24 nov 2013

MOBILÍZATE CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

A violencia machista non só é unha agresión física contra a muller hai outros tipos que poden resultar máis difíciles de ver.



Dende a Asamblea Local de Anova - IN Ogrobe queremos aproveitar o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra á Muller, para mostrar a nosa repulsa ante unha lacra que afecta á nosa sociedade e que repercute na vida das mulleres a diario. Ben é sabido que O MACHISMO MATA, non hai máis que abrir un xornal e ver a cantidade de casos de vítimas mortais pola violencia machista que se repiten cada semana en diferentes puntos do país. Con isto tamén queremos manifestar o noso apoio ás convocatorias, que dende diferentes organizacións e plataformas feministas, se fan en moitas vilas da Galiza nesta data tan sinalada como mostra de rexeitamento ante este tipo de violencia contra ás mulleres.


O 25 DE NOVEMBRO É O DÍA INTERNACIONAL DA ELMINIACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES, HAI CONVOCATORIAS EN DIFERENTES VILAS DO PAÍS


Coas convocatorias e manifestacións para este luns 25 de Novembro, as mulleres de todo o país,  queremos poñer o foco de atención sobre a violencia que dende o goberno e certas institucións se pretende exercer contra os nosos corpos, contra a nosa sexualidade, a nosa saúde sexual e reprodutiva, a nosa liberdade e en definitiva as nosas vidas.
A abolición do dereito á interrupción voluntaria do embarazo, que propón o goberno do Partido Popular, supón un atentado contra todas as mulleres deste país, unha invasión dos nosos corpos que deixaría a calquera muller sen a opción a decidir libremente á vez que converte a maternidade nun mandato cultural e non unha libre elección. Isto é un acto de violencia contra as mulleres.

A CONCELLEIRA DE IGUALDADE DE O GROVE CONTRIBÚE Á VIOLENCIA MACHISTA CONTRA AS MULLERES MECAS

Como Concelleira de Igualdade e Benestar, Aida Filgueira, non vela polo colectivo máis castigado coa crise actual, as mulleres. Vemos ameazada a nosa autonomía laboral polos recortes que sufriu a Lei de Dependencia que obriga a moitas de nós a verse metidas na casa a coidar de persoas maiores e enfermas dependentes. Todo o mundo sabe que quen se fai cargo dos coidados e atencións das persoas dependentes son maioritariamente as mulleres.

De o grupo local de Anova-IN cremos firmemente que o incumprimento do pacto de goberno de Aida Filgueira co Partido Popular meco supón unha agresión directa aos intereses e necesidades dunha poboación con un gran número de persoas dependentes, en especial ás mulleres da vila.

A Concelleira de Igualdade e Benestar, Aida Filgueira, que acordara dotar a O Grove con un novo Centro de Saúde e un Centro de Día, queda en evidencia ante a poboación  meca que tempo atrás xa se mobilizara para conseguir preto de 3.000 firmas pola construción deste centro. Actitudes como esta demostran que o único interese da concelleira é o seu propio, e que as demandas da poboación nada pintan nos seus plans, unha maneira máis de apoiar as políticas machistas do Partido Popular que promoven a volta a tempos xa pasados que deixaba ás mulleres as tarefas do fogar e os coidados dos pequenos e maiores da familia.


O FEMINISMO EN ANOVA 


Dende Anova instamos a todas as persoas a manifestar a súa repusla en contra da violencia machista e de todas as atrocidades que isto provoca arredor do mundo en contra das mulleres, polo mero feito de selo.
Anova conta con un grupo de traballo feminista que loita polos dereitos das mulleres facéndoas visibles en todos os eidos. Este grupo chámase Acción Feminista que, entre outras loitas, busca cambiar a realidade patriarcal e consumista na que vivimos, comezando por desdemonizar a palabra "feminismo".
Dende Anova, e máis en concreto de Acción Feminista, pretendemos deixar moi claro que O "FEMINISMO" non é o contrario do "machismo" senón que é unha doutrina que DEFENDE A IGUALDADE DE DEREITOS ENTRE O HOME E A MULLER.
Ademáis Acción Feminista está facendo unha campaña de protesta con motivo do 25N ao longo do país que consiste en que as persoas que o desexen se saquen fotos portando un cartaz que recolle algúns dos tipos de violencia que sufrimos as mulleres e que comeza con “A violencia é…”
Un mundo mellor é posible, libre de violencia e inxustiza. Porque xa basta de medo, impotencia, frustración, rabia e tristeza; sentimentos que nos provocan as múltiples agresións que acotío vivimos polo simple feito de ser mulleres.

ANOVA ANIMA A TODAS AS PERSOAS, MULLERES E HOMES, A MANIFESTAR A SÚA REPULSA EN CONTRA DA VIOLENCIA MACHISTA

Estes son os lugares da Galiza onde se celebran concentracións ou manifestacións nesta data tan sinalada:
Compostela: CONCENTRACIÓN 20.30h Praza do Toural Compostela
Ferrolterra: CONCENTRACIÓN 20.00h Praza do Concello Ferrolterra
Ourense: CONCENTRACIÓN 20.30h Praza de Santa Eufemia (esquina rúa da Paz)
Vigo: MANIFESTACIÓN 20.00h Farola de Urzáiz


O machismo mata.

Lucía Torres Serantes
Responsable Local de Acción Feminista


No hay comentarios:

Publicar un comentario