30 oct 2013

AGE esixe que as escolas infantís pasen a ser “un servizo público, universal e gratuíto”

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Juan Fajardo, esixiu onte no pleno do Parlamento de Galicia que a Xunta inicie “os trámites necesarios para converter as escolas infantís nun servizo público universal e gratuíto”. Entrementres estes trámites non comezan, engadiu, “é imprescindíbel deixar sen efecto o artigo un do decreto 49/2012 e, así, conxelar os prezos para as familias das garderías”. Alternativa aceptou as emendas dos outros grupos da oposición –BNG e PSdeG- mais topou coa negativa do Partido Popular, sempre ao servizo dos ricos e das clases altas ás que tan ben representan. Para o PP de Feijóo, a igualdade de oportunidades e os servizos públicos básicos son o inimigo.

“Os salarios decrecen en Galicia por riba da media do Estado español e de Europa”, sinalou Fajardo, “e o desemprego e as persoas que non reciben xa prestación atinxen cifras insoportábeis. Neste contexto, a autodenominada Consellaría de Benestar aproba unha resolución o sete de agosto para aumentar os prezos das escolas infantís un 2,2%”. Coa decisión do departamento de Beatriz Mato, tomada coa habitual aleivosía estival deste Goberno, unha familia no limiar da pobreza deberá pagar 93 euros ao mes. “Este incremento é absolutamente inaceptábel, máis na situación actual das familias galegas”, explicou Juan Fajardo, quen lembrou que esa suba contradí o propagandístico plan de dinamización demográfica da propia Xunta.

23 oct 2013

O PP comprométese con AGE a reparar a cuberta do pavillón do CEIP Rosalía de Castro de O Grove cun investimento de 40.000 euros

·        O deputado Ramón Vázquez presentou unha iniciativa en comisión na que se instaba á Xunta de Galicia a asumir os seus compromisos e levar a cabo as urxentes obras de acondicionamento no centro




Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda levou a comisión parlamentar unha iniciativa na que se esixía á Xunta de Galicia a realización das obras de mantemento e acondicionamento que precisa de xeito urxente o CEIP Rosalía de Castro de O Grove e que lembran foron comprometidas por parte da Consellería de Educación cos responsables do centro que como tantas outras promesas do goberno galego están sen cumprir. O Partido Popular pese a non apoiar co seu voto esta iniciativa alegando que era algo que xa estaba previsto facer, comprometéronse en sede parlamentar a reparar a cuberta do pavillón do centro unha das principais reivindicacións da comunidade educativa xa que o estado actual do mesmo impide o seu uso nos días de choiva.

O deputado de AGE, Ramón Vázquez, sinalou na súa intervención a necesidade de que o goberno galego cumpra coas súas promesas e obrigas e realice canto antes as obras de reparación dos baños do colexio xa orzamentadas pero aínda sen executar entre as que se suman outras actuacións como o arranxo da fachada do edificio ou a colocación dos elementos precisos para a adaptación do centro educativo á normativa de seguridade e prevención de riscos actual.


Ante o compromiso formulado por parte do PP na comisión de Educación, o deputado de AGE, Ramón Vázquez, manifestou a súa intención de vixiar que o Partido Popular, desta volta, si cumpra as súas promesas e acometa as obras comprometidas.   

Parque infantil do CEIP Rosalía de Castro 

22 oct 2013

VIDEO: AGE leva ao Parlamento as deficiencias do CEIP Rosalía de Castro

Os parlamentarios de AGE, Ramón Vázquez e Xavier Ron, defenderon esta tarde na Comisión parlamentar de Educación e Cultura unha proposición non de lei na que esixía á Xunta de Galicia que cumpra cós compromisos adquiridos no 2010 para solventar as dedeficiencias que sufre o CEIP Rosalía de Castro en Ogrobe. Vázquez recordoulle aos membros da Comisión que ese compromiso consistía nunha reforma integral do centro que se levaría a cabo en 3 fases: unha primeira fase de reparación do tellado e da fachada do centro; unha segunda fase de adecentemento de aseos, corredores e aulas; e unha terceira fase de reparación do pavillón. Ata o de agora só se levou a cabo de maneira efectiva a primeira das fases no verán de 2011, ano no que por certo se celebraron as elección municipais e estatais.

A segunda fase, que se levaría a cabo no verán de 2012, quedou inconclusa, prometendo a Consellería de Educación para este ano 2013 e cun orzamento de 120.000€, o arranxo dos aseos da primeira planta e o cambio de dous ventanais, obras que como recordou o parlamentar de AGE aínda non se levaron a cabo.

A terceira fase que consistiría no amaño da cuberta do pavillón, prevista inicialmente para o verán de 2013 foi calificada por Ramón Vázquez de “imprescindible e urxente”, por implicar unhas “nefastas condicións educativas ao impedir o normal funcionamento das actividades de docencia que se poidan realizar e os tempos de recreo nos días de choiva”.

Ademais, o parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda, informou de outras intervencións urxentes como o adecentemento do patio interior, a instalación de porterías e canastas, colocación de elementos de seguridade en esquinas e zonas de xogo e a adaptación á normativa de seguridade e prevención de accidentes do patio infantil dos nenos e nenas de 3 a 6 anos.

Tamén se fixo eco da demanda da ANPA do Colexio Rosalía de Castro da xuntanza que leva reclamando aos responsables da Consellería de Educación dende fai tempo e do que non obtén resposta.


Tanto o Bloque Nacionalista Galego como Partido Socialista de Galicia manifestaron o apoio a dita proposición non de lei, non así o membro do Partido Popular, Rodríguez González, que despois de afirmar a especial sensibilidade da Consellería de Educación e da Xefatura Provincial ás demandas do centro meco anunciou no seo da comisión a “posta en marcha” e de maneira “inmediata” dunhas obras na cuberta e fiestras do pavillón por algo máis de 40.000€. Rodríguez afirmou que estas obras estaban planificadas dende fai tempo, cando o alcalde defendeu fai pouco nos medios de comunicación e nas xuntanzas mantidas a petición da ANPA e na que Anova Ogrobe estaba presente, que o arranxo do pavillón non era unha acción prioritaria nos tempos de crise económica na que nos atopamos. Nada expresou o representante na comisión do grupo popular sobre as outras demandas contidas na proposición de Alternativa Galega.





21 oct 2013

AGE insiste en que a Xunta realice as obras no CEIP Rosalía de Castro

AGE esixe á Xunta que cumpra as súas promesas co CEIP Rosalía de Castro de Ogrobe e leve a cabo as urxentes obras que precisa o centro

Alternativa Galega de Esquerda presentará mañá en comisión parlamentar unha iniciativa na que esixe á Xunta de Galicia a realización das obras de mantemento e acondicionamento que precisa de xeito urxente o CEIP Rosalía de Castro de Ogrobe e que lembran foron comprometidas por parte da Consellería de Educación cos responsables do centro que como tantas outras promesas do goberno galego están sen cumprir. 
 
O deputado de AGE, Ramón Vázquez, trasladará aos membros da comisión a necesidade de instar á Xunta a cumprir coas súas promesas e obrigas e cometer canto antes as obras de reparación dos baños do colexio xa orzamentadas pero aínda sen executar, e rematar outras obras tamén comprometidas como a reparación da cuberta do pavillón, o arranxo da fachada do edificio ou a colocación dos elementos precisos para a adaptación do centro educativo á normativa de seguridade e prevención de riscos actual.



17 oct 2013

Yolanda Díaz denuncia que os recortes de Núñez significan “dramas, desafiuzamentos, paro, fame e miseria”

A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda acusa ao PP de practicar “políticas criminais”, desmonta os números embusteiros da Xunta e expón as iniciativas do seu grupo parlamentario 

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2013.- Yolanda Díaz, viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), dedicou a súa intervención esta mañá no debate de estado da nación a desmontar cifra a cifra a enorme colección de mentiras do señor Núñez. “É vostede o presidente que máis recortou o orzamento na historia de Galiza”, afirmou Díaz, “pero falar de recortes é falar de dramas, de desafiuzamentos, paro, fame e miseria. Vostede o único que sabe facer é maquillar os números”. A débeda pública triplicouse dende 2009 –cando Núñez asumiu a presidencia-, o paro dobrouse e a pobreza atinxe –segundo datos de Cáritas- a 650.000 cidadáns galegos.

A viceportavoz de Alternativa acusou ao PP comandado por Núñez de “practicar políticas criminais e mentir, a continuación, nas cifras”. “Un de cada tres parados xa non cobran prestación”, expuxo Días, “e vostedes xa nin sequera practican a caridade, non son a dereita da caridade, son a dereita da fame”. Co pano de fondo da variación do 12,9% de desempregados rexistrados en 2009 ao 22,6 no ano en curso -278.000 galegas e galegos -segundo a Enquisa de Poboación Activa-, as accións da dereita encarnada polo Partido Popular cóntanse por ataques furibundos contra as maiorías sociais e as traballadoras e traballadores deste país. “Retire o decreto dos comedores e dedique cartos ao ensino público”, clamou Díaz, “e supriman paseniñamente, fíxese que digo paseniñamente, os concertos con colexios privados”. AGE presentou resolucións ao respecto de todas estas cuestións, sistematicamente rexeitadas polos conservadores.

16 oct 2013

Propostas de resolución de AGE para o debate do estado da nación

Alternativa Galega de Esquerda expón nas resolucións do debate do estado da nación a súa alternativa as políticas agresoras do PP.

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) rexistrou esta mañá ás súas propostas de resolución no debate do estado da nación. Nelas, o grupo parlamentar vertebra a súa alternativa ao Goberno do Partido Popular e ás súas políticas austericidas e agresoras coa cidadanía do común. As propostas céntranse nos problemas reais dos cidadáns e atópanse lonxe das accións de maquillaxe e das medidas publicistas anunciadas polo señor Núñez no seu discurso de onte. O voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, e a vicevoceira, Yolanda Díaz, acompañados polos deputados do grupo parlamentar, salientaron en rolda de prensa que as propostas de Alternativa recollen medidas orientadas a resolver os problemas da cidadanía e a rematar coas agresións da Xunta. 

Yolanda Díaz encargouse de presentar as liñas fundamentais nas que se centran as propostas. Entre outras, a suspensión da taxa anunciada pola Xunta para os hidrocarburos -o chamado céntimo sanitario-, xa se tratase dunha “indecencia gravar a cidadanía con impostos indirectos”. Ou evitar a liquidación final do sistema financeiro galego, que se pretende consumar coa venda de Novagaliciabanco. AGE esixe a paralización desta operación e a construción dunha banca pública a partir do mesmo. Tamén se inclúe unha serie de iniciativas en defensa dos distintos sectores industriais, con especial referencia ao naval para o que Alternativa esixe o prometido dique flotante e carga de traballo urxente. Díaz destacou que é preciso mudar de xeito radical a política económica do noso país e deixar de encher o territorio de polígonos industriais, moitos deles baleiros. Nese senso, AGE tamén defende un cambio na política de protección do patrimonio ambiental que evite a ocupación de solo rural e protexido por novos polígonos industriais. O grupo solicita, ademais, unha auditoría da débeda pública para que se explique en que se investiu e así saber a que servizos públicos foron parar os da débeda actual.


Alternativa propón a creación dunha renda básica universal contra o drama que están a padecer milleiros de familias por debaixo do limiar da pobreza. A mudanza do modelo de relacións laborais ou a elaboración dun plan estratéxico de emprego que abranga todos os sectores e inclúan apostas novas como o emprego verde é outra das propostas de resolución rexistrada. No plano medioambiental, AGE presentou diversas iniciativas nas que se pide, por caso, pular por un sistema de incineración de residuos distinto ao de Sogama; avanzar na redución das emisións das centrais térmicas de Meirama e As Pontes; loitar por unha Galiza libre de fracking; apostar por outro ferrocarril más aló do da alta velocidade ou acabar coa estafa das grandes eléctricas no noso país. 

"A cidadanía sempre remata por derribar aos tiranos". Beiras no debate do estado da nación

Xosé Manuel Beiras debuxou esta tarde o estado dunha nación, a galega, na que “cada vez hai máis cidadáns en condicións límite de existencia”. Nunha intervención de corenta minutos, o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) repasou polo miúdo as desfeitas en que a reacción, encarnada en Galicia no PP do señor Núñez, deitou a Galiza e acabou chamando á cidadanía á “reconquista das liberdades cívicas e políticas efectivas porque é a hora da soberanía popular no sentido propio da palabra”.
Perante a colección de embustes emitida esta mañá polo presidente da Xunta, que deixou a imaxe dun país inexistente e –segundo el- a piques de saír da crise, Beiras descendeu á terra. “Existen médicos e sanitarios que cualifican de ‘homicida’ a decisión de que os pacientes de enfermidades crónicas ou graves teñan que pagar polo tratamento extra hospitalario”, exemplificou, “medra a mortalidade dos vellos que non se medican polo repago, empurraron a clase labrega ao exterminio, efectúan un ataque racista e clasista contra o noso idioma”. “Carecen vostedes de sensibilidade?, son vostedes de pau?”, espetou Beiras ás bancadas do PP. Mentres, o señor Núñez comentaba entre risos as palabras do portavoz de AGE.