18 dic 2013

O AUMENTO DO CANON DE SOGAMA É UN PASO MÁIS NO ROUBO QUE O PP PRACTICA CO POBO: PÉREZ E CALLÓN CÓMPLICES DO DESPROPÓSITO



 UNHA POLÍTICA INEFICIENTE E CACIQUIL EN MEDIO DA CRISE FAI QUE SOGAMA LLE CUSTE MÁIS DO NECESARIO Á CIDADANÍA.




A Lei 10/1997, de 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos da Galiza, e o Plano de xestión dos residuos sólidos urbanos da Galiza atribúen a condición de xestor nas operacións do proceso de xestión de residuos á Sociedade Galega de Medio Ambiente S.A. (SOGAMA). A Xunta, gobernada polo PP, incrementou nos orzamentos un 34% o canon do lixo, o que repercute nun aumento do canon para o noso concello de 35.000€, un aumento próximo ó 12%, mentres a cifra total de orzamentos descende nuns 12.000€.


Esta decisión vén imposta polo cambio na tarificación eléctrica do goberno central. SOGAMA con este incremento nos impostos da cidadanía pretende consolidar á conta do pobo preto de 7 millóns de euros de beneficio. Á vista do novo saqueo ao que se está a someter á cidadanía desde as institucións central e autonómica, e mesmo pretender que a xente do común pague as consecuencias dunha política medioambiental nefasta e feita para os “amiguetes” do PP, apostamos por modelos que prioricen a reciclaxe e compostaxe e crear emprego directo na zona.


Dende a institución municipal, hai que pular por tratamentos ecolóxicos (recollida selectiva de calidade, reciclaxe, compostaxe) e corrixir a recollida sen separar, así como o vertido e a incineración. Con accións neste sentido debemos pular por reverter os custos de tratamento na propia localidade con creación de emprego específico e conxelar o incremento das taxas nun momento económico tan desfavorable para a poboación. Mentres tanto, aumentar os pagos a SOGAMA é financiar a ineficiencia ambiental e a destrución de recursos e empregos.


Ademais, o concelleiro Callón, titular de facenda, así como o Alcalde, comunicaron que a desaparición de dous postos de traballo temporal no plantel do Concello debíanse á suba do canon de SOGAMA. Recentemente, este canon ven de ser suspendido,  mentres que os dous postos de traballo seguen amortizados. Hai que facer ver que a verdadeira motivación e causa desta amortización é o aumento do soldo da concelleira Ayda Filgueira ó pasar de ter unha adicación parcial a outra exclusiva. É de sobra coñecida o conflito que este tipo de situacións entre o Alcalde e os seus dous pintorescos socios de goberno xeran entre Callón e Pérez. Dende Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe preguntámonos si o goberno municipal está na Casa do Concello para gobernar e favorecer o benestar do pobo ou para chupar da teta do contribuínte, desangrando a facenda municipal en beneficio propio. Unha boa mostra é a privatización do Punto Limpo impulsada por Fredy Bea e que lle custará ó pobo de Ogrobe un mínimo de 145.000€, que cobrará a empresa concesionaria do servizo.

 Deste xeito, solicitamos ó goberno tripartito que se sume á iniciativa feita por Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento de Galicia referente á crítica ó sistema de SOGAMA e á proposta de alternativas para que a cidadanía non pague por débedas que ela non xerou. Así, instamos á Xunta de Galiza a derrogar o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza 2010-2020 e crear un modelo de xestión local de reciclaxe e compostaxe, para impulsar a creación de emprego.




Ricardo Garrido Caneda.
Coordinador local de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe.


Xose Manuel Domínguez.
Responsable Intitucional de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe.









No hay comentarios:

Publicar un comentario