20 nov 2013

PROPOSTA DUN CENTRO DE DÍA PARA 2014

A Asemblea de Anova – Irmandade Nacionalista de Ogrobe unha vez analizados os orzamentos da Xunta de Galiza e vistas as informacións que nos chegan dos orzamentos do Concello, púxose a facer números e cadrou un resultado: un centro de día para Ogrobe operativo no 2014 é posible.


É indiscutible a demanda dun Centro de Día no noso pobo.

     Cunha poboación envellecida (no que máis de 1500 persoas superan os 65 anos) e os recortes por parte do Estado central e da Xunta de Galiza na Lei de dependencia fan que moitas familias da nosa vila non poidan ou se lles faga moi complexo afrontar o coidado dos seus maiores. 
     Xa considerada unha demanda histórica de Ogrobe, no 2010 conseguíronse ao redor de 3.000 firmas de veciños e veciñas de Ogrobe para a súa construcción e posta en marcha. Cremos que esta necesidade está xustificada e máis agora que o estado de benestar está a ser desmantelado polo goberno do Partido Popular e a lei da dependencia xa non é garante das necesidades das persoas maiores e as súas familias que deben escoller entre traballar fora da casa para ter ingresos e deixar aos maiores ao seu propio coidado, ou renunciar a un salario. 


Traballo estable para Ogrobe. 

     A cifra do paro en Ogrobe é escandalosa. É un dos Concellos máis castigados polo paro na Comarca do Salnés (1300 demandantes de emprego no mes de outubro, o que supón unha tasa do 24,05%), no que só está atopando respiro nos dous meses de verán. O funcionamento dun Centro de Día suporá a creación de postos estábeis de traballo na nosa vila, dende persoal cualificado na atención a persoas dependentes até limipadores/as, cociñeiros/as, camareros/as, etcétera. 


O Grove conta con 600.000€ para esta fin

     Ademais, o Concello conta cun crédito solicitado no 2011 de 1.500.000€ no que 600.000€ eran para a construción e posta en funcionamento dun Centro de Día. Esta necesidade tamén foi amparada por Aida Filgueira, actual concelleira de Benestar Social no Goberno da dereita presidido polo popular Miguel Ángel Pérez, que o puxo como requisito a ampliación do crédito en 600.000€ para incluír a construción dun Centro de Día. 
     Crédito que por outra parte está a xerar intereses a cargo das contas municipais dende xaneiro de 2012. 


Compromiso do Actual Goberno Local, Xunta e da Deputación 

    Na firma do Acordo de Goberno entre o PP – PGD – Ameca para o Mandato 2011-2015, e avalado polo Presidente da Deputación de Pontevedra e polo delegado da Xunta, establecíase como prioritaria a construción e xestión dun Centro de Día entre Concello, Diputación e Xunta de Galicia. 
     Aprobeitamos a ocasión tamén para “negarlle a maior” á concelleira Aida Filgueira que vende como alternativa a este centro a comedia que para nós supón o programa “Vellos Tempos”, proposta que consideramos papel mollado e unha simple manobra de distracción fronte á incapacidade do executivo local a conseguir proxectos de futuro e inversións por parte das administrcións provincial e autonómica na nosa vila. 

PROPOSTA DA ASEMBLEA DE ANOVA – IRMANDADE NACIONALISTA DO GROVE 

     A Diputación de Pontevedra conta cunha instalación, o antigo Sanatorio da Lanzada, que o Presidente da Deputación quere converter nunha “Pousada” que só vai en detrimento dos intereses dos hostaleiros de Ogrobe. 
     Os acordos tomados entre Rafael Louzán e a Plataforma cidadá en contra da “pousada” da Lanzada no que se incluía o desenrolo dun centro de formación regulada de hostalería e turismo e a potenciación dos campamentos de verán, foi posto en entredito por parte do presidente da Deputación ao anunciar que a xestión da pousada, ao contrario do acordado, vai a ser cedida a unha empresa privada, que se non é amiga o será despois de esta concesión. 

    Que a Deputación de Pontevedra destine ao servizo dos veciños e veciñas de Ogrobe o nomeado Sanatorio da Lanzada para que cumpra unha necesidade real para o pobo como é o coidado das persoas maiores e dependentes, e compatibilizando có uso acordado entre Louzán e a nomeada Plataforma vecinal. Ogrobe necesita un Centro de Día e non un hotel

     Que o Concello de Ogrobe faga uso dos 600.000€ cós que conta para poñer a punto o funcionamento dese Centro de Día (adaptación da infraestrutura e compra de material). 

   Que tanto o Concello, Deputación e Xunta de Galiza asuman a Xestión do Servizo, como se comprometeron por escrito a facer no 2011 cós veciños e veciñas de Ogrobe


    De non verse cumprido o compromiso que o tripartito adquiriu có pobo meco no transcurso do ano 2014, sexa asumindo a nosa proposta ou calquera outra que cumpla coas necesidades que os nosos maiores e as súas familias teñen, dende ANOVA-IN comezaremos unha campaña de mobilización social. Facemos tamén un chamamento a todos os partidos políticos para que se pronuncien sobre a proposta de ANOVA-IN e se sumen ou presenten propostas para que unha necesidade como esta vexa a luz no menor prazo de tempo posíbel.

1 comentario: