21 feb 2014

A militancia de Anova decide este domingo a forma de concorrer ás eleccións europeas a través dun referéndum

Estes días están a agromar dentro da militancia de Anova varios posicionamentos en relación á forma de concorrer ás eleccións europeas. Como partido democrático, asambleario e transparente que somos e no que cremos, reproducímolos a continuación para que os argumentos de uns/unhas e de outros/as fiquen confrontados. A dialéctica é necesaria para seguir construindo. Cabe destacar que o primeiro deles foi proposto e redactado entre outros, polo noso compañeiro e coordinador local de Anova, Ricardo Garrido Caneda



AVANZAR NA FRONTE AMPLA INTERNACIONALISTA, VERDE E DE ESQUERDAS.
GALIZA E A FRONTE AMPLA ANTE A ENCRUCILLADA EUROPEA


Este domingo 23 de febreiro de 2014, a militancia de Anova – Irmandade Nacionalista teremos a oportunidade de exercer o dereito a decidir a alianza electoral para as eleccións europeas do vindeiro 25 de maio deste mesmo ano.

Dende a I Asemblea Nacional o treito recorrido pola nosa organización levounos a un éxito electoral representado na coalición de Alternativa Galega de Esquerdas nas pasadas eleccións autonómicas do 2013. Esta aposta asentouse na convicción de que ante a situación política que se nos presentaba, a ferramenta da fronte ampla non excluínte e da esquerda con recoñecemento do dereito de autodeterminación era a mellor aposta para a defensa dos nosos intereses.

En diferentes xuntanzas da Coordinadora Nacional, así como nos debates nas asembleas de base e tamén en parte na Conferencia Nacional sobre o programa para estas eleccións europeas; seguiuse a apostar por esta vía e sempre tendo presente a necesidade dunha ruptura democrática en Galiza, no Estado español e tamén na Europa para transformar esas institucións dotándoas do necesario carácter social, republicano e beneficioso para as maiorías sociais e as xentes do común.

No referendo deste domingo preséntansenos tres opcións. Semella evidente que a terceira, a que implicaría non asistir electoralmente nestas eleccións, non segue a liña marcada nin pola I Asemblea Nacional, nin polas asembleas de base, Coordinadora Nacional e Conferencia política. Ademais, a non concorrencia nunhas eleccións europeas suporía un retroceso na tarefa de consolidación de Anova – Irmandade Nacionalista como referente político do nacionalismo galego deste inicio de S.XXI.

A opción número un semella que implicaría un pacto electoral con Izquierda Unida. Significaría unha continuación da lóxica de AGE máis ó mesmo tempo hai que ter claro o seguinte:

- A imaxe de EU en Galiza non é a mesma que en España. Debemos ter presente que a férrea estrutura do PCE na capital do Estado e noutras zonas alén das tres nacións “históricas” provocou unha separación e ás veces parasitación, dos movementos sociais por parte de IU, co conseguinte descrétito da forza de esquerdas.

- Dende Anova pulamos por unha nova esquerda cunha nova cultura política. O panorama político partidista da esquerda española actual está a mudar, e a que representa esa nova cultura ruturista e dinámica, fresca e atrativa non é tanto IU como si outras opcións.

- Ir nunha lista electoral nos termos que semellan que nos ofrece IU encaixa dificilmente co discurso da rutura democrática dende abaixo e si máis co dunha coalición clásica para acadar un asento no Parlamento Europeo.

- Úrxenos a necesidade de esgotar tódalas posibilidades de acordo con outras forzas nacionalistas antes de acordar un pacto con Izquierda Unida. Será sempre unha perentoria necesidade a de erguer a cabeza máis alá das nosas organizacións para atender ós intereses estratéxicos do nacionalismo galego.

O éxito de AGE nas eleccións autonómicas baseouse fundamentalmente no papel do noso portavoz nacional, e a segunda semana da campaña é testemuña desto. Mais tamén xogou un papel fundamental o espírito de inclusión e de ruptura desa fronteira entre o nacionalismo galego de esquerda e a esquerda española en Galiza. Ademais, non debemos esquecer que o discurso, a forma e os xestos tanto de Anova – Irmandade Nacionalista como de AGE cara o que representou o movemento 15-M ou “os indignados” fixo de nós unha forza de imaxe amable pero contundente, capaz de canalizar o descontento da sociedade e leva-lo ás institucións, naquel momento ó Parlamento Autonómico.

No contexto xeral do estado español, este descontento tamén existe e a necesidade do mesmo para ser canalizado tamén. A aparición de forzas que beben directamente dos movementos sociais e das persoas que participaron como indignados alá polo 2011 como o Partido X, Podemos, etc. poden ser o xérmolo desa canalización. Sen dúbida constitúen esa nova esquerda ruturista española sen esa imaxe rancia que determinadas persoas ligan co PCE e con IU. Xunto con estes grupos, outros como Izquierda Anticapitalista ou Equo seguen a representar ese espírito de radicalidade democrática e de respeto polos dereitos sociais e ecolóxicos da nosa sociedade. Noutra parte podemos situar a forzas como as CUP, MES-Mallorca ou Compromìs, incluso Bildu, todas elas cun marcado carácter nacionalista e de defensa dos intereses das maiorías sociais e das súas respectivas nacións.

Pois ben, resulta claro que a segunda opción que se nos presenta no referendo deste domingo implica continuar coa lóxica de fronte ampla non excluínte de esquerdas e co recoñecemento do dereito á autodeterminación dos pobos. Todo este conglomerado de partidos e movementos sociais ós que nos acabamos de referir constitúen unha oportunidade única de canalizar o mesmo descontento que canalizou AGE nas autonómicas de 2013. Esa nova cultura política de marcado carácter ruturista, republicano, democrático e de respeto polos dereitos dos pobos e das maiorías socias que, cun pouco de sorte e de bo traballo por parte de todos e todas, podería ser quen de xogar ese papel de canle do descontento e que a medio prazo produza o tan necesario cambio de réxime, colocándose Anova – Irmandade Nacionalista nunha posición inmellorable para levar os intereses da nosa nación ó cerne da toma de decisións, favorecendo o progreso económico, social e nacional de Galiza. Agora do que se trata é de levar esa mesma voz indignada ó parlamento europeo responsabilizándonos xunto co BNG e CxG de representar debidamente ós intereses económicos, sociais, nacionais e ecolóxicos de Galiza en Europa.

Pensamos que despois de ser inviable a fronte ampla no primeiro chanzo, o galego, faise necesario continuar nesta lóxica alén do Padornelo e artellar sinerxías e entendementos coas forzas anteriores que deriven nunha coalición electoral para o Parlamento Europeo este 25 de maio. Lamentamos que o nacionalismo galego non puidese acadar unha unidade de acción tantas veces demandada dende a nosa organización e apelamos tanto ó BNG como a CxG a que visualicen a importancia histórica do momento no que vivimos para que Galiza non perda o tren da historia. Tamén apelamos a EU a que trate de entender que as diferenzas e as peculiaridades galegas implican tácticas e estratexias diferentes ás españolas, pero ó mesmo tempo poden ser complementarias, precisamente en aras da defensa do mínimo común denominador que deu orixe a AGE.

En definitiva, e nunha soa frase, pensamos que a segunda opción no referendo deste domingo é a mellor forma de continuar co éxito de AGE no nivel europea, canalizando o descontento e levando a Europa os intereses galegos e da esquerda social e ruturista.

“Erguémo-la esperanza sobre ista terra escura coma quen ergue un facho nunha noite sin lúa” Celso Emilio Ferreiro.

POR TODO ISTO PEDÍMOSVOS O VOTO PARA A OPCIÓN 2


QUEREMOS ANOVA
POR ISO QUEREMOS FRONTE AMPLA

http://anovafronteampla.blogspot.com.es/

No proceso de decisión en referendo sobre a participación de ANOVA nas Eleccións Europeas, as compañeiras e compañeiros militantes que subscribimos isto queremos facer chegar as nosas razón e os nosos argumentos que nos leva a PEDIR O VOTO PARA A OPCIÓN 2

2) Que Anova conforme unha coalición con forzas políticas da esquerda nacionalista das nacións sen estado e/ou plataformas cívico-políticas de esquerda e rupturistas.

Lembramos que apoiar esta opción garante que o conxunto da militancia decidirá aínda en referendo sobre a formula definitiva de concorrencia ás eleccións.

POR QUE?

Porque é a posición máis congruente cos acordos asemblearios de constitución de ANOVA, así como a máis compatíbel coa Fronte Ampla non excluínte.

Porque a escolla por ir integrados na candidatura da esquerda federalista que representa IU, a cambio dun posto de saída seguro, é a opción máis afastada dos nosos principios e modelo organizativo de partido-movimento e impedirá a consolidación de ANOVA como a organización da esquerda nacionalista do S.XXI e para os vindeiros 30 anos que proclamamos cando nos constituímos.

Porque Esquerda Unida non aceptou reeditar AGE como candidatura exclusivamente galega para non ir en competencia con IU.

Porque a escolla de aceptar a proposta de IU pecha a porta ás novas organizacións e plataformas que semellan compartir valores con Anova, e é incompatíbel co noso proxecto estratéxico.

Porque acumular forzas para unha ruptura democrática require practicar a inclusión e a cooperación entre o maior número de formacións partidarias e cívico-políticas para propiciar ese avanzo futuro da cidadanía.

Porque cremos que se deben seguir tecendo vencellos entre todas as forzas da esquerda, nacionalista ou non, en Galiza que poidan dar no futuro, canto máis inmediato mellor, entendementos que permitan afrontar a grave situación do País en mans da dereita máis diabólica que está executando os plans da oligarquía financeira en contra da maioría social, e para iso é preciso unha ANOVA consolidada.

Porque a opción 2 permite a interlocución con todas as forzas nacionalistas e da
esquerda rupturista do Estado que aínda están interesadas na formación dunha Fronte Ampla xunto ás novas expresións cívicas e cidadáns que están a agromar na sociedade.


Ao tempo que teríamos unha presenza no Parlamento Europeo sen renunciar ao noso proxecto político e ao que ANOVA representa para o futuro de Galiza. En ningún caso esta opción interfire no acordo de lexislatura autonómica da coalición AGE que está blindada por acordo das catro forzas que a integran.



#NósQueremosAGE

http://nosqueremosage.wordpress.com/

Manifesto de apoio á opción 1 no referendo de Anova-IN para as europeas
Os abaixo asinantes, homes e mulleres de procedencias diversas de ANOVA-IN, ao abeiro do referendo á militancia para determinar a política de alianzas de cara ás eleccións europeas deste ano, queremos, a través das canles ofertadas pola organización para dirixirnos ao conxunto da militancia, manifestar o seguinte:
No seu momento esta organización, dada a situación de emerxencia social, fixo unha proposta de Fronte Ampla para este proceso, asentada sobre dous alicerces: o dereito de autodeterminación das nacións e un programa de ruptura no social para elaborar unha emenda á totalidade cun modelo de construción europea, que se ten demostrado excluínte nestes dous eidos nun momento de crise sistémica.
A rolda de conversas mantidas con forzas soberanistas, plataformas cidadás e a esquerda federal enmarcada nestas coordenadas demostrou que, se ben esa necesidade continúa vixente, a posibilidade de levala a bo porto nestes intres (en Galiza e no conxunto do Estado) semella imposible.
Nese contexto, despois de darse un debate sobre o programa na nosa organización cunha baixa participación (menos do 20% da militancia), a Coordinadora Nacional de Anova-IN acordou o pasado 15 de febreiro convocar un referendo á militancia sobre as posibles alianzas para o vindeiro 23 do mesmo mes. Moitas foron as voces que advertimos da pouca marxe de tempo para celebrar a consulta e tamén da tendenciosidade e a non concreción das preguntas sometidas á opinión de todos e todas nós. Iso, sumado ás dificultades para acceder ao censo do conxunto da militancia, cuestionou serias dúbidas sobre se a consulta reunía unhas garantías mínimas para fomentar a participación.
Aínda así, os e as abaixo asinantes, entendemos que nos atopamos nunha encrucillada e debemos, por responsabilidade coa organización e coa cidadanía galega que depositou as súas esperanzas en nós, tomar partido e participar activamente neste proceso interno. Facémolo dende o máximo respecto a outras opinións e aos futuros resultados, e dende o convencemento de que resulta fundamental, cando menos, reforzar os esforzos nun proceso de acumulación de forzas transfronteirizas posto en marcha neste último ano e medio cun importante respaldo social.
Nese senso, entendemos que todo o que non sexa a opción 1 do referendo inhabilita a posibilidade de reeditar AGE no vindeiro proceso electoral e dificulta ao límite as posibilidades de obter unha presenza galega nesa nova internacional dos agredidos que está a agromar no espazo europeo.
Asemade, e dende o punto de vista estritamente político, pensamos que o nacionalismo galego debe ser un actor o máis forte posible nos diferentes procesos que nos afectan e que de seguro nos van afectar no futuro. Non se pode vivir alleo aos ámbitos (mal)gobernados polas Administracións que nos condicionan, que nos negan como pobo, que nos recortan ou que nos impoñen. Brincar do Padornelo aos Pireneos sen tratar de condicionar os procesos da esquerda federal non parece tampouco o máis intelixente e non ten dado ata o de agora demasiados réditos ao soberanismo galego. Xa que logo, quer no ámbito estatal, quer no ámbito europeo, coidamos que o máis responsable é tomar partido, establecendo alianzas con outras esquerdas de fóra de Galiza, estatais e europeas, porque é ilusorio pensar que sen elas poden mudar as cousas a mellor para os nosos intereses como pobo.
A opción 1 do referendo (que nós coidamos que debera estar aberta ao igual ca “dúas” ao engadido “e ou aos movementos sociais e ás plataformas cidadás autoorganizadas no espazo de ruptura”) é unha opción no caso de decidir participar que garante unha candidatura galega propia no marco das esquerdas rupturistas dos pobos, a posibilidade de facer unha campaña diferenciada centrada nas necesidades do noso país no contexto europeo e a posibilidade de que Anova-IN propoña á persoa encargada de representar ao espazo AGE en postos de saídada candidatura estatal. Esta posibilidade non existe, de momento, na outra opción a maiores da de non participar. Nesa outra opción borrosa non sabemos a día de hoxe nin con quen, nin cando, nin como nin onde se nós propón ir.
A presenza de AGE na política galega ten múltiples significados que en por si xa xustificarían o propio nacemento e o proceso político de Anova. AGE creba fronteiras, crea novos espazos de representación cidadá, evidencia a necesidade dos procesos de acumulación de forzas provenientes de tradicións políticas distintas que entenden as esixencias deste tempo e abre un espazo de construción que está por desenvolver.
Porque en realidade non se trata de sumar siglas a un proxecto de crecemento electoral, senón de promover o desbordamento de todas as marxes partidarias e constituír un espazo social de participación e de construción dunha nova ferramenta política, eficaz para a transformación e para o traballo na sociedade civil e nas institucións. Ambos inseparables.
Daquela, entendemos que é imprescindible facer sólida e expansiva a cultura de Fronte Ampla que hoxe se plasma de xeito precario en AGE. A alianza debería seguir profundando na experiencia unitaria, abrirse a novas incorporacións, e non só de organizacións partidarias, senón de sectores que na sociedade civil operan á marxe dos partidos sen os cales non será posible ningunha clase de creba democrática. Cómpre entendermos que baixo estes principios de unidade e construción dun espazo común, moitos homes e mulleres organizados noutras ferramentas políticas, sociais ou sen organizar, teñen un sitio para traballar.
Crebar esa alianza, non profundar nela e deixar que fosilice nas dinámicas exclusivamente institucionais, implicaría inxectar frustración a moreas entre os douscentos mil votantes de AGE e entre todas aquelas persoas que confiaron no noso discurso e se esperanzaron con el.
Abandonar o camiño iniciado non só defraudaría expectativas dos sectores populares máis concienciados, senón que significaría, de facto, asumir que, de todo o feito ata hoxe, moitas cousas foron un erro. En todo caso, deixaría aberta a porta para que outros ocupasen ese espazo e poñería en perigo ese proceso de acumulación de forzas no futuro para vindeiros procesos.
Estamos no mundo e impugnamos o sistema. Somos nacionalistas e polo tanto, somos internacionalistas. E se nos determinamos á acción política é porque entendemos esta como un proceso de organización da inmensa maioría da sociedade para enfrontarse a esa minoría inmensa que vive de explotar a nosa forza de traballo. A necesidade de resposta ao ataque esixe organizacións amplas que lles dean prioridade aos programas de acción por riba das diferenzas lexítimas na tradición política de cada grupo. É a nosa determinación contribuírmos a crear espazos de participación e decisión política para esa maioría social agredida.
Por todos estes motivos, queremos facer un chamamento ao conxunto da organización de Anova-IN para que sexan quen, contra reloxo, de organizarse e participar.
Todo*s *s que asinamos queremos participar nunhas eleccións europeas nas que o modelo europeo estará en cuestión e no que unha alianza das esquerdas rupturistas dos pobos  pode ser útil neste contexto de esmagamento da cidadanía do común.
As batallas democráticas non son as que se gañan, as batallas democráticas son as que se dan.Neste contexto e por estes motivos, se o que se decide nesta consulta tan só é a continuidade ou non da fórmula AGE en Galiza, a nosa opción no referendo é a opción 1, xa que#NósQueremosAGE.


No hay comentarios:

Publicar un comentario