25 ago 2013

DESPOIS DO DÍA DA GALIZA MÁRTIR...


O pasado venres 16 de agosto, a asemblea de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe realizou un acto en lembranza de Alexandre Bóveda con motivo do Día da Galiza Mártir. Pensamos que esta é unha data que dende o nacionalismo de esquerdas debemos recordar sempre para que a loita que como sociedade debemos dar perante os poderes que nos atenazan e esmagan , continúe a ter o significado que debe ter.

Neste acto, no que tamén lembramos ós milleiros de galegas e galegos cruel e inxustificadamente asasinados polo franquismo, participaron Anxo López, militante local; Bernarda Rubianes, mestra e membro da Coordinadora Nacional de Anova – Irmandade Nacionalista; Martiño Noriega, coordinador nacional da nosa formación política; e Raul Asegurado, mebro de Anova e participante en diversas iniciativas de índole social e de banca ética.

Os tres últimos expuxeron respectivamente o significado da figura de Bóveda no ámbito nacional galego, de fronte política ampla e de cariz económico e persoal. Rubianes fixo unha breve disertación dende o galeguismo de finais do S. XVIII ata os tempos da II República española. Destacou o traballo de Bóveda dentro do Partido Galeguista como continuador da liña política e cultural do galeguismo e do nacionalismo do noso país.

Polo seu bando, Martiño Noriega chamou ás alianzas entre as diferentes forzas políticas e xentes de esquerda de Galiza para, dentro da dinámica que se dea ben no noso país, ben no Estado español ou ben en ámbitos máis amplos como podería se-la Unión Europea, loitar contra a plutocracia financeira e a dereita máis reaccionaria que está levando á nosa sociedade cara a catástrofe, sempre en aras do beneficio dos que máis teñen.

Para rematar a quenda de intervencións, Raul Asegurado baseou a súa en dous aspectos. O primeiro foi o compoñente emotivo, pois os seus avós tiveron relación con Bóveda e padeceron dun xeito bastante cruel, as consecuencias da sublevación militar de 1936. O segundo aspecto da súa intervención estivo baseada na necesidade de ser donos do noso destino. Empregando a lóxica republicana que dende Anova – Irmandade Nacionalista reflectimos nos nosos principios ético – políticos, lembrou que a soberanía concreta no eido económico significa ter capacidade de non dominación dun ente externo. A figura de Bóveda tamén é recordada neste aspecto, pois el chegou a deseñar un sistema facendístico galego, co cal, o noso país, sería dono do seu desenvolvemento económico sen ser dependente de factores externos.


Para remata-lo acto, as máis de corenta persoas asistentes dirixíronse cara o inicio da rúa Alexandre Bóveda para, diante dun monumento na súa lembranza, canta-lo himno galego e realizar unha ofenda floral.

Dende a asemblea de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe queremos parabenizarnos da boa acollida que tivo esta acto. De tódolos xeito, días como o da Galiza Mártir non deben ser patrimonializados por niguén, pois en palabras da Irmandade Galega (os galeguistas no exilio americano), "ficará consagrada na ialma do pobo galego como xusta eisaltación dos que deron o seu sangue e a súa vida pola nosa sagra Terra e ficará como eterna maldizón para os traidores a Galicia".


No hay comentarios:

Publicar un comentario