16 dic 2013

OGROBE PERDE DEREITOS E BENESTAR CUNS ORZAMENTOS QUE SÓ BENEFICIAN INTERESES PERSOAIS DO ALCALDE E DOS SEUS SOCIOS DE GOBERNO



 A CIDADANÍA É A QUE SOPORTA O PESO DA CRISE MENTRAS OS QUE GOBERNAN VIVEN Á CONTA NOSA


A aprobación dos orzamentos do Concello de Ogrobe para o vindeiro ano 2014 seguen a pauta de pauperización e involución económica marcada polo Partido Popular. Se nos ámbitos estatal e galego os gobernos de Rajoy e Feijoo están a recurtar dereitos e liberdades, o tripartito de Pérez, Bea e Ayda non se queda atrás.

Cando PP, PGD e A Meca chegaron ó goberno municipal en 2011, o orzamento do Concello situábase nos 9.320.624,13€, namentras que o proxecto actual para o vindeiro ano rebaixa esa cantidade ata os 8.915.000€. Un descenso de preto de medio millón de euros, o que supón un 4,35%. Este descenso nos orzamentos municipais fan cada día máis difícil o correcto funcionamentos dos servizos municipais así como a prestación dos mesmos, situándose as veciñas e os veciños de Ogrobe como principais perxudicados por unha política económica nefasta e desenvolta de xeito consciente pola dereita, representada no noso pobo no actual tripartito.

A situación agrábase ó ver que a débeda do concello aumenta 140.000€ dende 2011, un 10’5%, tendencia que se ven plasmando nos diferentes orzamentos do Concello  dende anos atrás, síntoma da incapacidade dos diferentes gobernos por atopa-los ingresos necesarios para facer fronte ós gastos da institución.

Pero a xestión do Partido Popular, aliado cos dous políticos con máis ego da península, o señor Alfredo Bea e a señora Ayda Filgueira, fai que os fondos municipais se empreguen para pagar, fundamentalmente, soldos e gastos correntes, é dicir, en si mesmo. Deste xeito, catro quintas partes dos gastos do Concello están referidos a actividades con pouca ou nula repercusión económica no conxunto dos veciños da localidade. De feito, dos 8.915.000€, so un1’2% (107.000€) terán como destino inversión, dos cales, so 34.500€ terán un efectivo reflexo no conxunto da cidadanía. En definitiva, o goberno tripartito adícase a ter un Concello baixo mínimos para poder escusar a privatización de servizos como o da recollida de lixo ou a instalación dun semáforo-radar. Iniciativas ben pintorescas como é habitual no concelleiro galeguista, Alfredo Bea.

É precisamente o espírito deste persoeiro, claramente recollido na expresión “la letra con sangre entra”, o que permite que dende o 2009 ata o 2013, as previsións por multas de tráfico aumentasen un 100%. O goberno de Miguel Pérez e Ayda Filgueira, coa inestimable inspiración do coñecido popularmente como “O sheriff” considerou que había que “freir a multas” ó conxunto dos veciños de Ogrobe. Pero, a todos por igual? Por suposto que non! Dende a entrada do tripartito producíse unha caída do 73% en multas urbanísticas. O que se pode interpretar ou ben como unha deixación de funcións en materia de control ou nunha connivencia cos infractores urbanísticos no noso pobo. Dende logo, nada oportuno xusto na antesala da aprobación do novo PXOM.

Se todo isto fose pouco, a cultura, os gastos sociais, a promoción da igualdade... tamén sufren descensos nos orzamentos para o ano 2014. Pola contra, aumenta o canon de SOGAMA pola mala xestión da Xunta de Galicia, tal e como denunciou no Parlamento Antón Sánchez, parlamentario de Anova en AGE., aumenta tamén o soldo dos funcionarios de máis alto nivel do concello e que teñen que controlar, fiscalizar e asesorar ó equipo de goberno na súa xestión diaria, aumenta tamén os fondos para as liberacións de cargos ó pasar a media liberación de Ayda Filgueira a dedicación exclusiva. Resulta case pornográfico ver como no último ano do anterior goberno local (PSOE-BNG-PGD) os gastos neste concepto eran de 112.000€ e na actualidade co PP-PGD-A Meca son de 156.500, un aumento de preto dun 30% mentras os orzamentos caen en picado e os servizos para os cidadáns se privatizan.

No ámbito da cultura, resulta escandaloso o desprecio polo coidado do galego que se ve reflexado nun descenso do 90% nos fondos adicados á normalización lingüística, ou a máis que ineficaz xestión dos fondos culturais e a inexistencia de colaboración e sinerxia entre o Concello e as empresas culturais da localidade.

No campo  da acción social, o Servizo de Prevención e Asistencia ó Drogodependente sufre un recorte que a piques estivo de deixa-lo morto. Polo de pronto xa non cumprirá coa función de Prevención, pois desaparecen os postos de traballo que se adicaban a este particular. Dende  o inicio da crise económica, a Xunta de Galicia estimou, e o concello de Ogrobe aceptou, que nun pobo tan castigado pola droga como é o noso, se recurte sádicamente nesta área. Pero ademais, tanto en Muller, como en axuda a domicilio ou en terceira idade, existen descensos de fondos dende a entrada deste goberno tripartito. Novamente as políticas da dereita, do PP e dos seus socios van en contra da xente do común.

Iso si, que non se diga que non pagámo-la luz! Dende o ano 2011 incrementouse en preto de 30.000€ a factura sen establecer medidas de aforro enerxético.

E para ser quen de pagar a maior factura do lixo de SOGAMA, da luz de Gas Natural Fenosa, e dos demais grandes acreedores auméntanse os ingresos polo IBI ou pola taxa do lixo. Incluso se chegou a dicir que a desaparición de dous postos de traballo con baixa cualificación estaba xustificado pola subida do canon de SOGAMA. A realidade amosa que este canon terá que pagarse moito máis tarde do que prevén os orzamentos e que esa amortización de prazas está motivada pola suba de soldo de Ayda Filgueira.

Resulta evidente, pois, que os orzamentos propostos por Miguel Ángel Pérez non miran polo benestar dos veciños e veciñas de Ogrobe, senón pola continuidade do seu posto como Alcalde sustentado por Fredy Bea e Ayda Filgueira, concedendo subidas de soldos e concesións baixo chantaxe. Nesta liña, os 145.000€ adicados á externalización e privatización do Punto Limpo, ou os 95.000€ que custará a instalación dos semáforos con radar para seguir multando ós e ás grovenses, ou os diferentes gastos protocolarios ou financieiros para a Festa do Marisco os primeiros e para Protección Civil os segundos (sumando en total 16.000€) so se entenden como método do señor Alcalde para calmar ás partes que forman o tripartito e o sustentan na poltrona.

Ante esta repugnante situación, a asemblea local de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe apela á seriedade dos representantes públicos e a que digan ás claras diante da cidadanía que non están na Casa do Concello para gobernar e xestionar os servizos públicos municipais, senón para encherse os petos e acadar aspiracións personais. Desexamos que o conxunto do pobo de Ogrobe vexa, unha vez máis, como as actitudes caciquís e bananeras do Alcalde, de Fredy Bea e de Ayda Filgueira, están a ser perxudiciais para todas e todos nós, mentras que so se benefician “os amigotes” e eles mesmos, como cando se destinan 80.000€ dos orzamentos do Concello como fondo particular para pagar abogados.

Ricardo Garrido.
Coordinador local Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe.

Xose Manuel Domínguez.
Responsable institucional Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe.



24 nov 2013

MOBILÍZATE CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

A violencia machista non só é unha agresión física contra a muller hai outros tipos que poden resultar máis difíciles de ver.



Dende a Asamblea Local de Anova - IN Ogrobe queremos aproveitar o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra á Muller, para mostrar a nosa repulsa ante unha lacra que afecta á nosa sociedade e que repercute na vida das mulleres a diario. Ben é sabido que O MACHISMO MATA, non hai máis que abrir un xornal e ver a cantidade de casos de vítimas mortais pola violencia machista que se repiten cada semana en diferentes puntos do país. Con isto tamén queremos manifestar o noso apoio ás convocatorias, que dende diferentes organizacións e plataformas feministas, se fan en moitas vilas da Galiza nesta data tan sinalada como mostra de rexeitamento ante este tipo de violencia contra ás mulleres.


O 25 DE NOVEMBRO É O DÍA INTERNACIONAL DA ELMINIACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES, HAI CONVOCATORIAS EN DIFERENTES VILAS DO PAÍS


Coas convocatorias e manifestacións para este luns 25 de Novembro, as mulleres de todo o país,  queremos poñer o foco de atención sobre a violencia que dende o goberno e certas institucións se pretende exercer contra os nosos corpos, contra a nosa sexualidade, a nosa saúde sexual e reprodutiva, a nosa liberdade e en definitiva as nosas vidas.
A abolición do dereito á interrupción voluntaria do embarazo, que propón o goberno do Partido Popular, supón un atentado contra todas as mulleres deste país, unha invasión dos nosos corpos que deixaría a calquera muller sen a opción a decidir libremente á vez que converte a maternidade nun mandato cultural e non unha libre elección. Isto é un acto de violencia contra as mulleres.

A CONCELLEIRA DE IGUALDADE DE O GROVE CONTRIBÚE Á VIOLENCIA MACHISTA CONTRA AS MULLERES MECAS

Como Concelleira de Igualdade e Benestar, Aida Filgueira, non vela polo colectivo máis castigado coa crise actual, as mulleres. Vemos ameazada a nosa autonomía laboral polos recortes que sufriu a Lei de Dependencia que obriga a moitas de nós a verse metidas na casa a coidar de persoas maiores e enfermas dependentes. Todo o mundo sabe que quen se fai cargo dos coidados e atencións das persoas dependentes son maioritariamente as mulleres.

De o grupo local de Anova-IN cremos firmemente que o incumprimento do pacto de goberno de Aida Filgueira co Partido Popular meco supón unha agresión directa aos intereses e necesidades dunha poboación con un gran número de persoas dependentes, en especial ás mulleres da vila.

A Concelleira de Igualdade e Benestar, Aida Filgueira, que acordara dotar a O Grove con un novo Centro de Saúde e un Centro de Día, queda en evidencia ante a poboación  meca que tempo atrás xa se mobilizara para conseguir preto de 3.000 firmas pola construción deste centro. Actitudes como esta demostran que o único interese da concelleira é o seu propio, e que as demandas da poboación nada pintan nos seus plans, unha maneira máis de apoiar as políticas machistas do Partido Popular que promoven a volta a tempos xa pasados que deixaba ás mulleres as tarefas do fogar e os coidados dos pequenos e maiores da familia.


O FEMINISMO EN ANOVA 


Dende Anova instamos a todas as persoas a manifestar a súa repusla en contra da violencia machista e de todas as atrocidades que isto provoca arredor do mundo en contra das mulleres, polo mero feito de selo.
Anova conta con un grupo de traballo feminista que loita polos dereitos das mulleres facéndoas visibles en todos os eidos. Este grupo chámase Acción Feminista que, entre outras loitas, busca cambiar a realidade patriarcal e consumista na que vivimos, comezando por desdemonizar a palabra "feminismo".
Dende Anova, e máis en concreto de Acción Feminista, pretendemos deixar moi claro que O "FEMINISMO" non é o contrario do "machismo" senón que é unha doutrina que DEFENDE A IGUALDADE DE DEREITOS ENTRE O HOME E A MULLER.
Ademáis Acción Feminista está facendo unha campaña de protesta con motivo do 25N ao longo do país que consiste en que as persoas que o desexen se saquen fotos portando un cartaz que recolle algúns dos tipos de violencia que sufrimos as mulleres e que comeza con “A violencia é…”
Un mundo mellor é posible, libre de violencia e inxustiza. Porque xa basta de medo, impotencia, frustración, rabia e tristeza; sentimentos que nos provocan as múltiples agresións que acotío vivimos polo simple feito de ser mulleres.

ANOVA ANIMA A TODAS AS PERSOAS, MULLERES E HOMES, A MANIFESTAR A SÚA REPULSA EN CONTRA DA VIOLENCIA MACHISTA

Estes son os lugares da Galiza onde se celebran concentracións ou manifestacións nesta data tan sinalada:
Compostela: CONCENTRACIÓN 20.30h Praza do Toural Compostela
Ferrolterra: CONCENTRACIÓN 20.00h Praza do Concello Ferrolterra
Ourense: CONCENTRACIÓN 20.30h Praza de Santa Eufemia (esquina rúa da Paz)
Vigo: MANIFESTACIÓN 20.00h Farola de Urzáiz


O machismo mata.

Lucía Torres Serantes
Responsable Local de Acción Feminista


21 nov 2013

A xestión de Núñez Feijóo fai que Galiza perda autonomía financeira

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Antón Sánchez, denunciou o espectacular incremento da débeda autonómica dende que Alberto Núñez Feijoo chegou á presidencia da Xunta de Galicia, que provocou o conseguinte incremento do custe anual do servizo da débeda aos galegos e galegas que ten consecuencias sobre a redución do gasto non financeiro e sobre a perda de autonomía financeira de Galiza, todo o contrario do que presume o Partido Popular.
No proxecto de Orzamentos da Xunta para o 2014, en trámite, o importe do total de operacións correntes (capítulos I ao V) : é de 7.213,8 millóns de euros e a suma de amortización capital e gastos financeiros da sección 22 (custo servizo débeda) é de 2.071,1 millóns de euros, polo cal a porcentaxe de custo da débeda sobre as operación correntes é de 28,71%, superior, por tanto, ao límite máximo do 25% que determina o art. 30.2 do DL 1/1999, Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (*)
O límite do 25% sobre os ingresos correntes sería de 1.803,5 millóns de euros, polo cal os Orzamentos excédense na sección 22 (custo do servizo da débeda) en 267,6 millóns de euros sobre o límite normativo que fixa a lexislación autonómica.
O incremento do custo do servizo da débeda (que case duplica ao do exercicio 2013) está causado tanto polo incremento dos gastos financeiros como, moi especialmente, polo incremento do endebedamento neto (que medra 115 millóns respecto do 2013, un 18% mais).
Consecuencia de dito incumprimento é que no 2014 todas as emisións de débeda da Xunta deben ser previamente autorizadas polo Estado (**).
Para Alternativa Galega de Esquerda resulta sorprendente ao respecto que nin na Memoria dos Orzamentos nin no Informe Económico-Financieiro se conteña a máis mínima referencia ao incumprimento do límite máximo do 25% que fixa a normativa autonómica de réxime económico-financieiro nin ao feito de como consecuencia de dito incumprimento as emisións de débeda da Xunta teñan que ser previamente autorizadas polo Estado.
“Pese a que o señor Nuñez Feijoo presume de non ter que recorrer ao Fondo de Liquidez Autonómico, por unha suposta solvencia da Xunta de Galicia, e que con iso nos financiamos máis barato, a realidade é ben distinta á que nos pinta un presidente demasiado acostumado a mentir” declarou o deputado Antón Sánchez.
O Consello de Ministros do pasado 31 de outubro acordou autorizar á Xunta a formalizar préstamos a longo prazo (podes comprobar no enlace) en moeda distinta do euro e emitir débeda pública por importe de 257.588.000 €. Ditas operación de endebedamento teñen por finalidade o financiamento do déficit orzamentario do exercicio 2013, acordado no Consello de Política Fiscal e Financeira do pasado 31 de xullo.
No DOG de hoxe publícase as condicións de dita emisión, a un tipo de interese do 2,75%(podes comprobar no enlace). Dito tipo de interese é superior ao tipo de interese da débeda equivalente do Estado (tipo de interese dos bonos do Estado a tres anos da última poxa : 2,064 %).
E non só iso senón tamén superior á emisión recente de débeda doutras comunidades autónomas, caso, por exemplo, da de Canarias, cun tipo de interese nominal fixo do 1,75%.(podes comprobar no enlace)
Por todo elo AGE, a través do seu deputado Antón Sánchez, rexistrou no Parlamento unha interpelación para que a Xunta de Galicia aclare a situación do financiamento da débeda e do seu custo. O goberno da Xunta debería explicar e xustificar como nunha situación de descenso dos tipos de interese do mercado da débeda pública nos Orzamentos do 2014 os gastos financeiros medran nun 18% respecto do 2013. “O interese do señor Feijoo de vender unha imaxe falsa da súa xestión económica pagámola todos e todas os galegos e galegas en forma de máis custo da débeda e menor gasto social” sinalou o deputado Antón Sánchez.
(*) O art. 30.2 do vixente Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en relación coa débeda, dispón que “A contía das anualidades de amortización, incluído capital e xuros, non poderá exceder do 25% dos ingresos correntes previstos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma en cada ano”.
(**) A Disposición Transitoria Terceira da LO 2/2012, de estabilidade orzamentaria habilita temporalmente (ata 2020) a non aplicación do límite do 25% fixado no art. 14.2 da LOFCA, pero requerindo para elo a concurrencia de circunstancias económicas extraordinarias e que o seu obxectivo sexa a cobertura dos servizos públicos fundamentais e precisando, ademáis, que nese suposto as operación de débeda deben ser previamente autorizadas polo Estado.

20 nov 2013

PROPOSTA DUN CENTRO DE DÍA PARA 2014

A Asemblea de Anova – Irmandade Nacionalista de Ogrobe unha vez analizados os orzamentos da Xunta de Galiza e vistas as informacións que nos chegan dos orzamentos do Concello, púxose a facer números e cadrou un resultado: un centro de día para Ogrobe operativo no 2014 é posible.


É indiscutible a demanda dun Centro de Día no noso pobo.

     Cunha poboación envellecida (no que máis de 1500 persoas superan os 65 anos) e os recortes por parte do Estado central e da Xunta de Galiza na Lei de dependencia fan que moitas familias da nosa vila non poidan ou se lles faga moi complexo afrontar o coidado dos seus maiores. 
     Xa considerada unha demanda histórica de Ogrobe, no 2010 conseguíronse ao redor de 3.000 firmas de veciños e veciñas de Ogrobe para a súa construcción e posta en marcha. Cremos que esta necesidade está xustificada e máis agora que o estado de benestar está a ser desmantelado polo goberno do Partido Popular e a lei da dependencia xa non é garante das necesidades das persoas maiores e as súas familias que deben escoller entre traballar fora da casa para ter ingresos e deixar aos maiores ao seu propio coidado, ou renunciar a un salario. 


Traballo estable para Ogrobe. 

     A cifra do paro en Ogrobe é escandalosa. É un dos Concellos máis castigados polo paro na Comarca do Salnés (1300 demandantes de emprego no mes de outubro, o que supón unha tasa do 24,05%), no que só está atopando respiro nos dous meses de verán. O funcionamento dun Centro de Día suporá a creación de postos estábeis de traballo na nosa vila, dende persoal cualificado na atención a persoas dependentes até limipadores/as, cociñeiros/as, camareros/as, etcétera. 


O Grove conta con 600.000€ para esta fin

     Ademais, o Concello conta cun crédito solicitado no 2011 de 1.500.000€ no que 600.000€ eran para a construción e posta en funcionamento dun Centro de Día. Esta necesidade tamén foi amparada por Aida Filgueira, actual concelleira de Benestar Social no Goberno da dereita presidido polo popular Miguel Ángel Pérez, que o puxo como requisito a ampliación do crédito en 600.000€ para incluír a construción dun Centro de Día. 
     Crédito que por outra parte está a xerar intereses a cargo das contas municipais dende xaneiro de 2012. 


Compromiso do Actual Goberno Local, Xunta e da Deputación 

    Na firma do Acordo de Goberno entre o PP – PGD – Ameca para o Mandato 2011-2015, e avalado polo Presidente da Deputación de Pontevedra e polo delegado da Xunta, establecíase como prioritaria a construción e xestión dun Centro de Día entre Concello, Diputación e Xunta de Galicia. 
     Aprobeitamos a ocasión tamén para “negarlle a maior” á concelleira Aida Filgueira que vende como alternativa a este centro a comedia que para nós supón o programa “Vellos Tempos”, proposta que consideramos papel mollado e unha simple manobra de distracción fronte á incapacidade do executivo local a conseguir proxectos de futuro e inversións por parte das administrcións provincial e autonómica na nosa vila. 

PROPOSTA DA ASEMBLEA DE ANOVA – IRMANDADE NACIONALISTA DO GROVE 

     A Diputación de Pontevedra conta cunha instalación, o antigo Sanatorio da Lanzada, que o Presidente da Deputación quere converter nunha “Pousada” que só vai en detrimento dos intereses dos hostaleiros de Ogrobe. 
     Os acordos tomados entre Rafael Louzán e a Plataforma cidadá en contra da “pousada” da Lanzada no que se incluía o desenrolo dun centro de formación regulada de hostalería e turismo e a potenciación dos campamentos de verán, foi posto en entredito por parte do presidente da Deputación ao anunciar que a xestión da pousada, ao contrario do acordado, vai a ser cedida a unha empresa privada, que se non é amiga o será despois de esta concesión. 

    Que a Deputación de Pontevedra destine ao servizo dos veciños e veciñas de Ogrobe o nomeado Sanatorio da Lanzada para que cumpra unha necesidade real para o pobo como é o coidado das persoas maiores e dependentes, e compatibilizando có uso acordado entre Louzán e a nomeada Plataforma vecinal. Ogrobe necesita un Centro de Día e non un hotel

     Que o Concello de Ogrobe faga uso dos 600.000€ cós que conta para poñer a punto o funcionamento dese Centro de Día (adaptación da infraestrutura e compra de material). 

   Que tanto o Concello, Deputación e Xunta de Galiza asuman a Xestión do Servizo, como se comprometeron por escrito a facer no 2011 cós veciños e veciñas de Ogrobe


    De non verse cumprido o compromiso que o tripartito adquiriu có pobo meco no transcurso do ano 2014, sexa asumindo a nosa proposta ou calquera outra que cumpla coas necesidades que os nosos maiores e as súas familias teñen, dende ANOVA-IN comezaremos unha campaña de mobilización social. Facemos tamén un chamamento a todos os partidos políticos para que se pronuncien sobre a proposta de ANOVA-IN e se sumen ou presenten propostas para que unha necesidade como esta vexa a luz no menor prazo de tempo posíbel.

18 nov 2013

PARADE!!!

“Nenos, nenas…XOGADE!” Cantas veces temos escoitado esa frase, ou algo similar, na nosa infancia. O deporte é algo fundamental na nosa vida, nos acompaña dende cativos que é cando estamos máis activos e sempre vai ligado a nós como un método san e beneficioso pra a nosa saúde, autoestima, desenrolo social,… Na escola foméntano en forma de asinatura, Educación Física, no cal nos instrúen na práctica de diversas disciplinas (fútbol, baloncesto, vollei, bádminton,…).

Nestes tempos que nos toca vivir, todo semella que é ao contrario; unha nova medida tomada pola Xunta, gobernada por un PP tiránico e incompetente, obriga á paralización de toda actividade futbolística das categorías base (adestramentos e competicións dende cadetes ata prebenxamíns). A razón é a prórroga do seguro médico deportivo do PROGRAMA XOGADE (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), impedindo a práctica do fútbol ao arriscar aos clubs a correr eles cos altos gastos médicos dos seus xogadores no caso de se mancar. O devandito programa naceu pra apoiar aos equipos en categorías base de distintas modalidades deportivas pra cubrir o pago da mutualidade, o que supón un alivio pra a economía de moitos clubs; sempre houbo a ameaza durante varias tempadas de que esta axuda desaparecería, e semella que desta vez cumpriuse. Analizando a situación, as consecuencias directas, serían as seguintes: os xogadores con ficha en vigor do ano anterior teñen a asistencia médica cuberta ata decembro, ao estar contratado un ano natural grazas á tempada pasada, o problema radica nos novos xogadores, eles son quenes non terían ningún dereito ao retirárselle automáticamente o seguro.

Esta decisión afectará a milleiros e milleiros de menores galegos que comezaban con toda a ilusión do mundo esta tempada, e que de noite pra mañá poderían verse sen equipo, e o máis preocupante, os gastos dos pais e nais e principalmente dos equipos que xa están realizados.

A Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte, sendo cómplice das prácticas recortantes provintes de Madrid, non está apoiando á realización do deporte en xeral a todos os niveis, menosprezando disciplinas frente a outras, favorecendo uns equipos frente a outros, mantendo cargos, exercendo o enchufismo “por doquier”, as taxas abusivas das federacións, os prezos das entradas aos ximnasios,… Acaso alguén pensa que é unha boa xestión do deporte? Isto traerá consecuencias nas persoas de non favorecer á súa práctica: fomento do sedentarismo, enfermidades cardiovasculares, baixa autoestima, depresión, problemas para durmir, sensación de cansancio, problemas de relacións sociais, obesidade,…

A práctica do deporte non pode faltar nas nosas vidas e dende cativos haina que fomentar. É un deber da sociedade pra ter un futuro san.

16 nov 2013

A XUNTA DE GALICIA VOLTA A ESQUECERSE DAS NECESIDADES REAIS DO GROVE NOS ORZAMENTOS PREVISTOS PARA 2014


ANOVA critica a falta de partidas para o sector do mar, e para cubrir demandas históricas dos veciños como o Centro de Día ou o Centro de Saúde.


A  agrupación  local  de  ANOVA  –  Irmandade Nacionalista  Ogrobe ven  de  analizar  a  proposta de orzamentos que a Xunta de Galicia presenta para 2014, e revisar os investimentos previstos para o Concello.

Para  ANOVA  a  Xunta  de  Galicia  volta  marxinar á cidadanía grovense no reparto  de  investimentos  ao  esquecerse  un  ano  máis  de  demandas históricas do pobo apoiado ademáis, co silencio cómplice do alcalde de O Grove e os seus socios de goberno (Partido Popular, Partido Galeguista Demócrata e Alternativa Meca).

Só se pode entender esta situación como un desprezo, outro ano máis, que non figure nos orzamentos unha partida para a tantas veces prometida ampliación da Vía Rápida do Salnés entre Sanxenxo e A Lanzada, NIN TAMPOUCO APAREZA NADA PARA o Centro de Saúde, o Centro de Día para a Terceira idade ou para a construción dun auditorio... Pero o que A ANOVA NOS parece máis grave é que os portos de O Grove sons os únicos da comarca do Salnés que non reciben ningún tipo de investimento. En ANOVA nos preguntamos se este é o modo en que se apoian os sectores produtivos do concello.

Botando man dos orzamentos comprobamos como só figuran as partidas destinadas á construción do Pavillón Deportivo do Monte da Vila (a cargo da DX para o Deporte e a SPI) e dúas partidas máis: unha por  valor de 58.064€ destinada a “Centros de Tecnificación Deportiva” e unha pequena cantidade, que ascende a 9.661€, para “actuacións en sendeiros de medioambiente".
Inversións que, curiosamente, afectan a unha determinada área dun Concelleiro que ameaza con unha ruptura de pacto de goberno, esto fainos pensar que as prioridades do alcalde nada teñen que ver coas necesidades reais da veciñanza meca senon a de manter a toda costa o pacto para seguir tendo maioría nos pleno do Concello.

Non figuran tampouco partidas para Educación, e concretamente para o que se prometera a levar a cabo no Colexio Rosalía de Castro como resposta a unha proposta do Grupo Parlamentar AGE (no que se integra ANOVA) para a reparación das deficiencias no edificio, denunciadas pola ANPA en diversas ocasións. O PP comprometérase ante este proposta a levar a cabo as reparacións de pavillón deportivo e baños.


NULO PESO POLÍTICO DE MIGUEL PÉREZ E DO PP LOCAL:

En  definitiva,  para  ANOVA – Ogrobe  só  dende  unha  posición  de NULO  PESO  POLÍTICO, tanto de  Miguel Pérez  como  do  PP  local  se  pode  entender  este  agravio. Se este non fose o motivo deberían explicar á cidadanía meca por que non hai cartos para cousas tan básicas e necesarias como o Centro de Saúde ou Centro de Día en O Grove e sen embargo Cambados vair percibir máis de 600.000 euros para a mesma fin. Ou aclarar ao sector produtivo do pobo porque os únicos portos da comarca que non reciben investimento son os de O Grove.

TRISTEMENTE SEMELLA QUE OS MEMBROS DO GOBERNO LOCAL DO CONCELLO DO GROVE PARECEN MÁIS OCUPADOS E PREOCUPADOS EN DISCUTIR COMO REPARTIRSE OS CARTOS DAS LIBERACIÓNS OU AS ASIGNACIÓNS AOS CONCELLEIROS QUE EN DEMANDAR INVESTIMENTOS PARA SOLUCIONAR AS DEMANDAS DOS CIDADANS DO GROVE.

Tamén pretendemos con estos datos facer que a Concelleira de AMeca, Ayda Filgueira, se pronuncie sobre o incumprimeto de pacto de goberno asinado co PP no que se comprometía A XESTIONAR DENDE AS áreas de traballo DIVERSOS INVESTIMENTOS DOS QUE AGORA NON HAI RESPOSTA (Centro de Día e de Saúde). Cabe pensar que os motivos para continuar con ese goberno é de interese persoal, ALGO COMO MANTER OU AUMENTAR A SUA LIBERACIÓN POLÍTICA OU FAVORECER A AMIGAS A TRAVES DO SEU POSTO...... PERO NON o compromiso coa cidadanía de O Grove.


ANOVA PRESENTARÁ ENMENDAS PARA CORREXIR OS ORZAMENTOS E INFORMARA Á CIDADANÍA

ANOVA – Ogrobe vai trasladar ao grupo parlamentario de AGE unha serie de propostas e enmendas para que as inclúan no debate orzamentario e tratar así de corrixir esta situación que consderamos un desagravio para coa veciñanza do municipio.

Ao  mesmo  tempo,  na  vindeira  semana se realizará unha campaña informativa  para  dar a coñecer esta situación, así como as propostas que ANOVA fará chegar ao Parlamento e así tentar conseguir un investimento "real" en O Grove. Aproveitaremos esta ocasión para presentar unha alternativa para que de unha vez por todas conseguir o Centro de Día para a Terceira Idade e esa promesa sexa unha realidade máis pronto que tarde.


Seguiremos informando...




15 nov 2013

Anova apoia as concentracións contra a sentenza do Prestige: NUNCA MÁIS!

"Estamos ante unha absolución de toda responsabilidade á administración e ao poder político que contan cunha impunidade total para poder cometer o crime que queiran cometer deixando na máis absoluta indefensión aos cidadáns" - sinalou Xosé Manuel Beiras. Estamos ante unha sentenza absolutamente indecente, que chega despois de once anos dunha catástrofe ambiental de magnitudes inconmensurábeis e a xustiza non atopa responsábeis penais -nin ao parecer de ningún tipo- e como resultado tampouco responsabilidades subsidiarias dunha administración incompetente. Estamos ante unha grave inxustiza cometida pola propia administración de xustiza. 

Como dixo ao coñecer esta sentenza o Portavoz Nacional de ANOVA Xosé Manuel Beiras: "Parece que estamos ante unha catástrofe natural, unha sorte de imponderable desastre no canto dunha irresponsábel actuación dunha administración que como no caso recente do accidente de Angrois busca un chibo expiatorio no maquinista, cousa que neste caso nin sequera posto que exonera a todos os actores da máis mínima responsabilidade. Lembremos que daquela o vicepresidente Rajoy, hoxe presidente do Goberno Español é o principal responsábel, o famoso "señor de los hilillos" de plastilina, cando sobre as nosas costas ameazaba a máis enorme marea negra da nosa historia. Estamos ante unha absolución de toda responsabilidade á administración e ao poder político que contan cunha impunidade total para poder cometer o crime que queiran cometer deixando na máis absoluta indefensión aos cidadáns". Dende ANOVA entendemos que as forzas políticas e a cidadanía debemos nun xesto de dignidade apoiar o recurso desta sentenza en alzada para impedir que semellante crime quede impune.

Por iso, Anova apoia as concentracións que se celebran hoxe, venres 15 de novembro, en protesta contra a sentenza polo Prestige. Na Comarca do Salnes habera concentracións nos concellos de Vilagarcía e do Grove.

Porque hai que volver exercer a dignidade: NUNCA MÁIS!