa Galega de Esquerda (AGE) amosou o seu apoio ás reivindicacións dos traballadores e traballadoras dos cursos de certificación en lingua galega ‘Celga’ que denunciaron esta mañá en rolda de prensa o absoluto fracaso do proceso normalizador da lingua galega por parte da Xunta de Galicia. Os portavoces do colectivo, Lorena López e Anxo Otero, acompañados ddos deputados dos tres grupos parlamentares na oposición ( Ramón Vázquez por AGE, Vicente Docasar por PSdeG e Ana Pontón polo BNG), dos sindicatos (CIG, CUT e STEGA), da Mesa Pola Normalización e a Coordinadora de traballadores da Normalización da Lingua, o colectivo de profesores puxo de manifesto a precaria situación laboral na que se atopan sen contrato, nin seguro, nin seguridade de se van ter ou non traballo entre outras moitas cuestións.

   A Secretaría Xeral de Política Lingüística está a someter a medio millar de profesores e profesoras inscritos nas listas de contratación a unha insostible situación de precariedade pola que non saben cando van comezar a traballar, canto van a cobrar ou cando van a recibir o salario. Por todos isto, esixen a creación

15 may 2013

O grupo de Anova Ribadumia presenta una moción para que se habilite un local de ensaio en Ribadumia.


Alberto Núñez Feijóo segue sen ofrecer explicacións a fondo da súa amizade co contrabandista e narcotraficante Marcial Dorado nin dos contratos da trama empresarial deste coa Xunta de Galicia. A unha nova pregunta da viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, na sesión de control do Parlamento, o presidente da Xunta negouse a responder e faltou ao respecto desas institucións que tanto di defender. “Vai entregar vostede os contratos con ese entramado empresarial que tan ben coñece? Porque queremos os contratos e non esa trapallada de relación de pagos nun documento de word que nos deu”, afirmou Díaz. Por resposta, Feijóo deu unha nova virada ao esperpéntico relato co que intenta xustificar as súas amizades perigosas e asegurou, un mes e medio despois de que o escándalo saíse na prensa, que eses contratos non existe porque a Xunta os destrúe pasados dez anos.

Non foi o único embuste, que parecen non ter límites, do xefe do Executivo galego. “Vostede mentiu cando dixo que non sabía a que se dedicaba Marcial Dorado e que llo preguntou ao seu amigo Manuel Cruz”, interrogou a viceportavoz de Alternativa, “pero vostede si sabía quen era Cruz, un guerrilleiro de Cristo Rey, que andaba con pistola, un conseguidor para o PP ás ordes de Romay Beccaría”. O único que atinou a afirmar Feijóo foi a, nunha perversa prostitución da linguaxe, chamar “violentos” aos deputados de AGE e pedir, con esa solemnidade impostada que é o único que parece dominar, desculpas a Galicia “pola coalición electoral de AGE”. Para Yolanda Díaz e o grupo parlamentario de Alternativa, só existe unha saída e así o expuxeron no hemiciclo: “Vostede non é limpo nin honesto, porque minte aos galegos reiteradamente e ten amizades perigosas, só lle queda dimitir e que corra a lista do PP”.

14 may 2013

Xosé Manuel Beiras acusa á Xunta de considerar superfluos os cidadáns “mentres non se converten en súbditos”



Xosé Manuel Beiras acusa á Xunta de considerar superfluos os cidadáns “mentres non se converten en súbditos”. O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda denuncia que a conselleira de Facenda “ten o mérito dos computadores, métenlle o programa e recítao sen importarlle o que acontece”

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, realizou unha inocua comparecencia no Parlamento de Galicia para, teoricamente, explicar as liñas de traballo do seu departamento. Pero o que expuxo foi unha serie de lugares comúns do ultraliberalismo, o sometemento da Xunta ao débedocracia e aos mandados da troika e unha brutal insensibilidade respecto do sufrimento e a dor que as súas políticas causan nas maiorías sociais. “O que acontece é que para vostedes os cidadáns son superfluos”, acusou Xosé Manuel Beiras, portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), “polo menos mentres non sen converten en súbditos”.

10 may 2013

AGE pide a elaboración dun plan específico de inspección das grandes fortunas


Alternativa Galega de Esquerda (AGE) presentou unha Proposición non de lei no Parlamento de Galicia na que se insta á Xunta ao cumprimento do Plan Xeral de control tributario e a inclusión dun plan específico e preferente de inspección dos grandes patrimonios e grupos económicos para a comprobación, investigación e inspección tributaria da realización de operacións mercantís e transmisións patrimoniais que puideran ter a finalidade fraudulenta de minorar o pago de impostos, en especial o de Patrimonio e de Transmisións patrimoniais.

O voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, destacou en rolda de prensa o nulo esforzo por parte dos gobernos do PP por combater o fraude fiscal mentres que reclama paciencia aos cidadáns e os ataca con continuos recortes. “Se rexeitan a iniciativa e non levan a cabo un plan de control tributario das grandes fortunas, quedarán sen escusa para dicir que non hai posibilidade de incrementar os ingresos” 

8 may 2013

Anova chama á participación na xornada de folga no ensino o 9 de maio


Anova fai un chamamento á participación na folga xeral no ensino, convocada para o 9 de maio en protesta pola LOMCE, unha lei inxusta, sexista, centralista e antidemocrática.
Dende Anova, reafirmamos o noso compromiso co ensino público, universal, de calidade e gratuíto. Porque sen igualdade de condicións de acceso ao ensino non hai igualdade real nin hai liberdade de pensamento. Ensino público é, polo tanto, democracia real.

O PP é brutalmente insesíbel coa situación das mariscadoras


Alternativa Galega de Esquerda (AGE) quixo coñecer os plans da Xunta para mellorar as condicións salariais das mariscadoras –presentou onte en comisión parlamentaria unha pregunta ao respecto- e atopouse, unha vez máis, coa brutal falta de sensibilidade do Partido Popular. “Para o partido do Goberno, non existen problemas de soldo no sector das mariscadoras, cando a realidade é que ingresan mensualmente menos do que marca a Risga”, denuncia o deputado Juan Fajardo. O ingreso medio das mariscadoras é de 546 euros ao mes, aos que é preciso restarlle 185 para pagar o seguro. “De novo vemos para quen goberna o PP e cal é a súa percepción da realidade”, engade o parlamentario.
A Consellaría do Mar aínda foi máis alá e afirmou que “xa fixera todo o que podía facer” sobre o asunto. É dicir, para o Executivo de Alberto Núñez Feijóo, ao que non parece importarlle o sufrimento da maioría social, a situación das mariscadoras é normal. Tampouco lle importa que o colectivo, formado maiormente por mulleres de idade elevada, dificilmente poida acceder a pensións de xubilación debido aos seus baixos salarios. “Na maioría dos casos, as súas serán pensións mínimas ou non contributivas logo de toda unha vida traballando”, expón Fajardo, antes de concluír: “E mentres, a Xunta de Núñez Feijóo só se preocupa por agradar aos ricos e non prevé ningún plan ou complemento para axudar a estas traballadoras a completar a súa xubilación”.

7 may 2013

O PP négase, unha vez máis, a que Rueda explique a represión ás traballadoras de Conservas Cuca


● Alternativa Galega de Esquerdas explica que o delegado do Goberno en Galicia se comprometeu a informar á Cámara do sucedido en Vilaxoán. 


Unha vez máis, o PP emprega a súa maioría para impedir que o Parlamento funcione como debe: como a Cámara en que os representantes electos renden contas ante a cidadanía. A dereita negouse, de novo, a que o vicepresidente da Xunta, responsábel de Xustiza e Interior, Alfonso Rueda, compareza no Hórreo para explicar por que a policía nacional bateu nas traballadoras de Conservas Cuca en Vilaxoán. Os denominados antidisturbios fixeron de garda de corps do empresario, que entrou na factoría para retirar a maquinaria cando esta se atopa mergullada nun conflito xudicial. As chamadas forzas de orde pública serviron de parte do propietario. Alfonso Rueda, como membro da Xunta con maiores atribucións en materia policial, non quere falar sobre o acontecido no Parlamento.

AGE, a través do seu portavoz Xosé Manuel Beiras e do seu deputado Juan Fajardo, mesmo se reuniu, a pasada semana, co delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez. “Fixemos de Valedor do Pobo”, ironizou Beiras esta mañá na rolda de prensa posterior á xunta de portavoces do Parlamento, “e trasladamos toda a información sobre a represión ás traballadoras de Cuca ao delegado do Goberno”. Este comprometeuse a enviala ao Parlamento. “Xa que a Xunta non quere falar do asunto, así terá que facelo”, apuntou Beiras. O portavoz e o deputado de Alternativa tamén levaron os datos á fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

6 may 2013

Paremos as aulas contra a ofensiva reaccionaria!


Alternativa Galega de Esquerda (AGE) chama a secundar, este xoves nove de maio, a folga xeral no ensino contra a denominada polo Goberno de Mariano Rajoy Ley Orgánica de Mejora de la Calidad Educativa (Lomce). Esta norma, en fase de tramitación, conseguiu poñer de acordo a estudantes, profesores e persoal non docente: todos os sectores da educación pública opóñense a un proxecto de lei reaccionario, españolizador, elitista, sectario e sexista. AGE, que apela á unidade de acción no enfrontamento contra as medidas involucionistas da lei Wert, tamén participará nas manifestacións convocadas para este xoves. Só o combate na rúa, ao que Alternativa contribúe con numerosas iniciativas parlamentarias contrarias á letra e ao espírito da Lomce, poderá frear a ofensiva reaccionaria nas aulas.

O PP segue sen facer nada para acabar coa dramática destrución de emprego


Alternativa Galega de Esquerda esixe á Xunta de Galicia que elabore de xeito urxente un Plan de emprego para evitar a dramática situación de destrución de emprego que se está a vivir no noso país e que semella querer alentar o PP coas súas políticas de recorte.

A vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, asegura que “o verdadeiro obxectivo do Partido Popular semella ser seguir engrosando as listas do paro co fin de ter un exército de reserva e deste modo poder xustificar unha baixada dos salarios”.

Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) “que son os únicos que poden servirnos de guía”, reflicten que o noso país supera a cifra das 270.000 persoas en situación de desemprego o que sen dúbida esixe de xeito inmediato un cambio nas políticas xa que nin unha soa das medidas impulsadas polo PP sitúanse na liña da creación de emprego senón máis ben todo o contrario contribuíndo aínda máis a súa destrución.

"A cidadanía está farta da agresión do poder", entrevista a Beiras en Nueva Tribuna




"A cidadanía está farta da agresión do poder", entrevista a Beiras en Nueva Tribuna


"O dilema é se a crise vai desembocar na reconquista de dereitos e liberdades da cidadanía ou se pasamos a una fase de totalitarismo de facto".


"Ou a esquerda se rexenera para expresar o que precisa a esquerda social ou a nova expresión política emerxerá da propia cidadanía activa". Entrevista a Xosé Manuel Beiras en Nueva Tribuna. Podes lela aquí

AGE denuncia o deplorable estado de dous colexios do Salnes a causa da inacción da Xunta


Alternativa Galega de Esquerda denuncia o lamentable estado de conservación ao que a Xunta de Galicia ten condeados a dous centros escolares da provincia de Pontevedra, CEIP Rosalía de Castro (O Grove) e CEIP O Cruceiro (Vilalonga- Sanxenxo). Os deputados, Xabier Ron e Ramón Vázquez, visitaron hoxe ambos colexios onde puideron comprobar de primeira man acompañados polas directivas e representantes da ANPA as importantes deficiencias existentes en ambos centros causadas polo continuado incumprimento das promesas por parte do goberno galego.


Un sinxelo paseo polo primeiro dos centros visitados, CEIP Rosalía de Castro no Grove, é máis que suficiente para decatarse do deterioro das instalacións con paredes desconchadas, cuartos de baño vergoñentos, buratos no chan, portas que abren para dentro incumprindo a normativa de seguridade nos centros, e goteiras no pavillón de deportes que impiden o seu uso na maior parte dos días de choiva. Trátase dun centro onde a Consellería de Educación aprobara un plan de obras en tres fases. A primeira e segunda incluía o arranxo dos problemas no interior das instalacións, unhas obras que comezaron pero non remataron deixando por exemplo os cuarto de baño sen tocar e nun estado lamentable. A terceira fase centrábase no pavillón algo que xa a Consellería de Educación informou ao centro que non se vai executar por falta de cartos o que impide o uso do mesmo xa que tal e como informou a propia directiva os días de choiva é imposible realizar calquera tipo de actividade pola acumulación de auga no chan e outros días, o profesor vese obrigado a pasar a fregona antes de iniciar as clases.



O propio conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, visitou en dúas ocasións o centro, curiosamente sempre en época pre electoral, insistindo no compromiso da Xunta para executar estas obras. Agora, pasadas as eleccións esquécense as promesas e o anuncian que o centro continuará sen amañar.

O segundo dos centros visitados polos deputados de AGE, o CEIP O Cruceiro de Vilalonga (Sanxenxo) o deterioro, as deficiencias e os incumprimentos por parte da Xunta de Galicia repítense. O goberno galego anunciou hai seis anos a construción dun novo centro escolar ante o mal estado do actual e a día de hoxe non só seguen a esperar o inicio das obras senón que a xustificación que lles dan desde a Consellería de Educación é que aínda non conseguiron os terreos despois de asegurar en repetidas ocasións que o tema estaba xa arranxado. Problemas no sistema eléctrico, goteiras, malos olores a causa das deficiencias na canalización, problemas de accesibilidade, son algúns dos problemas cos que teñen que convivir todos os días ante o silencio e a inacción da Consellería de Educación. Proba do abandono ao que o goberno galego ten condeado fai referencia as obras de instalación do cableado necesario para que o centro se sumase ao proxecto Abalar que tiveron que ser realizadas de xeito altruista por un empresario que ante a negativa da Xunta de Galicia a executar esta obra cun custe aproximado de 3.000 euros, ofreceuse a facelo el gratuitamente en beneficio dos nenos e nenas do centro.

Ante esta vergoñenta situación á que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, condea a sufrir aos alumnos e alumnas destes centros de educación infantil e primaria, Alternativa Galega de Esquerda presentará unha serie de iniciativas parlamentarias instando ao goberno galego a cumprir as súas promesas, levando a cabo as obras de mellora no pavillón do CEIP Rosalía de Castro e solucionando o resto de deficiencias, e a iniciar de xeito urxente as obras de construción do centro no caso do CEIP O Cruceiro de Vilalonga.