27 sept 2013

O alcalde nin ten educación ni deixa te-la.

No Pleno do Concello de Ogrobe celebrado entre a noite do xoves 26 e a madrugada do venres 27 de setembro, o señor Alcalde mantivo unha actitude chulesca e autoritaria con toda a oposición, incluso coa que, como Anova - Irmandade Nacionalista en Ogrobe non está presente na coorporación.

A asemblea local de Anova no noso concello tivo a ben presentar unha proposta pola cal as arcas municipais se solidarizasen cun dos maiores e peores recortes do goberno Rajoy.

O recorte en becas para os mozos e mozas non é en ningún caso unha solución ós problemas financieiros do estado, pola contra convírtese nun problema xa que estamos a por en risco as futuras xeracións. Deste xeito, Anova Ogrobe propuxo que se habilitasen mecanismos para que dende o Concello se fixese frente ós agraviados polos recurtes en becas, destinando unha partida a becas para estes rapaces e rapazas. Ante tal proposta o señor Alcalde non tivo outra cousa mellor que dicir que descalificar a proposta, calificándoa de oportunista, e calificando a todas as forzas políticas de esquerda de chantaxistas e populistas.

Pois ben, recomendámoslle ó señor Miguel Ángel Pérez que lle de unha volta ás ideas da esquerda, xa que a solidariedade e a xustiza non son patrimonio da dereita que el representa e si da esquerda e da sociedade que solicita e reclama máis acción dos poderes públicos no seu favor e non so no da banca e do gran capital. Precisamente por isto deixamos a continuación o posicionamento da mocidade de Anova ante o drama dos recortes en educación.

Nunca nos mais de 30 anos da II Restauración Borbónica a educación sufriu tal revés. Os nenos e nenas e os mozos e mozas desta sociedade verán como o seu futuro será moi diferente ó que hai dez anos era posible imaxinar. Novos e numerosos peches de escolas, reducción das bolsas, segregación dos nenos e nenas por sexos, recortes en material escolar e profesorado ou o reforzamento da materia de relixión son algunhas das “sorpresas” da nova reforma educativa.

Os gobernos estatal e galego, dirixidos polo Partido Popular están a conseguir desmantelar todo o tecido político-social que tanto tempo custou lograr e que a sociedade demandaba en aras á acadar a plena igualdade de oportunidades, unha eduación pública e de calidade e o progreso. Amparados na crise económica, atopan a oportunidade para levar a cabo o seu plan privatizador de todo o público, que busca, mais alá de prestar un servizo público, obter un beneficio económico para as mans duns poucos.

A Lei Wert é o mais brutal ataque á educación pública e, polo tanto, ó futuro dos nosos e das nosas xóvenes. Nada, nin as numerosas e masivas mobilizacións cidadás que recollen a estudantes, ANPAS, profesores, pedagogos e investigadores, nin os milleiros de sinaturas recollidas contra a reforma, nin os informes desvavorables da comunidade educativa, puideron mermar a avanzada desta lei. Mais ben ó contrario, mais dunha vez fomos testemuñas da represión nas rúas da liberdade de expresión por defender a educación pública.

O vindeiro día 10 de outubro está previsto que o Congreso dos Deputados, coa maioría absoluta do Partido Popular e UPyD, aprobe a LOMCE (Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa). Ante esta terrible situación, Anova manifesta a súa total oposición a esta lei e continúa mais ca nunca apoiando á cidadanía galega na loita polo mantemento e mellora da educación pública, galega e de calidade. O futuro das galegas e galegos está en xogo, non deixemos que xoguen por nós.”

Dende a Mocidade de Anova – Irmandade Nacionalista anima á participación cidadá nas mobilizacións contra a Lei Wert e os recortes en educación da Xunta de Galiza.

Por unha fronte ampla nas rúas do noso país!

Loitemos hoxe pola educación de mañá!

No hay comentarios:

Publicar un comentario