31 ene 2014

Anova chama á defender o patrimonio natural fronte ao proxecto de campo de Golf da Siradella

A asamblea local de Anova-IN rexeita a construción do Campo de Golf da Siradella, proxecto que atenta directamente contra o Complexo natural Umia-Ogrobe de especial protección medioambiental

Chama á cidadanía de Ogrobe, así como ao conxunto de organizacións sociais do pobo, á defensa pública do complexo dunar e a posicionarse contra este proxecto a través dun manifesto común

Anova denunciará o Proxecto de Campo de Golf no Parlamento galego a través do Grupo de AGE



A asamblea local de Anova-Ogrobe, fai un chamamento público á unión do pobo fronte ao proxecto de construción dun campo de golf nas ladeiras do monte Siradella, impulsado pola empresa privada “La Compañía de Golf” e co apoio directo da Deputación de Pontevedra en mans do PP. Convida ao conxunto da cidadanía, así como a todas as organización sociais, culturais, ambientais, deportivas, empresariais e políticas de Ogrobe a firmar un manifesto común no que se espoñan os argumentos contra este expolio e se propoña a blindaxe do espazo como patrimonio natural inviolábel. Da mesma forma, Anova informa que elevará unha pregunta ao goberno da Xunta de Galiza a través do Grupo AGE no Parlamento de Galiza, reclamando un posionamento da Xunta a respecto deste proxecto que viola varias Regulamentos Europeos de Protección Medioambiental.

Foto de "Iago-" (http://www.flickr.com/photos/iago-/)
O infame proxecto, que leva sobre a mesa das administracións varios anos, pretende construir un campo de Golf de 18 buratos en terreos da Mancomunidade de San Vicente e da Deputación de Pontevedra na ladeira do monte Siradella, espazo de especial protección natural recollido no Programa Rede Natura 2000 da Unión Europea ademáis doutras figuras de protección nacional e estatal que impeden directamente a súa construción.

No ano 2011 a plataforma Non ao Campo de Golf na Siradella recolleu entorno a 3.500 firmas de veciños e visitantes nun curto espazo de tempo, para posteriormente seren presentadas no Rexistro do Concello de Ogrobe sen recibir ningún tipo de comunicado institucional. Fronte á inminencia do debate público do PXOM de Ogrobe, que ten que ordear o territorio e delimitar os seus usos, Anova-Ogrobe entende que os cidadáns e cidadás non poden quedar calados contra esta aberración que non responde ás necesidades do conxunto da cidadanía e, pola contra, si aos intereses espúreos da compañía promotora e dos dirixentes da Deputación de Pontevedra. A construción, con diñeiro público e futura titularidade privada, dun equipamento hoteleiro no antigo Sanatorio da Lanzada e a cesión de terreos da Deputación para a construción do Campo de Golf, certifican a conexión do presidente da Deputación Rafael Louzán con certos intereses económicos e especulativos de nula ética política.


Anova convoca ao espíritu cívico dos veciños de Ogrobe que na década dos sesenta se opuxeron á barbarie do proxecto Grovelan que pretendía urbanizar o itsmo do Bao e que se convertiría a todas luces nunha catástrofe ecolóxica. Da mesma forma recórdalle á directiva da Comunidade de Montes de San Vicente, que se mostra favorable á construción do Campo de Golf, que un proxecto de tal envergadura ten que ser debatido en asamblea de comuneiros e non antepoñer os intereses duns poucos propietarios ao conxunto da cidadanía actual e das xeracións vindeiras. 


A noticia nos medios de comunicación:

Todogrove.com
http://www.todogrove.com/index.php?option=com_content&task=view&id=7580&Itemid=1

Diariodearousa.com
http://www.diariodearousa.com/articulo/o-salnes/grove-anova-propone-crear-manifiesto-popular-campo-golf/20140130002643056583.html

Farodevigo.es
http://www.farodevigo.es/portada-arousa/2014/01/30/anova-llama-union-pueblo-proyecto/957441.html?utm_medium=rss

24 ene 2014

ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS: MÁIS DEMOCRACIA E MENOS CORRUPCIÓN



ANOVA – IRMANDADE NACIONALISTA EN OGROBE DEMANDA MÁIS TRANSPARENCIA E PARTICIPACIÓN DA CIDADANÍA NUN DOS DOCUMENTOS MÁIS IMPORTANTES DO CONCELLO.


A semana pasada, o tripartito comandado por Miguel Ángel Pérez aplicou rodillo e botou abaixo as reclamacións ós orzamentos realizadas no período de exposición pública polos sindicatos ó non ter sido negociado con eles a modificación do cadro de personal.


Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe considera este feito unha mostra máis do sectarismo do equipo de goberno ó non ser quen de escoitar e aceptar as máis mínimas críticas ás súas propostas. Semella como se Miguel Ángel Pérez, Ayda Filgueira e Alfredo Bea estivesen en poder da verdade absoluta e o resto da humanidade fosen simples elementos decorativos cos que non interactuar.

Non é nada novo para a dereita o non facer nin o máis mínimo caso do que opinen os que non comparten a súa sectaria ideoloxía en particular, e tamén do pobo en xeral. Para evitar semellante ataque á calidade democrática do noso Concello, Anova Ogrobe proponlle ó goberno local que aplique un dos puntos do seu pacto de goberno tripartito e se atreva a realizar os orzamentos municipais cun modelo participativo, onde a veciñanza poida decidir onde empregar os seus cartos, pois, e parece mentira que haxa que dicir o evidente, os cartos do Concello non son de catro señoritos elixidos para catro anos, senón do conxunto das veciñas e veciños de Ogrobe.

Son preto de medio cento de localidades en todo o Estado as que deron o paso de darlle a oportunidade á xente do común de saber en que, para que e como se gastan os fondos públicos do seu Concello. Estas iniciativas tamén están presentes en países europeos como Francia, Italia ou Alemaña entre outros. Ata gobernos municipais do Partido Popular, como foi o caso de Castellón ou Málaga, empregaron este instrumento de implicación da cidadanía no proceso público de toma de decisións.


Preguntámonos neste punto o porque do non cumprimento do pacto de goberno en canto ós orzamentos participativos. Xurde a dúbida razonable de que o señor Alcalde non se atreve a arriscar o seu pacto de goberno, e polo tanto o seu posto co soldo correspondente, ó darlle á cidadanía a capacidade de debatir e decidir sobre os orzamentos municipais. Nese momento, a capacidade de chantaxe e negociación de Alfredo Bea desaparecería, e con ela tamén o apoio do PGD ó mantemento do goberno tripartito. No medio atopamos a Ayda Filgueira, supostamente concelleira de participación cidadá pero que “ni está ni se le espera”.


Ricardo Garrido Caneda.
Coordinador local de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe.