20 dic 2013

XA É NADAL NO CONCELLO DE OGROBE!



MÁIS MULTAS E MENOS INVERSIÓNS SON O REGALO QUE O TRIPARTITO LLE TEN PREPARADO Ó POBO DE OGROBE.


Nestas datas, moitos galegos e galegas collerán o seu coche e encamiñaranse a diversos lugares para xuntarse co resto da familia e gozar dunhas felices festas. Recomendámoslles que teñan coidado nas estradas, pois é sabido que en tempos de crise, o Estado e o Goberno do Partido Popular están pendentes dos límites de velocidade para que os ingresos públicos non se resintan tanto.

No Concello de Ogrobe teñen a mesma ideoloxía. Pretenden recadar uns 120.000€ durante todo o ano só en multas de tráfico. En vez de favorecer unha maior actividade económica para que reverta nuns maiores ingresos por impostos progresivos que graven máis ós que máis teñen, ou ideando sistemas de aforro e eficiencia económica no seo da administración local, o goberno de Miguel Ángel Pérez, co concelleiro de facenda como cómplice, pretenden fritir a multas ós veciños e veciñas de Ogrobe.

Por se fose pouco, o pintoresco e egocéntrico Fredy Bea, como concelleiro de seguridade cidadá, plantexou a idea de instalar uns semáforos con radar mediante concesión a unha empresa privada que levará parte da recadación. Esta privatización que so persigue unha maior recadación, terá un custe aproximado de 100.000€, é dicir, “lo comido por lo servido”. Agardamos que, cando menos, non existan vínculos entre o goberno local e a empresa concesionaria.

No entanto, os gastos en inversión, os que realmente terían unha repercusión positiva no conxunto da cidadanía son os máis reducidos das dúas últimas lexislaturas, sufrindo un descenso do 33% respecto do ano 2013 e do 99% respecto a 2009. Situando ó Concello de Ogrobe nunha posición de inoperatividade que se debe ó uso do mesmo para o beneficio propio dos integrantes do goberno local e dos seus intereses como individuos e como grupo.

Dende a asemblea local de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe non podemos máis que posicionarnos totalmente en contra destes proxectos e ideas que en tempos de crise non fan máis que restar capacidade económica ás familias e veciños que xa están a sufrir dun xeito terrible as consecuencias dun sistema capitalista devorador e despiadado.

Xosé Manuel Domínguez.
Responsable institucional Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe.

Ricardo Garrido.
Coordinador local Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario