4 feb 2015

ANOVA OGROBE APOSTA POLA UNIDADE DE ACCIÓN MÁIS ALÁ DE AGE



DENDE ANOVA DESMENTIMOS A NOTICIA PUBLICADA NA PRENSA O 4 DE FEBREIRO E INDICAMOS QUE NA ASEMBLEA LOCAL APROBOUSE POR UNANIMIDADE APOIAR A INICIATIVA CIDADÁ SOMOS MAIORÍA.
 

A asemblea local de Anova Ogrobe, na súa xuntanza do 13 de agosto, acordou por absoluta unanimidade apostar pola fórmula de participar nas eleccións locais a través dunha marea cidadá ou dunha candidatura de unidade. Esta decisión viuse referendada polo acordo marco que a nivel nacional se adoptou na Conferencia sobre política municipal de Anova en Vigo o pasado 24 de xaneiro.

En Ogrobe, Anova decidíu non presentar lista electoral propia e si apoiar sen reservas as iniciativas e propostas da iniciativa cidadá Somos Maioría, en base ó acordo tomado, tamén por absoluta unanimidade, na súa asemblea do 7 de novembro. Iniciativa cidadá que está a realizar unha intensa e boa labor no referente á crítica urbanística e que ten este venres día 5 unha asemblea onde comezarán a elabora-lo seu programa electoral sempre coa transparencia e a defensa do público e do pobo como prioridade.

Negamos pois, de xeito rotundo, a publicación que neste xornal se realizou referente a unha coalición electoral na que Alternativa Galega de esquerdas tería presenza non noso pobo o vindeiro mes de maio.

Dende o verán, a asemblea local de Anova tentou busca-la unidade de acción da oposición meca, en clave de esquerda e nacionalista, pois consideramos que as dúas variables se poden e se deben conxugar nun momento de crise como o actual para facerlle fronte ás políticas corruptas e empobrecedoras dos gobernos do PP. Así, xa no verán iniciamos unha rolda de contactos con Compromiso por Galicia, Bloque Nacionalista Galego, Esquerda Unida e Podemos, da que obtivemos a predisposición de todos a seguir falando e buscando uns mínimos comúns denominadores. Co devir do tempo, xurdiron na nosa vila expresións cívicas como a iniciativa cidadá Somos Maioría, á que sen ningún tipo de problema nin contrapartida apoiamos, pois no seu manifesto comparten esas dúas variables fundamentais: esquerda e defensa de todo o relativo ó noso país.

Se ben, Esquerda Unida tentou conformar unha coalición no noso pobo en base ó modelo AGE, dende Anova sempre pensamos que sería insuficiente e que, na situación actual da nosa localidade, se facía imprescindible un exercicio de xenerosidade e de maior inclusión, contando coas forzas citadas anteriormente. Desgraciadamente, a forza esquerdista negouse en rotundo a cede-las súas cotas de poder e a apoiar unha iniciativa cidadá e apartidaria como Somos Maioría, que si conta co apoio explícito de Anova e CxG, así como coa participación de persoas do círculo de Podemos O Grove. Pero sen dúbida o fundamental e principal de Somos Maioría é a capacidade de activar a tantos e tantas que ata o de agora non decidiran involucrarse na política activa a nivel local, condición imprescindible para cambia-las cousas a mellor.

Para finalizar, desexamos expresar a necesidade de seguir construíndo espazos compartidos onde ninguén teña o control e onde todos sexan copartícipes dos éxitos e dos fracasos a partes iguais. Necesitamos, no noso pobo e no noso país, de iniciativas onde as confusións e as liortas se troquen por cooperación e boa vontade na busca dunha unidade de acción capaz de mellora-la realidade na que vivimos. É por iso que seguimos convidando tanto a Esquerda Unida como ó Bloque Nacionalista Galego a seguir explorando esa vía que a iniciativa cidadá Somos Maioría significa. Desexamos, polo tanto, que, sexa quen for, non tente intoxicar nin enganar á cidadanía con comunicados e notas de prensa que antes que construír só pretenden embarra-lo panorama político local de cara ás eleccións municipais de maio. Está moito en xogo, está o noso pobo en xogo...teñamos altura de miras!
 

 

Anxo López, Coordinador local de Anova Ogrobe.
Ricardo Garrido, Portavoz local de Anova Ogrobe.

Ogrobe, a xoves 5 de febreiro de 2015.

No hay comentarios:

Publicar un comentario