13 feb 2013

O 16-F, enchamos rúas e prazas polo dereito á vivenda digna!


Anova–Irmandade Nacionalista fai un chamamento á cidadanía galega para que participe activamente na mobilización social do vindeiro 16 de febreiro, que se desenvolverá en numerosas cidades e vilas de Galicia. Animamos á cidadanía a participar activamente nesta mobilización social e manifestamos o noso apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que presentou a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (Stop Desafiuzamentos) no Congreso dos Deputados apoiada con máis do dobre das sinaturas necesarias, máis dun millón, para dar unha contestación contundente a este atropelo.
A cidadanía está dando unha resposta axeitada e vigorosa fronte ao deixamento, desidia e ineficacia política do goberno galego, que nin ve nin quere solucionar o drama dos desafiuzamentos porque está preocupado en agasallar aos bancos con diñeiro público e en recortar liberdades, servizos e dereitos civís. Os deputados doPartido Popular están xordos, e hai tempo que só representan os intereses do poder bancario e financeiro. Entrementres colocan aos seus familiares e amigos nas institucións e empresas públicas con salarios millonarios e vantaxes aristocráticas, deixando na rúa a centos de familias humildes.
A ILP presentada pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca, que pide a dación en pago retroactiva, o aluguer social e unha paralización inmediata dos desafiuzamentos, é unha solución clara e inevitábel ao drama da vivenda.
Sen embargo todo indica que este Goberno actuará arrogantemente obstaculizando esta iniciativa, e probablemente descartará esta solución ao problema porque choca cos intereses de quen os ten encadeados e silenciados: a banca e os poderes fácticos.
Se isto acontece, ANOVA–Irmandade Nacionalista estará preparada para dar a batalla nas institucións e na rúa. Non permitiremos que miles de familias sigan soportando esta lei hipotecaria inxusta, inmoral e noxenta. Non quedaremos de brazos cruzados mentres os gobernos de Raxoi e Feixoo amparan e permiten o sufrimento de milleiros de persoas.
ANOVA fai un chamamento a todos os galegos e galegas para que se mobilicen e participen en todas as manifestacións convocadas pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca o vindeiro 16 de febreiro de 2012.
Todos e todas xuntas, podemos. Organizad@s, podem@s. Enchamos as rúas e prazas de Galicia para dicirlles que non calaremos. Polo dereito a unha vivenda digna, paralicemos xa todos os desafiuzamentos!

No hay comentarios:

Publicar un comentario