28 nov 2014

SOMOS MAIORÍA: A CIDADANÍA DONA DO SEU FUTURO



ANOVA OGROBE ANIMA A PARTICIPAR ACTIVAMENTE NA INICIATIVA CIDADÁ SOMOS MAIORÍA


A asemblea local de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe acordou na súa última xuntanza apoiar e que a súa militancia participe na iniciativa cidadá Somos Maioría. 
 
É coñecido que a finais do verán Anova Ogrobe convidara ó conxunto das forzas nacionalistas e da esquerda na oposición do noso concello a tentar conseguir unha unidade de acción de cara ás eleccións municipais do vindeiro ano, tentando acadar unha única lista apoiada por BNG, EU, CxG, Podemos e a propia Anova, dándolle o protagonismo non a estas formacións políticas, senón á cidadanía. Posteriormente xurdiu no noso pobo este proceso de participación cidadá que comparte amplamente as nosas inquedanzas políticas e metodolóxicas, tanto a nivel local como a nivel nacional.
 
Dende Anova Ogrobe pretendimos dende o primeiro momento construír un proxecto político de abaixo cara arriba, que lle dese o protagonismo á cidadanía en clave de esquerda e de país. Vemos que no noso pobo existen determinados problemas que os partidos políticos non son quen de solucionar, pero si que a cidadanía autorganizada puido e pode. Tanto as demandas de reforma do colexio Rosalía de Castro impulsada pola súa ANPA, como a defensa do medioambiente protagonizada pola Plataforma contra o campo de golf na Siradella, así como as demandas das nais e pais na Gardería de Rons, etc son claros exemplos de como ante a necesidade, o noso pobo ten capacidade de organización e defensa dos nosos dereitos. 

Na actualidade vemos como a nefasta xestión do tripartito presidido por Miguel Ángel Pérez nos agasalla cun novo problema, o PXOM. Novamente é a cidadanía a que, a través da Plataforma de afectados polo PXOM sae á rúa a defende-los nosos dereitos. Ante todos estes exemplos, e no actual escenario político no que o bipartidismo que nos trouxo ata este contexto de crise sistémica amósase incapaz de recuperar a senda do crecemento e do reparto xusto da riqueza, así como de solucionar os principais problemas dos grovenses en tanto que galegos, a iniciativa cidadá Somos Maioría semella unha ferramenta perfectamente válida para alcanzar a tan demandada unidade de acción para a defensa dos intereses dos quen máis padecemos esta crise.


Por todo isto, Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe convida a participar na asemblea deste sábado 28 de novembro que terá lugar na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rei, convocada pola iniciativa cidadá Somos Maioría a partires das 18:00h.


Anxo López Vale.
Coordinador local de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe.
Ricardo Garrido.
Voceiro local de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe.