7 mar 2013

ANOVA OGROBE CRITICA A INEPTITUDE DA CONCELLERÍA DE IGUALDADE



O 8 de marzo conmemorase o Día Internacional das Mulleres e dende a Asemblea Local de Anova –Irmandade Nacionalista de Ogrobe queremos aproveitar para manifestar a necesidade de seguir traballando pola igualdade de oportunidades e de dereitos entre homes e mulleres.

A crise que estamos a vivir provocada pola estafa financeira págase con recortes aos máis débiles, e seguimos sendo as mulleres un dos colectivos máis afectados. Somos maioría como usuarias dos servizos públicos, maioría tamén nas tarefas de coidado aos demais, e maioría dentro dos empregados públicos, polo tanto, son mais mulleres as que están indo ao paro cós recortes en educación, sanidade e servizos sociais.

Por outro lado as mulleres seguimos sufrindo unha situación de desigualdade económica e laboral difícil de soportar, maior taxa de desemprego e precariedade, e segundo a derradeira enquisa salarial, en Galicia, as galegas cobramos un 22% menos que os galegos no mesmo posto de traballo.

En canto ao noso pobo, tendo en conta a paralización económica e o desemprego galopante, a situación non é mellor. O Grove cerrou febreiro con 811 mulleres en situación de desemprego fronte aos 688 dos homes na mesma situación.

A actual Lei de Bases de Réxime Local, no seu artigo 28, permite á maioría de concellos ter concellerías, actividades e plans de promoción da igualdade, potestade que non se está a exercer no noso pobo pola Concellería de Igualdade do Concello do Grove que non destaca por ser precisamente durante este últimos dous anos unha ferramenta para a emancipación das mulleres, a denuncia constante da discriminación e a loita pola igualdade de xénero.

No noso pobo contamos cunha Concellería de Igualdade inútil e incapaz, na que as últimas novas sobre ela refírense a perda de subvencións e a contratación dunha “axente de igualdade” que fai as funcións de asesora persoal dunha Concelleira que lle costa ás arcas municipais máis de 14.500€ (sen contar as retribucións a Seguridade Social e o soldo do seu persoal particular). Emprazamos á Concelleira de Igualdade e Servizos Sociais a que empece a traballar despois de dous anos de vacacións retribuídas a costa de todos nos. Proba da súa ineptitude e a non renovación do Plan de Igualdade do Concello do Grove (ferramenta institucional fundamental para poñer en marcha políticas municipais de igualdade de maneira transversal), da cal a súa primeira versión (o I Plan de Igualdade) expirou o pasado ano. Ademais este Concello contaba cun activo Consello Local de Igualdade na anterior corporación, inoperativo dende fai dous anos. Segundo a páxina web do Concello o CLI leva dende o verán de 2012 “a facer unha revisión do regulamento para axustalo ás necesidades do momento”.
É un bo momento para empezar a aplicar medidas destinadas á transformación real da nosa sociedade, onde as mulleres sexan cidadás en plenitude de dereitos, pero tamén é un bo momento para visualizar a impunidade cós que os gobernos do Partido Popular “desmantelan” os logros recibidos. 

A Asemblea Local de Anova Ogrobe solicítalle ao Goberno municipal:
1.      1. Que manifesten o seu máis firme rexeitamento ás políticas de recortes levadas a cabo polos gobernos central e autonómico en materia de educación, sanidade, servizos sociais e cultura que están a afectar de maneira especial ás mulleres, así como as últimas declaracións de ministros e altos cargos do estado que atentan contra a igualdade e a liberdade das persoas.
2.         2.  Que manifesten a súa rotunda oposición a calquera proposta de supresión das políticas municipais de igualdade que signifiquen a eliminación e redución de competencias recollida no anteproxecto de reforma da Lei de Bases de Réxime Local presentada o pasado venres 15 de febreiro polo PP en Consello de Ministros
3.    3. Que poñan en marcha medidas encamiñadas a impulsar a Concellería de Igualdade con iniciativas claramente favoreceras de políticas de igualdade: dotar de recursos para favorecer a conciliación persoal e laboral (ludotecas, centro de día...), coeducación en Igualdade, obradoiros de igualdade para a comunidade escolar, favorecer o asociacionismo entre mulleres, publicación dunha guía de recursos sociais, promoción de igualdade no mercado laboral, potenciar a formación para o emprego e o emprendemento feminino...
4.       4. Que Impulsen o Consello Local de Igualdade como órgano de participación cidadá que teña como función perfilar accións de fomentación de valores igualitarios e anti-discriminatorios e de sensibilización social preventivas de violencia de xénero.
5.          5. Que se poña en contacto coa empresa Garavilla, e faga as xestións necesarias para garantir os posto de traballo nun sector, o conserveiro, que emprega fundamentalmente a mulleres.
6.           6. Que, coñecedores dos recursos que ofrecen as distintas administracións, fagan uso de elas, e así sexa do Plan cultural da Deputación ou da Rede de Auditorios e Teatros de Galicia (ao que Ogrobe podería estar adscrita), faciliten actividades culturais orientadas a promover a igualdade.

 A Asemblea Anova Ogrobe considera que nun acto de responsabilidade o rexedor municipal debería poñer ao fronte dunha Concellería de carácter transversal como é a de Igualdade, a unha persoa con máis interese e dedicación en xestionar políticas de igualdade que a actual responsable da área. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario