22 oct 2013

VIDEO: AGE leva ao Parlamento as deficiencias do CEIP Rosalía de Castro

Os parlamentarios de AGE, Ramón Vázquez e Xavier Ron, defenderon esta tarde na Comisión parlamentar de Educación e Cultura unha proposición non de lei na que esixía á Xunta de Galicia que cumpra cós compromisos adquiridos no 2010 para solventar as dedeficiencias que sufre o CEIP Rosalía de Castro en Ogrobe. Vázquez recordoulle aos membros da Comisión que ese compromiso consistía nunha reforma integral do centro que se levaría a cabo en 3 fases: unha primeira fase de reparación do tellado e da fachada do centro; unha segunda fase de adecentemento de aseos, corredores e aulas; e unha terceira fase de reparación do pavillón. Ata o de agora só se levou a cabo de maneira efectiva a primeira das fases no verán de 2011, ano no que por certo se celebraron as elección municipais e estatais.

A segunda fase, que se levaría a cabo no verán de 2012, quedou inconclusa, prometendo a Consellería de Educación para este ano 2013 e cun orzamento de 120.000€, o arranxo dos aseos da primeira planta e o cambio de dous ventanais, obras que como recordou o parlamentar de AGE aínda non se levaron a cabo.

A terceira fase que consistiría no amaño da cuberta do pavillón, prevista inicialmente para o verán de 2013 foi calificada por Ramón Vázquez de “imprescindible e urxente”, por implicar unhas “nefastas condicións educativas ao impedir o normal funcionamento das actividades de docencia que se poidan realizar e os tempos de recreo nos días de choiva”.

Ademais, o parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda, informou de outras intervencións urxentes como o adecentemento do patio interior, a instalación de porterías e canastas, colocación de elementos de seguridade en esquinas e zonas de xogo e a adaptación á normativa de seguridade e prevención de accidentes do patio infantil dos nenos e nenas de 3 a 6 anos.

Tamén se fixo eco da demanda da ANPA do Colexio Rosalía de Castro da xuntanza que leva reclamando aos responsables da Consellería de Educación dende fai tempo e do que non obtén resposta.


Tanto o Bloque Nacionalista Galego como Partido Socialista de Galicia manifestaron o apoio a dita proposición non de lei, non así o membro do Partido Popular, Rodríguez González, que despois de afirmar a especial sensibilidade da Consellería de Educación e da Xefatura Provincial ás demandas do centro meco anunciou no seo da comisión a “posta en marcha” e de maneira “inmediata” dunhas obras na cuberta e fiestras do pavillón por algo máis de 40.000€. Rodríguez afirmou que estas obras estaban planificadas dende fai tempo, cando o alcalde defendeu fai pouco nos medios de comunicación e nas xuntanzas mantidas a petición da ANPA e na que Anova Ogrobe estaba presente, que o arranxo do pavillón non era unha acción prioritaria nos tempos de crise económica na que nos atopamos. Nada expresou o representante na comisión do grupo popular sobre as outras demandas contidas na proposición de Alternativa Galega.





No hay comentarios:

Publicar un comentario