26 jun 2013

AGE acusa a Feijóo de ser un “rei Midas ao revés” e acabar coas caixas de aforros

A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, acusou ao presidente da Xunta de “ser un rei Midas ao revés” e acabar coas caixas de aforros. Todo isto adobiado coa habitual restra de mentiras e medias verdades que engalanan a acción de goberno do señor Núñez e os seus secuaces. Foi na última sesión de control ao xefe de Executivo no actual período de sesións, cando Alternativa preguntou arredor da súa estraña querenza por ocultar información ao Parlamento de Galicia. “Cantos escritos debemos presentar para coñecer os contratos da Xunta co seu amigo narco Marcial Dorado”, interrogou Díaz. Por suposto, Feijóo non se deu por aludido.

“Vostede minte, minte e minte”, insistiu a viceportavoz de AGE, desta volta en relación á actitude do Goberno do PP na fusión e posterior desaparición das caixas de aforros. “Vostede dixo que a de KPMG era unha auditoría e que avalaba a fusión. Pois ben, nin era unha auditoría, que era un caderno de vendas, nin recomendaba unha fusión”. Díaz tamén lembrou que esa falsa auditoría custou 1.300.000 euros de todas as galegas e galegos e que o Goberno non permite o acceso público á mesma.
A viceportavoz explicou, ademais, que en marzo de 2010, cando se realizou o informe de KPMG, “todo o mundo sabía que as preferentes eran produtos tóxicos” e, aínda así, no caderno de vendas de KPMG recomendaban vendelas para facer fronte aos problemas das caixas. Alternativa Galega de Esquerda non se considera atinxida pola declaración de “segredos” dos papeis solicitados pola comisión de investigación das caixas no Parlamento e Yolanda Díaz anunciou que o grupo parlamentario difundirá publicamente esa información.

20 jun 2013

A retirada de 30 accesorios do catálogo do Sergas é un novo ataque ao dereito á saúde

A retirada de 30 accesorios do catálogo do Sergas é, segundo a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Eva Solla, un novo ataque ao dereito á saúde da cidadanía. O pasado un de maio a Consellaría de Sanidade anunciou a redución de medicamentos e accesorios sufragadas polos cartos públicos, amparándose en que o Estado deixaba de financialos. Esta tarde, na comisión parlamentaria 5ª, en resposta a preguntas da parlamentaria Eva Solla, a Xunta volveu empregar esa escusa para xustificar a continuación do labor de zapa que realiza o Goberno do señor Núñez sobre a sanidade pública.


“A que está a xogar a Consellaría de Sanidade coa xente”, preguntouse Solla, “por que existe algún estudo previo do impacto desta medida? Van compensar as rendas baixas?”. Todas as cuestión caeron en saco roto, porque o enviado do Sergas ao Parlamento parapetouse tras a decisión do Executivo de Rajoy, como se non fose o PP quen goberna en San Caetano e na Moncloa. “Á xente válelle de algo  que vostede recite a lexislación estatal?”, insistiu a deputada de AGE, “porque en realidade vostedes atacan os máis febles e logo aínda veñen ao Parlamento a dicir que defenden a vida”.

A medida aprobada polo Sergas implica que quedan fóra do catálogo accesorios como as cámaras de inhalación pediátrica –que custan uns 40 euros e que os pediatras dos centros de saúde públicos piden ás familias para poder reutilizalos-, os apósitos para traqueotomías ou as sondas vexigais de baixa fricción –que poden chegar a custar ao paciente 200 euros ao mes

Os comedores escolares deben abrir no verán para atender o alumnado con problemas económicos

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Ramón Vázquez, esixe á Consellaría de Educación que abra os comedores escolares nos meses de xullo e agosto para atender o alumnado con problemas económicos e carencias nutricionais. Esta iniciativa, presentada nunha proposición non de lei, responde a que profesorado e asociacións de nais e pais veñen denunciando, ao longo do curso que acaba de rematar, o aumento de cativas e cativos con carencias alimentarias. “Mesmo confirmouse”, afirman os parlamentarios de AGE, “que o xantar realizado no comedor escolar constitúe a principal achega nutritiva da xornada para boa parte dos estudantes”.


Coa crise derivada do neoliberalismo extremo e as políticas da troika aplicadas en Galicia polo Goberno do señor Núñez a forza de recortes e unha austeridade suicida, as condicións de vida das maiorías sociais empeoran día a día. 93.000 familias sobreviven con todos os seus membros en paro e 33.000 non reciben ningún tipo de ingreso. Datos do Instituto Galego de Estatística aseguran que seis de cada dez familias apenas dá chegado a fin de mes. 650.000 persoas están en situación de pobreza e 120.000, en pobreza severa. Neste contexto, os pediatras agrupados na Asociación Española de Pediatría insisten nos problemas de desnutrición infantil derivados do incremento da pobreza provocada polas accións da dereita que ocupa os diferentes gobernos.
Alternativa reclama, así, que os comedores escolares de vilas e cidades galegas abran durante as vacacións, o que permitiría que nenas e nenos accederán a unha alimentación axeitada e pide á Xunta un programa de atención socioalimenticio para os cativos de familias con dificultades socioeconómicas.

19 jun 2013

AGE non participará na pantomima da comisión de investigación das caixas se non se levanta o carácter secreto da información

O voceiro, Xosé Manuel Beiras, e a vicevoceira, Yolanda Díaz, anunciaron que continuarán o traballo de consulta e investigación do material aportado pola Xunta pero “practicaremos a desobediencia e o desacato” xa que non respectarán a imposición do PP de

Comunicado conxunto EU-Anova respecto das obras no CEIP Rosalía de Castro d'O Grove

CEIP Rosalía de Castro


Desde as asembleas locais de Esquerda Unida e Anova Ogrobe, queremos denunciar a actitude do alcalde Miguel Ángel Pérez respecto das obras que a Xunta de Galicia se comprometera a realizar no CEIP Rosalía de Castro. Pérez amósase neste caso como un anano político, incapacitado para representar os intereses do pobo d'O Grove. Se hai un par de semanas asumía como propia xunto ao resto de grupos políticos da corporación a solicitude da ANPA para que se realizaran as obras da terceira fase no CEIP Rosalía de Castro, observamos atónitos como a semana pasada se plegaba sen fisuras ao discurso da Xunta do PP de non realizar estas obras, incluso xustificando esta decisión política da administración autonómica. 

A este dobre descurso de Pérez estamos acostumados. Nos seus distintos mandatos como alcalde amosouse sempre sen liderazgo ante as administracións superiores que controla o seu partido á hora de conquerir inversións importantes para o noso pobo. Neste aspecto Pérez demostra ser sempre fiel ao seu partido antes que aos seus veciños. Á vista dos feitos podemos concliur que está incapacitado para ser o máximo representante municipal. 

A solicitude das obras no pavillón do Rosalía de Castro non son un capricho, son imprescindibles para o normal desenrolo do programa de educación física nesta etapa escolar. O estado lamentábel desta instalación faina inutilizábel os días de choiva, o que dificulta enormemente as aulas de educación física. Mais non só afecta ao normal desenrolo da actividade escolar, xa que este pavillón é utilizado para varias actividades extraescolares, o que todo xunto convirte en urxente a intervención nesta infraestrutura. 

Dende o grupo parlamentar de AGE, será levado á Comisión de Educación e Cultura do Parlamento Galego unha proposición non de lei onde se denuncia non só o non valer do compromiso que o Goberno da Xunta adquiriu coas nais e pais do CEIP Rosalía de Catro, senón que demostra o feito ata o de agora presenta importantes deficiencias non axustandose á normativa sobre seguridade e prevención de accidentes dos nenos e nenas, así como á ausencia de mobiliario para actividade física ao “aire libre” (canastas, porterías…).

Visita do Conselleiro en 2011 ao CEIP Rosalía de Castro pouco antes da eleccións estatais

18 jun 2013

Proposición non de lei, presentada por AGE ante a Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia, no proceso de Regularización das Embarcacións de Pesca

Á MESA DO PARLAMENTO

O Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu voceiro e a iniciativa do seu deputado Juan Manuel Fajardo Recouso, ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Comisión.

Exposición de Motivos:

Milleiros de pequenos armadores de Galicia, en realidade milleiros de pescadores artesanais, que co apoio suficiente da administración poderían crear emprego nunha situación como a actual, de acadar o apoio suficiente da Xunta de Galicia, están sendo de novo atacados polos gobernos de turno, neste caso polo proceso de regularización das súas embarcacións.

Durante anos a propia administración foi permisible co sector, incluso outorgando axudas públicas para modificar a realidade e configuracións das embarcacións utilizadas para a pesca nas nosas costas, polo que a día de hoxe a gran maioría das embarcacións cuias características actuais non concordan cos parámetros de orixe das mesmas.

O protocolo da Xunta sobre acoso escolar é improvisado, burocrático e punitivo

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron, cualifica o denominado Protocolo Xeral de Prevención, Detección e Tratamento do Acoso Escolar e Ciberacoso, enviado onte acompañado dunha circular de instrucións aos centros públicos de ensino non é máis ca “unha medida improvisada da Consellaría da Educación ante as reiteradas denuncias existentes”. AGE vén manifestando a súa preocupación crítica polo aumento de casos e denuncias de acoso e violencia escolar.

Pero a solución ofrecida pola Xunta con este documento (pode consultarse completo nesta ligazón: http://www.edu.xunta.es/web/node/9678) presenta numerosos puntos escuros. O primeiro, explica o parlamentario Ramón Vázquez, refírese á súa elaboración de costas á comunidade educativa. “Non contaron cos observatorios da convivencia escolar, nin co galego, nin cos provinciais nin cos das escolas”, expón, “e tampouco con asociacións e colectivos dedicados ao asunto”. Ademais, os datos sobre os que se alicerzan as medidas de Educación baséanse en informes de ámbito estatal e datados no ano 1999.
“Todas as accións recollidas neste protocolo teñen a ver con cubrir fichas, é burocrático e punitivo, e non propón ningunha intervención”, critica Vázquez, “e despreza o papel dos orientadores dos centro públicos de ensino. Para poñerlle o ramo, fala de ‘medidas reeducadoras’, un concepto superado hai anos en pedagoxía”. Alternativa Galega de Esquerda presentará iniciativas para instar a que o Goberno do señor Núñez Feijóo elabore estudos precisos sobre o acoso e a violencia escolar e a partir dese diagnóstico real realice intervencións efectivas para eliminar o andazo.