24 ene 2014

ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS: MÁIS DEMOCRACIA E MENOS CORRUPCIÓN



ANOVA – IRMANDADE NACIONALISTA EN OGROBE DEMANDA MÁIS TRANSPARENCIA E PARTICIPACIÓN DA CIDADANÍA NUN DOS DOCUMENTOS MÁIS IMPORTANTES DO CONCELLO.


A semana pasada, o tripartito comandado por Miguel Ángel Pérez aplicou rodillo e botou abaixo as reclamacións ós orzamentos realizadas no período de exposición pública polos sindicatos ó non ter sido negociado con eles a modificación do cadro de personal.


Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe considera este feito unha mostra máis do sectarismo do equipo de goberno ó non ser quen de escoitar e aceptar as máis mínimas críticas ás súas propostas. Semella como se Miguel Ángel Pérez, Ayda Filgueira e Alfredo Bea estivesen en poder da verdade absoluta e o resto da humanidade fosen simples elementos decorativos cos que non interactuar.

Non é nada novo para a dereita o non facer nin o máis mínimo caso do que opinen os que non comparten a súa sectaria ideoloxía en particular, e tamén do pobo en xeral. Para evitar semellante ataque á calidade democrática do noso Concello, Anova Ogrobe proponlle ó goberno local que aplique un dos puntos do seu pacto de goberno tripartito e se atreva a realizar os orzamentos municipais cun modelo participativo, onde a veciñanza poida decidir onde empregar os seus cartos, pois, e parece mentira que haxa que dicir o evidente, os cartos do Concello non son de catro señoritos elixidos para catro anos, senón do conxunto das veciñas e veciños de Ogrobe.

Son preto de medio cento de localidades en todo o Estado as que deron o paso de darlle a oportunidade á xente do común de saber en que, para que e como se gastan os fondos públicos do seu Concello. Estas iniciativas tamén están presentes en países europeos como Francia, Italia ou Alemaña entre outros. Ata gobernos municipais do Partido Popular, como foi o caso de Castellón ou Málaga, empregaron este instrumento de implicación da cidadanía no proceso público de toma de decisións.


Preguntámonos neste punto o porque do non cumprimento do pacto de goberno en canto ós orzamentos participativos. Xurde a dúbida razonable de que o señor Alcalde non se atreve a arriscar o seu pacto de goberno, e polo tanto o seu posto co soldo correspondente, ó darlle á cidadanía a capacidade de debatir e decidir sobre os orzamentos municipais. Nese momento, a capacidade de chantaxe e negociación de Alfredo Bea desaparecería, e con ela tamén o apoio do PGD ó mantemento do goberno tripartito. No medio atopamos a Ayda Filgueira, supostamente concelleira de participación cidadá pero que “ni está ni se le espera”.


Ricardo Garrido Caneda.
Coordinador local de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario