2 sept 2013

Anova aposta por un cambio de modelo contra os incendios

Antón Sánchez García, responsábel de Medio Ambiente de Anova, expuxo os argumentos a prol dun cambio profundo das políticas para o rural como solución á lacra dos lumes. Débese incrementar o esforzo en prevención, promover a educación ambiental e camiñar cara un modelo de extinción profesionalizado e simplificado.
Con respecto aos lumes deste ano, Antón Sánchez acusou á Xunta de tratar de xeito "infantil, mentireiro e manipulador" un problema estrutural.
1. Galiza ten o 7,7 % da superficie forestal do Estado e prudúcense no noso territorio o 45% dos incendios. O factor diferencial, evidentemente, non é o número de incendiarios, senon que ten causas estruturais evidentes, como afirman todos os expertos: ausencia de ordenación do territorio, desertización do rural, aposta por un modelo baseado na trituración de madeira de baixa calidade, baixo valor e, por tanto, baixa rendibilidade do monte, etc.
2. O PP, que gobernou 27 de 32 anos de autonomía, é o principal responsábel da situación do rural e do monte galego. A ausencia de políticas de viabilización do rural do PP é a principal causa da lacra do lume.
Esta é a única idea que ten feijoo do
 que debe ser a loita contra o lume
No 1992 apróbase un Plan contra incendios, consensuado por todas as forzas do Parlamento, para desenvolver unha política integral do monte que tivera en conta todos os obxectivos antes expostos para mudar as condicións estruturais que causaban os lumes e que impedían a explotación rendíbel do monte.
A consecución destes obxectivos debería de ser que cada vez se gastase menos en extinción e máis en prevención. Pois ben, sucede ao contrario: a única política do PP é a extinción, a manipulación, e a mentira. O único argumento é que a culpa é dos incendiarios, tratando de desviar a atención da súa ineptitude. "Cómo si un ministro de Interior lle bota a culpa do aumento da delincuencia aos delincuentes".
3. Aínda así, e a pesar de que todos os anos se gastan unha media de 90-100 millóns de euros en loita contra incendios, o operativo é cada vez menos profesional, menos eficiente e menos coordinado, e voltamos ao sistema caciquil de contratación nos concellos.
Até 11 entidades/organismos/empresas diferentes poden actuar nun lume. Seaga, funcionarios da Xunta, Tragsa, brigadas municipais, UME, Protección Civil, bombeiros públicos, privados, etc. Este ano, non se realizaron practicamente traballos de prevención, xa que os que o tiñan que facer foron contratados na súa maioría en agosto.
Feijóo e Rosa Quintana, non teñen vergoña (saben que o que din é mentira), mentireiros (trucan os datos) e manipuladores (queren por o foco só en quen prende o lume) cando fan eses discursos triunfalistas. Non asumen a súa responsabilidade nos lumes, cando estando na oposición tiveron un comportamento "canalla" na utilización dos lumes como arma partidaria (lembremos a famosa foto da mangueira).
4. ANOVA manifesta que so cun cambio profundo nas políticas do rural terá solución a lacra dos lumes. Revitalizar o rural evitando a desertización, ordenar o territorio, encamiñar o modelo cara un monte cunha funcionalidade múltiple e cara a explotación de madeira de alto valor engadido. Se o monte deixa de ser un problema para ser percibido pola poboación do rural como unha oportunidade, mellorará substancialmente a situación (as zonas onde o monte é rendíbel arden menos ou non arden).
Incrementar o esforzo en prevención (un exemplo do que non se debe de facer é retirar as subvencións ás razas autóctonas que serven para pastorear no monte) e promover a educación ambiental na poboación e camiñar cara un modelo de extinción profisionalizado e simplificado, evitando a multiplicidade de entes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario