22 dic 2013

NEPOTISMO E FALTA DE ÉTICA NO PP DE OGROBE E NOS SEUS SOCIOS DE GOBERNO



ANOVA – IRMANDADE NACIONALISTA EN OGROBE DENUNCIA A INDECENCIA QUE SUPÓN QUE O GOBERNO TRIPARTITO USE O CONCELLO COMO AXENCIA DE COLOCACIÓN PARA FAMILIARES E AMIGOS.


Fai uns días publicábase nun portal de información local, un alarde de cinismo máis ao que xa nos ten acostumados o Goberno municipal, no que xustificaban a amortización de varios postos de traballo de limpeza, para non ter que subir a taxa de lixo, cando no mes de setembro de este mesmo ano aprobaron no Pleno municipal, e en solitario, unha suba de esta taxa nun 12%.

Nun pobo onde a índice de paro supera o nivel estatal, este feito considerámo-lo un despropósito por parte do Goberno de Miguel Ángel Pérez, e máis cando fai uns día aprobaron concederlle unha dedicación exclusiva a unha Concelleira, famosa pola súa inactividade, có único fin de
pedir unha excedencia no seu traballo e evitar un traslado laboral. Cambio de status que lle suporá un aumento de 16.000€.

Dende a Asemblea de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe consideramos ó Goberno municipal totalmente “resignado” a que este problema do paro no noso pobo só atope respiro nos meses de verán, cando dende Anova estamos ofrecéndolle alternativas á creación de traballo estable e para todo o ano, como é a proposta do Centro de Día no Sanatorio da Lanzada; pero esta resignación non é para todo o mundo, xa que hai unha  serie de persoas que si atopan respaldo dende o Concello e nalgunha ocasión á costa dos fondos municipais.


CASUALIDADES E CURIOSIDADES


Semanas atrás estívose a informar na prensa que a filla do Alcalde, Alma María Pérez Aguiño, esta nunha situación privilexiada para optar a un posto dentro da Deputación de Pontevedra no que so superaron a primeira proba da oposición provincial de Administrativo C1 tres persoas, entre elas a nomeada e cunha nota que supera en 5 puntos ao segundo de tres clasificados. Non dubidamos da cualificación de esta persoa para obter esta praza pero é que ultimamente estanse a dar moitas casualidades de persoas vinculadas ao Partido Popular de O Grove que atopan rédito laboral na Administración local ou provincial. Que a amiga persoal da Concelleira de “Benestar”, Mónica Novas Dios, que leva a cabo varias actividades para o Concello que non pasaron por ningún tipo de concurso público, o posto no Gabinete de Comunicación do Concello de Ribadumia, da Concelleira de Educación, Laura Besada, o traballo nun organismo dependente da Xunta do Concelleiro de Facenda, Juan Callón, ou o troco de persoal, nada máis chegar ao poder o PP, da persoa encargada de preparar a comida @s miniñ@s na Gardería Municipal, traballo que desempeña unha familiar directa do Alcalde, non son máis que algunha das casualidades que se dan nestes tempos, no que o mercado de traballo está moi limitado.

Outro caso curioso, é o do xenro do Alcalde. Á nosa formación cónstalle ao menos dúas dema
ndas laborais ao Concello na que a súa defensa foi encomendada a un tal, Alberto Gallego Rivera, avogado con bufete en Vilagarcía de Arousa, sobriño de Rivera Mallo, senador polo PP e ex-alcalde de Vilagarcía de Arousa. Curiosamente, este avogado, Gallego Rivera comparte despacho profesional cunha persoa que Miguel Ángel Pérez coñece moi ben: o marido da súa filla, Martin Serante Álvarez, ex-responsable do Gabinete de Rafael Louzán que compaxina a súa profesión de avogado coa de Concelleiro no Concello de Ribadumia. Ademais, e seguindo coas curiosidades, ningunha das especialidades xudiciais que ambos letrados publicitan (Civil, Penal, Familia, Mercantil, Tributario e Sucesións) concordan có obxecto das demandas no que o Concello de O Grove está inmerso.

Por se fora pouco, nos recentemente aprobados orzamentos do Concello de Ogrobe para o ano 2014, atopamos unha partida de 80.000€ que se adicarán a sufragar os gastos xurídicos dos nosos representantes. Coñecida é a polémica que este tipo de gastos está a causar entre a cidadanía, que ve como un dos socios de goberno do PP protagoniza escandalosas actuacións que despois rematan nos xulgados e, semella, temos que pagar entre todos.

A Asemblea de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe considera que estas casualidades e curiosidades, deben ser explicadas de maneira inmediata, polo Alcalde do Grove, xa que son “sospeitosas” de enchufismo e non concordan coa filosofía de “transparencia”, “austeridade” e “honradez” que promulgan a voces sobre a súa xestión.


As persoas que militamos ou simpatizamos con Anova Ogrobe, somos cidadáns que participamos na política, por considerar que “existe outra maneira de facer as cousas”, polo que nos vemos na obriga non só de propoñer actuacións que consideramos mellorarían a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, senón tamén a denuncia de todos os actos que nos parezan propios de réximes pasados como o caciquismo, o despotismo ou o  autoritarismo, moi lonxe da democracia participativa que defendemos.
Seguiremos informando...




Xose Manuel Domínguez.
Responsable institucional Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario