25 ago 2013

DESPOIS DO DÍA DA GALIZA MÁRTIR...


O pasado venres 16 de agosto, a asemblea de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe realizou un acto en lembranza de Alexandre Bóveda con motivo do Día da Galiza Mártir. Pensamos que esta é unha data que dende o nacionalismo de esquerdas debemos recordar sempre para que a loita que como sociedade debemos dar perante os poderes que nos atenazan e esmagan , continúe a ter o significado que debe ter.

Neste acto, no que tamén lembramos ós milleiros de galegas e galegos cruel e inxustificadamente asasinados polo franquismo, participaron Anxo López, militante local; Bernarda Rubianes, mestra e membro da Coordinadora Nacional de Anova – Irmandade Nacionalista; Martiño Noriega, coordinador nacional da nosa formación política; e Raul Asegurado, mebro de Anova e participante en diversas iniciativas de índole social e de banca ética.

Os tres últimos expuxeron respectivamente o significado da figura de Bóveda no ámbito nacional galego, de fronte política ampla e de cariz económico e persoal. Rubianes fixo unha breve disertación dende o galeguismo de finais do S. XVIII ata os tempos da II República española. Destacou o traballo de Bóveda dentro do Partido Galeguista como continuador da liña política e cultural do galeguismo e do nacionalismo do noso país.

Polo seu bando, Martiño Noriega chamou ás alianzas entre as diferentes forzas políticas e xentes de esquerda de Galiza para, dentro da dinámica que se dea ben no noso país, ben no Estado español ou ben en ámbitos máis amplos como podería se-la Unión Europea, loitar contra a plutocracia financeira e a dereita máis reaccionaria que está levando á nosa sociedade cara a catástrofe, sempre en aras do beneficio dos que máis teñen.

Para rematar a quenda de intervencións, Raul Asegurado baseou a súa en dous aspectos. O primeiro foi o compoñente emotivo, pois os seus avós tiveron relación con Bóveda e padeceron dun xeito bastante cruel, as consecuencias da sublevación militar de 1936. O segundo aspecto da súa intervención estivo baseada na necesidade de ser donos do noso destino. Empregando a lóxica republicana que dende Anova – Irmandade Nacionalista reflectimos nos nosos principios ético – políticos, lembrou que a soberanía concreta no eido económico significa ter capacidade de non dominación dun ente externo. A figura de Bóveda tamén é recordada neste aspecto, pois el chegou a deseñar un sistema facendístico galego, co cal, o noso país, sería dono do seu desenvolvemento económico sen ser dependente de factores externos.


Para remata-lo acto, as máis de corenta persoas asistentes dirixíronse cara o inicio da rúa Alexandre Bóveda para, diante dun monumento na súa lembranza, canta-lo himno galego e realizar unha ofenda floral.

Dende a asemblea de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe queremos parabenizarnos da boa acollida que tivo esta acto. De tódolos xeito, días como o da Galiza Mártir non deben ser patrimonializados por niguén, pois en palabras da Irmandade Galega (os galeguistas no exilio americano), "ficará consagrada na ialma do pobo galego como xusta eisaltación dos que deron o seu sangue e a súa vida pola nosa sagra Terra e ficará como eterna maldizón para os traidores a Galicia".


POR AQUÍ NON PASA A VOLTA

En tempos de grande crise económica na que desde tódolos niveis administrativos e políticos, o PP e os seus aliados (no noso concello o PGD de Fredy Bea e A Meca de Ayda Filgueira) e en certa medida tamén o PSOE nos venden a necesidade de axustes, de sacrificios e de reestruturacións, para o poder faise necesario aplicar a vella máxima de “pan e circo”.



Non fai falla máis que mirar ó noso redor!


Perante os escándalos de corrupción protagonizados polos Barcenas, Rajoys, Cospedales, Feijoos e cia. , perante os escándalos ligados á monarquía, perante ós constantes e rotundos fracasos nas políticas económicas de Feijoo (desaparición das caixas, aumento da débeda autonómica,e fiscal, falta de crédito para os cidadáns...), etc. o poder so sabe darnos algo para que esteamos entretidos noutras cousas e non protestemos demasiado. Ou acaso o adianto do calendario futbolístico é casualidade? Ou acaso que tódolos días da semana teñamos fútbol é casualidade? Ou acaso o “problema” de Gibraltar non é outra cousa que unha cortiña de fume? Resulta evidente a resposta a estas preguntas.

No que nos atinxe ós mecos e mecas, e tamén ó conxunto dos galegos, temos un extra deste “pan e circo”: La Vuelta a España.

Resulta que a Deputación de Pontevedra, co seu presidente á cabeza, viron oportuno desembolsar certa cantidade de fondos públicos para atraer á empresa organizadora da rolda ciclista. Tanto deberon ofrecer que os organizadores decidiron afinca-la Vuelta case que unha semana en territorio galego.

Desde Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe, non podemos máis que valorar dun xeito neutral o paso da Vuelta a España polo noso concello e polo noso país, do mesmo xeito que a maior parte dos holandeses o tiveron feito edicións atrás cando a rolda ciclista partiu de territorio holandés. E tamén porque o deporte en si mesmo é positivo. A cuestión é outra!

Constantemente dísenos dende diferentes instacias que non hai cartos para gastos sociais, para promoción do deporte e da cultura galega, para a investigación... para tantas e tantas cousas que fan que un país non reste hipotecado por décadas.

Pois ben, todo semella que era mentira, ou cando menos media verdade, pois o Presidente Louzán converteu o chumbo en ouro e conseguiu o inimaxinable: o paso da Vuelta a España pola provincia. De verdade este feito é un logro? Pensamos que non.

Os carteis que polas estradas arousáns e galegas amosan que “por aquí pasa a Vuelta” non fan máis que enmascarar o deterioro dalgunhas das nosas infraestruturas deportivas ou a máis terrible inexistencia doutras.

Non tería sido mellor empregar eses fondos públicos na mellora desas instalacións? Non tería sido mellor empregar eses fondos en promoción real do deporte galego e das súas seleccións? Non tería sido mellor non facer esta ostentación de poder económico lúdico – festivo mentres moitas persoas no noso entorno están a pasar fame? Deixamos estas preguntas para que cada quen as valore baixo os seus propios esquemas.

Xa para rematar, quen se beneficia realmente do paso da Vuelta 2013 polos nosos concellos? Certamente os afeccionados ó ciclismo, que verán de preto ós seus deportistas favoritos. Algúns hostaleiros, que recibirán os equipos e a todo o circo que acompaña á rolda ciclista, tamén. Pero, o sector mexilloeiro sairá beneficiado? Con esta edición, a Deputación pretende dar un impulso á comercialización do mexillón de Galicia (a pesar do deseño da mascota), mais que importa que aumente o seu prestixio se nin tan sequera se pode etiquetar como tal despois de que os partidos conservadores na UE o impediran meses atrás no Parlamento Europeo? Certamente so se pode definir isto como incompetencia de Louzán e cia, que de seguro tamén sairán beneficiados dalgún xeito...