2 sept 2014

BOAS SENSACIÓNS...



ANOVA OGROBE VALORA POSITIVAMENTE A RECEPCIÓN DA PROPOSTA DE UNIDADE DA ESQUERDA E DO NACIONALISMO EN OGROBE

Durante estes últimos sete días, a proposta lanzada dende a asemblea local de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe tivo unha acollida positiva pola totalidade das forzas convidadas. As liñas propostas de reactivación social e económica do Concello, de transparencia e participación cidadá, de cambio de rumbo das institucións e da vida económica e política da localidade e o seu entorno son básicas para tódalas forzas da esquerda e do nacionalismo galego. Do mesmo xeito, estas premisas básicas fan evidente que a unidade é algo que a sociedade tamén ve con bos ollos e agradece. 
 
Nestes días, foron moitas e diversas as mostras de apoio á iniciativa que busca abrir un espazo participativo que protagonice a cidadanía á hora de construír programa, elixir candidatas e candidatos, sinalar os déficits máis urxentes da localidade, favorecer ós puntos fortes que a sociedade e a península de Ogrobe ten, etc.

Tanto Compromiso por Galicia como Podemos comparten expresamente a proposta de inclusión e participación humilde e honesta. Agardamos que ese mesmo camiño sexa o seguido tanto por BNG como por EU. Ámba–las  dúas forzas dependen do que a súa militancia decida no seo das súas respectivas asembleas. Convidamo–las, polo tanto, a que coparticipen deste proceso de empoderamento cidadá. De feito, este mesmo mércores, EU organiza unha asemblea aberta na que dende Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe, agardamos que sexa o lugar e o momento no que a súa militancia e base social den ese tan agardado paso.


Entendemos que é o momento de que a cidadanía tome a iniciativa e dende abaixo. Organicemos plataformas cívicas a prol da creba democrática e trasladado á instancia política polas forzas rupturistas que realmente conecten con esa cidadanía.

Detectamos que non é un tema que só preocupe ós partidos políticos, senón que está a xerar un intenso debate que non é máis que a mostra das ganas que a cidadanía ten de participar nos asuntos que máis lle afectan no día a día: orzamentos, axudas a asociacións de veciños e asociacións deportivas, ocio e cultura sustentable, estado das instalacións públicas, etc. Non debemos esquecer que a vida política local sempre propuxo dende hai décadas piscinas, pavillóns, auditorios, centros de día... e sempre foron os intereses de catro os que impediron a consecución destas demandas.

A tan comentada reforma electoral do PP non é máis que outro motivo máis para favorecer este proceso que busca a unidade de acción dos partidos para que sexa a xente a verdadeira dona do seu destino.