ANOVA OGROBE FAI UN CHAMAMENTO ÁS FORZAS NACIONALISTAS E DE ESQUERDAS CON
PRESENZA EN OGROBE: POLA UNIDADE DE ACCIÓN EN DEFENSA DAS MAIORÍAS SOCIAIS
Nós,
cidadáns e cidadás galegas, militantes de Anova - Irmandade nacionalista en
Ogrobe, conscientes do enorme deterioro social, político e económico que
estamos a sufrir como consecuencia das políticas de austeridade impostas dende
as instancias económicas e políticas internacionais; conscientes das
limitacións democráticas do réxime bipartito nacido na Transición; conscientes
da renuncia por parte das institucións galegas (incluidos os concellos
gobernados polo PP como o noso) á defensa dos sectores máis agredidos e dos
sectores produtivos,conscientes da situación de emerxencia na que nos atopamos,
así como de que entre as instancias ás que apelamos hai máis puntos de encontro
que de discrepancia e conscientes da necesidade imperiosa de retirar do poder
municipal aos partidos do réxime, e combatir o pucherazo preelectoral que o PP
quere enmascarar nunha reforma da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, facemos
este chamamento á cidadanía meca e especialmente a Bloque Nacionalista Galego,
Compromiso por Galicia, Esquerda Unida e Podemos:
• Rexenerar
a democracia no Concello de Ogrobe para acabar coa corrupción sistémica dos actuais
membros do goberno municipal.
• Defender
dende as instancias municipais aos sectores máis agredidos polas políticas de
recortes e eliminación nas prestacións sociais, sanidade, ensino, cultura...
• Impulsar
políticas de ordenamento do territorio sometidas a criterios racionais e de
respecto polo medio ambiente, polo patrimonio histórico...
• Abrir o
Concello de Ogrobe á participación cidadá, sen atrancos e coa transparencia
como sinal de identidade.
Para lograr
estes obxectivos é necesaria máis que nunca a unidade de acción do nacionalismo
e da esquerda baixo a fórmula de Candidaturas Cívicas ou Frontes Amplas co
obxectivo de abrir paso a un proceso constituínte galego no que a soberanía
nacional se exerza polo pobo, soberanía popular.
Tras o test
das Europeas, contando o bipartidismo con menos do 50% e co avanzo de
movementos cívicos tal como pensamos en Anova cando propugnamos a Fronte Ampla
non excluínte, entendemos que esa segue a ser a alternativa para Galiza, para
conquistar a democracia real.
Entendemos
que é o momento de que a cidadanía tome a iniciativa e dende abaixo.
Organicemos plataformas cívicas a prol da creba democrática e trasladado á
instancia política polas forzas rupturistas que realmente conecten con esa
cidadanía.
Consideramos
urxente seguir propugnando na Galiza Frontes Amplas, dende abaixo, sabendo que
temos que concordar coa maioría social, ese 99% que dun xeito ou doutro sofre
as políticas da plutocracia estafadora.
Por iso:
Acordamos
tecer, propoñer e participar en Ogrobe en redes cidadáns que establezan os
alicerces para iniciativas políticas de unidade popular para o futuro
inmediato, mesmo electorais, como método de acción política.
Nun primeiro
chanzo, convidamos ós partidos ó Bloque Nacionalista Galego, a Compromiso por
Galicia, a Esquerda Unida e a Podemos a sumar e priorizar o que nos une e
non o que nos separa. Para iso pensamos
que sería positivo ter unha xuntanza deliberativa para ver as posibilidades da
conformación dun proceso aberto, impulsado por estes actores políticos que lle
dea á cidadanía a palabra nas vindeiras eleccións locais.
Trataríase de que o conxunto do pobo de Ogrobe máis comprometido puidese elixir en primarias ós seus candidatos e ás súas candidatas, que puidesen participar e aprobar o programa electoral dun frente cívico que apoiase os intereses do pobo antes que o dos poderes económicos, etc.