26 ago 2014

ABRIMOS ENTRE TODAS E TODOS UN PROCESO POR E PARA A CIDADANÍA?



ANOVA OGROBE FAI UN CHAMAMENTO ÁS FORZAS NACIONALISTAS E DE ESQUERDAS CON PRESENZA EN OGROBE: POLA UNIDADE DE ACCIÓN EN DEFENSA DAS MAIORÍAS SOCIAIS



Nós, cidadáns e cidadás galegas, militantes de Anova - Irmandade nacionalista en Ogrobe, conscientes do enorme deterioro social, político e económico que estamos a sufrir como consecuencia das políticas de austeridade impostas dende as instancias económicas e políticas internacionais; conscientes das limitacións democráticas do réxime bipartito nacido na Transición; conscientes da renuncia por parte das institucións galegas (incluidos os concellos gobernados polo PP como o noso) á defensa dos sectores máis agredidos e dos sectores produtivos,conscientes da situación de emerxencia na que nos atopamos, así como de que entre as instancias ás que apelamos hai máis puntos de encontro que de discrepancia e conscientes da necesidade imperiosa de retirar do poder municipal aos partidos do réxime, e combatir o pucherazo preelectoral que o PP quere enmascarar nunha reforma da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, facemos este chamamento á cidadanía meca e especialmente a Bloque Nacionalista Galego, Compromiso por Galicia, Esquerda Unida e Podemos: 

• Rexenerar a democracia no Concello de Ogrobe para acabar coa corrupción sistémica dos actuais membros do goberno municipal.
• Defender dende as instancias municipais aos sectores máis agredidos polas políticas de recortes e eliminación nas prestacións sociais, sanidade, ensino, cultura...
• Impulsar políticas de ordenamento do territorio sometidas a criterios racionais e de respecto polo medio ambiente, polo patrimonio histórico...
• Abrir o Concello de Ogrobe á participación cidadá, sen atrancos e coa transparencia como sinal de identidade.

Para lograr estes obxectivos é necesaria máis que nunca a unidade de acción do nacionalismo e da esquerda baixo a fórmula de Candidaturas Cívicas ou Frontes Amplas co obxectivo de abrir paso a un proceso constituínte galego no que a soberanía nacional se exerza polo pobo, soberanía popular.

Tras o test das Europeas, contando o bipartidismo con menos do 50% e co avanzo de movementos cívicos tal como pensamos en Anova cando propugnamos a Fronte Ampla non excluínte, entendemos que esa segue a ser a alternativa para Galiza, para conquistar a democracia real.

Entendemos que é o momento de que a cidadanía tome a iniciativa e dende abaixo. Organicemos plataformas cívicas a prol da creba democrática e trasladado á instancia política polas forzas rupturistas que realmente conecten con esa cidadanía.

Consideramos urxente seguir propugnando na Galiza Frontes Amplas, dende abaixo, sabendo que temos que concordar coa maioría social, ese 99% que dun xeito ou doutro sofre as políticas da plutocracia estafadora.

Por iso:
Acordamos tecer, propoñer e participar en Ogrobe en redes cidadáns que establezan os alicerces para iniciativas políticas de unidade popular para o futuro inmediato, mesmo electorais, como método de acción política.

Nun primeiro chanzo, convidamos ós partidos ó Bloque Nacionalista Galego, a Compromiso por Galicia, a Esquerda Unida e a Podemos a sumar e priorizar o que nos une e non  o que nos separa. Para iso pensamos que sería positivo ter unha xuntanza deliberativa para ver as posibilidades da conformación dun proceso aberto, impulsado por estes actores políticos que lle dea á cidadanía a palabra nas vindeiras eleccións locais. 

Trataríase de que o conxunto do pobo de Ogrobe máis comprometido puidese elixir en primarias ós seus candidatos e ás súas candidatas, que puidesen participar e aprobar o programa electoral dun frente cívico que apoiase os intereses do pobo antes que o dos poderes económicos, etc.


No hay comentarios:

Publicar un comentario