17 feb 2014

ANOVA-IN EN OGROBE POSICIÓNASE EN CONTRA DA INSTALACIÓN DE RADARES E SEMÁFOROS PARA O BENEFICIO DUNHA EMPRESA PRIVADA

OS SERVIZOS PÚBLICOS NON PODEN SER UNHA FONTE DE INGRESOS PARA EMPRESAS QUE TENDEN A REMATAR EN AMIGUISMOS E CORRUTELAS COMO NO CASO POKEMON.

Coa aprobación dos orzamentos para o 2014 no Concello de Ogrobe, Anova – Irmandade Nacionalista denunciara a intención do tripartito de recadar uns 120.000€ durante todo o ano só en multas de tráfico.

En vez de favorecer unha maior actividade económica para que reverta nuns maiores ingresos por impostos progresivos que graven máis ós que máis teñen, ou ideando sistemas de aforro e eficiencia económica no seo da administración local, o goberno de Miguel Ángel Pérez, co concelleiro de facenda como cómplice, pretenden fritir a multas ós veciños e veciñas de Ogrobe.

Por se fose pouco, o pintoresco e egocéntrico Fredy Bea, como concelleiro de seguridade cidadá, plantexou a idea de instalar uns semáforos con radar mediante concesión a unha empresa privada que levará parte da recadación. Esta privatización que só persegue unha maior recadación, terá un custe aproximado de 100.000€, é dicir, “lo comido por lo servido”. Agardamos que, cando menos, non existan vínculos entre o goberno local e a empresa concesionaria.

Agora esa idea vese concretada na instalación deses semáforos e radares en Xoan XIII e na estrada do Conde. Pensamos que ante estas medidas privatizadoras e sancionadoras, o equipo de goberno debería ter outro tipo de actitude, facendo campañas de concienciación e instalando medidas disuasorias non punitivas que revirtan na seguridade das e dos veciños.

Por se fose pouco, estas medidas de vixilancia e control lévanse a cabo por unha empresa privada en réxime de concesión. Na prensa galega e española destes días non facemos máis que ver noticias que ligan os sistemas de concesión de servizos públicos con regalos e corruptelas ós nosos representantes electos. Os exemplos dos populares coruñeses e compostelás ou dos socialistas lucenses e ourensás son só a punta dun enorme iceberg consustancial ás concesións e ás privatizacións dos servizos que os concellos e as administracións públicas deben prestar dun xeito transparente e eficiente.


Dende a asemblea local de Anova – Irmandade Nacionalista en Ogrobe non podemos máis que posicionarnos totalmente en contra destes proxectos e ideas que en tempos de crise non fan máis que restar capacidade económica ás familias e veciños que xa están a sufrir dun xeito terrible as consecuencias dun sistema capitalista devorador e despiadado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario