7 mar 2013

SOS Sanidade Pública levou o debate sobre os recortes ata a Casa do Concello

No novo salón de actos da casa consistorial desenvolveu esta plataforma na tarde do sábado un acto público dirixido a buscar a implicación da cidadanía “na oposición ás medidas privatizadoras e de recorte de servizos” que atribúen aos gobernos central e autonómico ao que asistiron preto de setenta persoas.



De afondar nos “recortes e na privatización da sanidade pública” nesta charla-coloquio, organizada coa colaboración da agrupación local de Anova-Irmandade Nacionalista, responsabilizáronse a grovense María Luísa Torres, doutora no departamento de radioloxía do Hospital de Montecelo; Xosé Lois Vidal, coordinador da Plataforma SOS Sanidade Pública –que integran múltiples organizacións sociais, veciñais, profesionais ou políticas–; e Ramón Mouriño, membro da comisión de sanidade da formación nacionalista e traballador do SPAD grovense.
Así pois neste coloquio ao que asistiron preto de setenta veciños non faltaron as referencias á situación local ou ao futuro do Servizo de Prevención e Asistencia a Drogodependentes, nin tampouco as críticas á “paralización” da Xunta á ampliación do hospital pontevedrés de Montecelo. De feito a defensa dun “hospital único” en lugar da construción doutro “con financiamento e xestión privada” nesta cidade motivaron a convocatoria por parte desta plataforma de dous actos de protesta na capital da provincia; unha concentración ás portas do centro este xoves e unha manifestación o vindeiro xoves 21, como indicaron os seus representantes neste acto.

Recortes e copagamento
Tamén foron obxecto de denuncia nesta charla diferentes medidas de “recorte, desmantelamento e privatización” da sanidade que “promove o PP” desde os gobernos autonómico e estatal, como apuntou SOS Sanidade Pública.
Entre outros, desde esta plataforma incidiuse na introdución do “copagamento” nos fármacos dos pensionistas, nas “próteses, cadeiras de rodas, muletas ou alimentos especiais” ou no uso de ambulancias “para traslados non urxentes”. Así mesmo, SOS Sanidade Pública acusou ao PP de retirar do financiamento público “máis de 400 fármacos, moitos deles plenamente útiles” e de ter suprimido “o dereito á atención sanitaria de importantes colectivos, como mozos maiores de 26 anos que nunca cotizaron, persoas sen recursos ou inmigrantes sen papeis”.

Nova publicada en todogrove.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario