28 dic 2013

O CONCELLEIRO DE CULTURA DE OGROBE: O NOSO WERT



INCOMPETENCIA, FALTA DE INTERLOCUCIÓN COA INDUSTRIA CULTURAL E RECORTES SON O RESUMO DA ACTIVIDADE DE CARLOS OTERO Ó FRONTE DA CONCELLERÍA DE CULTURA.


Xa fai máis de dous anos que o actual tripartito liderado polo Partido Popular de Miguel Ángel Pérez chegou á Casa do Concello para ser outro boneco de ventrílocuo da Troika e dos intereses do capital financeiro. As expectativas que moitas e moitos veciños tiñamos do trío Pérez – Ayda – Fredy non eran moitas pero cada vez retrátanse máis, non por realizar mal o seu traballo, que tamén, senón polo que deixan de facer.

Se ben a concelleira Ayda Filgueira leva o premio á muller máis ociosa nas súas responsabilidades ó fronte dunha concellería, o premio en categoría masculina é para o concelleiro de cultura, o señor Otero.
Nestes pouco máis de dous anos de exercicio da súa responsabilidade ó fronte da promoción da cultura no Concello de Ogrobe, o mundo cultural non se beneficiou en practicamente nada das súas propostas. Neste punto, hai que agradecer ós diversos establecementos e asociacións que fan que a cultura no noso pobo siga a existir, xa que si fose polo concelleiro Otero aínda estaríamos agardando a primeira iniciativa merecedora dese nome.

Non pode ser que en tempos de crise se recorte en educación e en sanidade, pero tampouco en cultura, pois esta non é un ben de luxo, senón un dereito de tódolos cidadáns e que permite unha vida máis próspera e saudable. O descendo das subvencións a asociacións culturais ou ós servizo de normalización lingüística seguen a liña marcada por este concelleiro e o goberno do Partido Popular na busca dunha sociedade máis gris e apática, na que o recorte de dereitos e liberdades sexa máis sinxela.

Tampouco é viable que a práctica totalidade da ínfima programación cultural realizada polo Concello sexa a baseada no tradicionalismo e no folclore. Recentes estudos como o  de Anne-Marie Thiesse, amosan que son os réximes totalitarios os que máis enfatizan as políticas culturais neste senso. Así, a científica social di que: “O movemento Kraft durch Freude na Alemania nazi e o Dopolavoro fascista na Italia de Mussolini, monopolizaban a organización do tempo destinado ó ocio, relizando unha cantidade de manifestacións folclóricas e multiplicando os grupos de canto e danza tradicionais.” Se ben é certo que dende Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe respectamos e apoiamos todo tipo de manifestación cultural, tamén é certo que demandamos unha maior diversidade nos estilos e nas temáticas programadas pola concellería de cultura.

Suxerímoslle ó señor Carlos Otero que dispoña de locais municipais como lugares de ensaio para os diversos grupos existentes na localidade, suxerímoslle tamén que diversifique os usos da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rei, respectándose entre si as diferentes actividades e usos que se lle poden dar. Referente á Casa da Cultura, é preciso denunciar o empeoramento do servizo respecto doutros anos, pois si ben a biblioteca ten estado aberta polas tardes do verán con anteriores gobernos e incluso tamén as mañás do sábado, este ano os cidadáns de Ogrobe non puidemos desfrutar destas instalacións nesas horas, restrinxindo un dos dereitos máis básicos como é o do acceso á cultura. Outra das suxerencias que dende Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe lle facemos ó concelleiro Otero é a maior e mellor coordinación cos diversos establecementos que realizan actividades culturais no noso pobo, verdadeiro motor da música e do ocio en Ogrobe.

En definitiva, as expectativas dos cidadáns de Ogrobe nestes tempos de crise respecto das políticas realizadas dende o Concello son que favorezan o crecemento económico e a diversidade cultural, pois é a cultura, entre outros factores, o que pode axudara desetacionaliza-lo turismo e, como consecuencia, favorecer o descenso do desemprego na localidade.


Anxo López.
Responsable acción social Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe.


Ricardo Garrido.

Coordinador local Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario