18 sept 2013

Beiras denuncia que os incendios son “unha desfeita ecolóxica recorrente que o poder ignorou sistematicamente”

O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, denunciou esta maña en rolda de prensa que os incendios forestais son “unha desfeita ecolóxica recorrente que o poder autonómico ignorou sistematicamente”. “É como se a catástrofe do Prestige se repetise cada ano e que os sucesivos Gobernos da Xunta non tomasen ningunha medida estratéxica, de longo alcance, ao respecto”, expuxo, antes de explicar a proposición non de lei (pnl) do seu grupo parlamentario que recupera o Ditame da Comisión non permanente para estudio da problemática dos incendios forestais aprobado polo Parlamento en 1987. Trátase dun documento que recolle 47 medidas concretas contra a problemática dos lumes. “Entre outros asuntos, inclúe a necesidade de ‘conseguir que as accións preventivas teñan cada vez máis importancia”, sinalou Beiras, “algo que, como vimos este ano, en que os traballos preventivos comezaron en xullo, segue sen se cumprir”.
As maiorías absolutas de Fraga Iribarne deixaron ese acordo unánime nun caixón. “É un exemplo de como o Partido Popular trata o traballo da oposición, desprézao e ignórao, especialmente dende a chegada de Fraga Iribarne e ate hoxe”, engadiu o portavoz de Alternativa, “e esquécese, cando se fala de alternativas, que no fondo dos arquivos deste Parlamento hai alternativas elaboradas pola oposición que nunca foron aceptadas polos gobernos do PP”. O caso do ditame de 1987 sobre os incendios non é este, xa que foi asinado por unanimidade na Cámara daquel ano.
Pero AGE vai máis alá de rescatar ese documento histórico. A través do deputado Antón Sánchez, que acompañou a Beiras na comparecencia antes os medios de comunicación, presentou outra proposición non de lei con 13 medidas para “entrar no fondo da cuestión dos lumes, algo que pasa por fixar poboación no medio rural”. Segundo Sánchez, a actitude do señor Núñez diante dos incendios redúcese a “inventar unha frase lapidaria cada día para intentar desviar a atención e eludir as súas responsabilidades”. Logo de cinco anos seguidos de Goberno, o PP de Núñez non elaborou un diagnóstico serio sobre o que acontece nos montes galegos. “Se o 45% dos lumes do Estado español prenden en Galicia, a que se debe? O señor Núñez intentou sabelo? Que medidas tomou?”, pregúntase o deputado, quen ataca a actitude do presidente da Xunta e equipáraa cun ministro do Interior que achacase as causas dun aumento de delincuencia aos delincuentes.
“O que acontece en Galicia non é casualidade”, estendeuse Antón Sánchez, “e ten que ver cun modelo forestal de baixa calidade ao servizo da industria pasteira ou cunha Xunta que non fai nada para impedir a reforestación ilegal de terras agrarias, xa denunciadas”. Entre 1987, ano do ditame do Parlamento galego ao respecto, e hoxe, 350.000 persoas abandonaron a actividade agraria. Eis unha das chaves do que sucede cada ano no monte galego. “Nos últimos anos, enfrontouse o monte coa actividade agraria, cando a súa relación sempre fora de cooperación”, concretou. Entre as medidas que AGE propón, logo de consultar con asociacións ecoloxistas, sindicatos agrarios ou mancomunidades de montes, atópanse un novo planeamento do monte a cincuenta anos vista, a profesionalización da detección e extinción de incendios ou un ordenamento territorial que fomente alternativas produtivas no rural.

17 sept 2013

Beiras advirte de que AGE seguirá a defender os cidadáns “custe o que custe”

“Non estamos dispostos a aceptar chantaxes nin do poder nin dos seus cómplices. Alternativa Galega de Esquerda vai continuar exercendo a dignidade, defendendo aos cidadáns e retroalimentando a rebelión cívica custe o que custe”. A comparecencia de prensa de Xosé Manuel Beiras, posterior á xunta de portavoces do Parlamento serviulle ao líder de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) para ofrecer unha reflexión xeral sobre “a degradación e podremia” do réxime saído da Segunda Restauración Borbónica e das súas institucións. Entre elas, a Cámara de representantes galega. E fíxoo apenas uns minutos despois de que o Partido Popular se negase, en comisión, a condenar as infames declaracións do alcalde de Baralla en que xustificaba os asasinatos franquistas e frivolizase coas vítimas do franquismo.


“Nós chegamos aquí cun contrato cos cidadáns”, explicou Beiras, “e alerta para non adquirir compromisos podres, como advertía Oskar Lafontaine, usuais neste Parlamento. Iso comporta unha actitude obxectivamente transgresora. Pero por máis exasperación que amosemos nos debates, esta non é equiparábel ao acoso e discriminación ao que estamos sometidos polo PP”. De “fascismo de novo deseño” alcumou Beiras as actitudes dunha dereita, a comandada polo señor Núñez en Galicia, que encarna o poder corrupto, ese que nin sequera acepta dar explicacións nas institucións de asuntos como o financiamento irregular do PP galego ou sobre as responsabilidades no accidente de tren de Angrois. “Iso si, logo permítense atacar a AGE por defendermos os dereitos constitucionais de catro mozas e mozos [en referencia ás independentistas condenadas pola Audiencia Nacional cunha sentenza desproporcionada e inxusta]”, engadiu o portavoz de AGE, “condenados con leis de excepción inconstitucionais, que producen indefensión e que son denunciadas por Amnistía Internacional ou Justicia y Paz”.
Perante este estado de cousas, en que a maioría parlamentaria emprega o poder lexislativo como o seu couto privado, Beiras esixiu aos órganos de dirección do Parlamento que actúen en correspondencia coa defensa dos dereitos dos representantes. “E para analizar a violencia recoméndolles un libro de Löis Vacquant, Os cárceres da miseria, sobre os procesos que conducen á transformación dun Estado social nun Estado penal”, espetou, “porque o que temos é unha maioría social asfixiada polas políticas do PP e este, no canto de procurar solucións, aplica a represión pura e dura”. O portavoz de Alternativa rematou expondo que contra a apoloxía do fascismo do PP –que na comisión parlamentaria mesmo chegou a facer burla da condición de represaliado do pai da viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz-, o seu grupo parlamentario seguirá a “defender os cidadáns, mozos e vellos, e os dereitos constitucionais de todos”

15 sept 2013

Anova proponlles ás forzas nacionalistas e de esquerda unha fronte ampla para a ruptura democrática nas eleccións europeas

A Coordinadora Nacional de Anova, reunida en Teo o 14 de setembro de 2013, acorda pular por unha fórmula de fronte ampla non excluínte para as eleccións europeas.

As vindeiras eleccións europeas poderiamos abordalas como unhas eleccións máis para representar a Galiza no Parlamento Europeo, mais Anova debe apostar por convertelas nun plebiscito do réxime ou, polo menos, nun ensaio xeral da creba democrática.
Por iso, Anova acorda:
1. Facer un chamamento a todas as forzas políticas galegas nacionalistas e da esquerda rupturista, aos movementos cívicos, para dialogar e conformar un acordo de unidade de acción electoral para as eleccións europeas baixo a fórmula dunha fronte ampla non excluínte.
2. Facer un chamamento ás organización políticas, e tamén ás plataformas e organizacións cívicas das outras nacións, para que baixo o principio do máximo respecto á autoorganización de cada unha delas, constitúan o seu suxeito político plural disposto a partillar connosco nunha coalición electoral que teña como propósito común a loita pola fin do réxime, a ruptura democrática e a democracia real.
Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova, fixo a proposta de frente ampla para as eleccións europeas, unha alianza de todas as forzas rupturistas a nivel do Estado con dous eixos: o dereito de autodeterminación das nacións e a creba do réxime da segunda restauración borbónica.




12 sept 2013

AGE denuncia a soberbia, a ignorancia e o discurso triunfalista da Xunta mentres arde o monte Pindo

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, denuncia “a soberbia, a ignorancia e o discurso triunfalista da Xunta” xusto cando está arder o monte Pindo, lugar de enorme importancia natural e símbolo nacional galego. “Sentimos raiba e indignación”, afirmou Sánchez esta mañá, “ante a soberbia e a ignorancia do señor Núñez”. “O Goberno fixo un discurso triunfalista sobre os lumes e focaliza o problema nos incendiarios”, engadiu, “que é como se o ministro de Interior descargase a responsabilidade no aumento de delincuencia nos delincuentes”. Para AGE, a política forestal da Xunta é inexistente e, polo tanto, absolutamente irresponsábel. Que haxa ou non lumes nos montes, sinala Sánchez, “depende unicamente das condicións climatolóxicas. Isto é intolerábel”.


“O único que fai o presidente é propaganda e publicidade, e a conselleira [de Medio Rural, Rosa Quintana], amosar a súa ignorancia”, explicou o deputado de Alternativa, “e ao PP só lle interesa gañar as súas batalliñas”. No debate do pasado martes, no pleno do Parlamento, a responsábel de Medio Rural “deu datos falsos e non abordou os cambios en profundidade que precisa o modelo agrario e forestal en Galicia”. Segundo Antón Sánchez, o despoboamento do rural atópase entre as causas centrais das vagas de lumes que cada ano arrasan os montes do país. “A Xunta debería comezar por facer cumprir a lei de prevención de incendios forestais”, concluíu o parlamentario de AGE, “porque hai centos de denuncias por repoboación forestal e plantacións ilegais que fican sen tramitar”.

11 sept 2013

O señor Núñez agóchase e non explica no Parlamento o financiamento irregular do PP

“Unha vez máis vostede, señor Núñez, agóchase da opinión pública e do Parlamento e non explica aos cidadáns o financiamento irregular do PP de Galicia”. Sobre este eixe, a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Yolanda Díaz esixiu ao presidente da Xunta –na sesión de control do pleno do Parlamento- aclaracións sobre o financiamento irregular do seu partido, que figura entre os papeis do antigo tesoureiro do PP Luis Bárcenas. E que inclúen doazóns de empresas superiores á contía legal -60.000 euros- cando Alberto Núñez Feijóo xa presidía a organización. “Vostede contrata con esas compañías pero non dende que preside o Goberno”, espetoulle Díaz, “senón dende que era amigo de Marcial Dorado”.

Mentres o señor Núñez volvía, máis unha vez, escapulirse e non respondía ás cuestións formuladas por Alternativa, Yolanda Díaz lembráballe algunhas das súas hipócritas declaracións. “Vostede dicía que Bárcenas era unha mazá podre no partido, pero o que está poder é a cesta enteira”, afirmou. Porque amparar, e beneficiarse de, o financiamento ilegal significa “perverter a democracia”, rachar as regras do xogo e construír hexemonía política –como fixo o PP- a forza de trampas. Núñez escudouse n que falará cando llo pida un xuíz, o que indignou as bancadas da oposición. A viceportavoz de AGE preguntou daquela: “Cando vai contar nos tribunais o que aquí non se atreve?”.
Para Alternativa, o señor Núñez non é un presidente lexítimo. As súas amizades perigosas con contrabandistas e o financiamento irregular que figura nos papeis de Bárcenas e sobre o que o Partido Popular construíu parte da súa hexemonía electoral, e política, demóstrano. “O único que amosou vostede no Parlamento hoxe é que lle importa todo un bledo”, pechou Yolanda Díaz, “e repugnante é o aparello de financiamento irregular do PP galego”.

9 sept 2013

A nova lei do emprendemento do PP eximiría de licenza municipal a proxectos como Corcoesto

Antón Sanchez, deputado de A.G.E.

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, denuncia que o denominado proxecto de lei “do emprendemento e da competitividade económica de Galicia”, publicado no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia o pasado martes, non é máis que un texto neoliberal extremista e que resume toda a propaganda de desregulación das políticas que conduciron á actual crise económica e social.

 Pero non só iso. Segundo expón Sánchez, “o Goberno do señor Núñez non dá puntada sen fío e, coa nova norma na man, proxectos mineiros e ‘aproveitamentos’ hidroeléctricos como as minicentrais non precisarían licenza municipal”. É dicir, de saír adiante, un proxecto colonial e depredador como a mina de Corcoesto aforraría autorizacións e trámites e tería aínda máis doada a súa instalación no país. “O texto reduce o control municipal á

5 sept 2013

I Romaría de verán de ANOVA – O Salnés

Dende Anova IN da comarca do Salnes queremos invitar a todolos simpatizantes e militantes a I Romeria de verán que se vai celebrar o próximo Domingo 8 de Setembro na Illa de Arousa.

O máis importante, ter a oportunidade de pasar un día xuntos todas as persoas que traballan e teñen ANOVA como o seu referente en política, e tamén coas nosas familias. Queremos que sexa tamén un día para compartir coas nosas familias, e que vexan en primeira persoa eso que lles contamos do bo ambiente e rollo que hai en ANOVA – Salnés.

Animadevos a participar, que é un moi bo xeito de acabar o verán e retomar o pulso da vida política que hai moito traballo que facer….

I Romaría de verán de ANOVA – O Salnés

Illa de Arousa – Domingo 8 de Setembro.


·         11.00 H.:  Visita guiada ao Centro de Interpretación da Conserva da Illa de Arousa e ao muelle de pau
(o punto de encontro e partida será diante do Edificio do Concello da Illa, na Rúa de Palmeira {ao outro lado do paseo do Cantiño})

·         12.00 H.:  Proxección do documental “Doli, doli, doli…. coas conserveiras” sobre o traballo das mulleres da conserveira Odosa, da Illa e a loita que levaron a cabo para conseguir o recoñecemento do tempo traballado.


·         13.00 H.:    Roteiro ata o Mirador do Santo (no Con do Forno), o punto máis alto da Illa.

·          14.30 H.    COMIDA de confraternidade na Área de lecer da Praia Area da Secada.


o  Esta reservado un menú, na carpa do Chiringuito existente na propia área de lecer, por un prezo de 10 Euros persoa (Mexillóns; Empanada e Xamón asado con patacas fritidas e ensalada. Inclúe pan, refrescos e café [non postre]).