16 dic 2013

OGROBE PERDE DEREITOS E BENESTAR CUNS ORZAMENTOS QUE SÓ BENEFICIAN INTERESES PERSOAIS DO ALCALDE E DOS SEUS SOCIOS DE GOBERNO



 A CIDADANÍA É A QUE SOPORTA O PESO DA CRISE MENTRAS OS QUE GOBERNAN VIVEN Á CONTA NOSA


A aprobación dos orzamentos do Concello de Ogrobe para o vindeiro ano 2014 seguen a pauta de pauperización e involución económica marcada polo Partido Popular. Se nos ámbitos estatal e galego os gobernos de Rajoy e Feijoo están a recurtar dereitos e liberdades, o tripartito de Pérez, Bea e Ayda non se queda atrás.

Cando PP, PGD e A Meca chegaron ó goberno municipal en 2011, o orzamento do Concello situábase nos 9.320.624,13€, namentras que o proxecto actual para o vindeiro ano rebaixa esa cantidade ata os 8.915.000€. Un descenso de preto de medio millón de euros, o que supón un 4,35%. Este descenso nos orzamentos municipais fan cada día máis difícil o correcto funcionamentos dos servizos municipais así como a prestación dos mesmos, situándose as veciñas e os veciños de Ogrobe como principais perxudicados por unha política económica nefasta e desenvolta de xeito consciente pola dereita, representada no noso pobo no actual tripartito.

A situación agrábase ó ver que a débeda do concello aumenta 140.000€ dende 2011, un 10’5%, tendencia que se ven plasmando nos diferentes orzamentos do Concello  dende anos atrás, síntoma da incapacidade dos diferentes gobernos por atopa-los ingresos necesarios para facer fronte ós gastos da institución.

Pero a xestión do Partido Popular, aliado cos dous políticos con máis ego da península, o señor Alfredo Bea e a señora Ayda Filgueira, fai que os fondos municipais se empreguen para pagar, fundamentalmente, soldos e gastos correntes, é dicir, en si mesmo. Deste xeito, catro quintas partes dos gastos do Concello están referidos a actividades con pouca ou nula repercusión económica no conxunto dos veciños da localidade. De feito, dos 8.915.000€, so un1’2% (107.000€) terán como destino inversión, dos cales, so 34.500€ terán un efectivo reflexo no conxunto da cidadanía. En definitiva, o goberno tripartito adícase a ter un Concello baixo mínimos para poder escusar a privatización de servizos como o da recollida de lixo ou a instalación dun semáforo-radar. Iniciativas ben pintorescas como é habitual no concelleiro galeguista, Alfredo Bea.

É precisamente o espírito deste persoeiro, claramente recollido na expresión “la letra con sangre entra”, o que permite que dende o 2009 ata o 2013, as previsións por multas de tráfico aumentasen un 100%. O goberno de Miguel Pérez e Ayda Filgueira, coa inestimable inspiración do coñecido popularmente como “O sheriff” considerou que había que “freir a multas” ó conxunto dos veciños de Ogrobe. Pero, a todos por igual? Por suposto que non! Dende a entrada do tripartito producíse unha caída do 73% en multas urbanísticas. O que se pode interpretar ou ben como unha deixación de funcións en materia de control ou nunha connivencia cos infractores urbanísticos no noso pobo. Dende logo, nada oportuno xusto na antesala da aprobación do novo PXOM.

Se todo isto fose pouco, a cultura, os gastos sociais, a promoción da igualdade... tamén sufren descensos nos orzamentos para o ano 2014. Pola contra, aumenta o canon de SOGAMA pola mala xestión da Xunta de Galicia, tal e como denunciou no Parlamento Antón Sánchez, parlamentario de Anova en AGE., aumenta tamén o soldo dos funcionarios de máis alto nivel do concello e que teñen que controlar, fiscalizar e asesorar ó equipo de goberno na súa xestión diaria, aumenta tamén os fondos para as liberacións de cargos ó pasar a media liberación de Ayda Filgueira a dedicación exclusiva. Resulta case pornográfico ver como no último ano do anterior goberno local (PSOE-BNG-PGD) os gastos neste concepto eran de 112.000€ e na actualidade co PP-PGD-A Meca son de 156.500, un aumento de preto dun 30% mentras os orzamentos caen en picado e os servizos para os cidadáns se privatizan.

No ámbito da cultura, resulta escandaloso o desprecio polo coidado do galego que se ve reflexado nun descenso do 90% nos fondos adicados á normalización lingüística, ou a máis que ineficaz xestión dos fondos culturais e a inexistencia de colaboración e sinerxia entre o Concello e as empresas culturais da localidade.

No campo  da acción social, o Servizo de Prevención e Asistencia ó Drogodependente sufre un recorte que a piques estivo de deixa-lo morto. Polo de pronto xa non cumprirá coa función de Prevención, pois desaparecen os postos de traballo que se adicaban a este particular. Dende  o inicio da crise económica, a Xunta de Galicia estimou, e o concello de Ogrobe aceptou, que nun pobo tan castigado pola droga como é o noso, se recurte sádicamente nesta área. Pero ademais, tanto en Muller, como en axuda a domicilio ou en terceira idade, existen descensos de fondos dende a entrada deste goberno tripartito. Novamente as políticas da dereita, do PP e dos seus socios van en contra da xente do común.

Iso si, que non se diga que non pagámo-la luz! Dende o ano 2011 incrementouse en preto de 30.000€ a factura sen establecer medidas de aforro enerxético.

E para ser quen de pagar a maior factura do lixo de SOGAMA, da luz de Gas Natural Fenosa, e dos demais grandes acreedores auméntanse os ingresos polo IBI ou pola taxa do lixo. Incluso se chegou a dicir que a desaparición de dous postos de traballo con baixa cualificación estaba xustificado pola subida do canon de SOGAMA. A realidade amosa que este canon terá que pagarse moito máis tarde do que prevén os orzamentos e que esa amortización de prazas está motivada pola suba de soldo de Ayda Filgueira.

Resulta evidente, pois, que os orzamentos propostos por Miguel Ángel Pérez non miran polo benestar dos veciños e veciñas de Ogrobe, senón pola continuidade do seu posto como Alcalde sustentado por Fredy Bea e Ayda Filgueira, concedendo subidas de soldos e concesións baixo chantaxe. Nesta liña, os 145.000€ adicados á externalización e privatización do Punto Limpo, ou os 95.000€ que custará a instalación dos semáforos con radar para seguir multando ós e ás grovenses, ou os diferentes gastos protocolarios ou financieiros para a Festa do Marisco os primeiros e para Protección Civil os segundos (sumando en total 16.000€) so se entenden como método do señor Alcalde para calmar ás partes que forman o tripartito e o sustentan na poltrona.

Ante esta repugnante situación, a asemblea local de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe apela á seriedade dos representantes públicos e a que digan ás claras diante da cidadanía que non están na Casa do Concello para gobernar e xestionar os servizos públicos municipais, senón para encherse os petos e acadar aspiracións personais. Desexamos que o conxunto do pobo de Ogrobe vexa, unha vez máis, como as actitudes caciquís e bananeras do Alcalde, de Fredy Bea e de Ayda Filgueira, están a ser perxudiciais para todas e todos nós, mentras que so se benefician “os amigotes” e eles mesmos, como cando se destinan 80.000€ dos orzamentos do Concello como fondo particular para pagar abogados.

Ricardo Garrido.
Coordinador local Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe.

Xose Manuel Domínguez.
Responsable institucional Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe.



No hay comentarios:

Publicar un comentario