4 oct 2013

O PP despreza á oposición e pecha en falso a comisión das caixas



Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, denunciou, máis unha vez, “o paripé amañado en que o Partido Popular converteu, dende o inicio, a comisión das caixas”. 


Esta mañá, en sede parlamentaria, a formación do señor Núñez negou toda concesión aos grupos da oposición e impediu, co seu xeito totalitario de entender a vida parlamentaria, pechar en falso o órgano de investigación do proceso que rematou coa aniquilación das vellas caixas de aforros. Non haberá máis comparecencias nin máis documentación, tal e como demandou a oposición. “Parece que a Xunta ten algo que ocultar”, engadiu Sánchez.

Para Alternativa, a comisión debería volver solicitar as comparecencias de Marta Fernández Currás –ex conselleira de Facenda e actual secretaria de Estado-, de Miguel Ángel Fernández Ordóñez –ex gobernador do Banco de España- e de Joaquín Almunia –comisario europeo. Ningún deles se dignou a pasar polo Parlamento de Galicia, malia as súas enormes responsabilidades na liquidación do sistema financeiro galego. O PP non considera relevantes os seus testemuños directos.

Pero é que ademais, na comisión faltou documentación moi relevante. A autorización do Consello da Xunta á fusión de Caixa Galicia e Caixanova non se puxo a disposición dos deputados do Hórreo. “Non sabemos se foi xa para a trituradora de papel ou que pasa”, sinalou o parlamentario de AGE, “pero non foi entregada”. Tampouco houbo explicacións cumpridas sobre o que a Xunta denominou, nun embuste de calado, “auditorías” sobre as entidades encargadas a empresas privadas e que non foron máis ca informes á carta. Literalmente. As misivas coas que o Goberno galego encargou eses informes falsamente chamados “auditorías” non figuran entre a documentación a disposición do Parlamento. Acontece o mesmo co caderno de vendas, que fixa o valor da actual NovaGaliciaBanco e que Alternativa Galega de Esquerda solicitou da Xunta en numerosas ocasións.
 
Así as cousas, AGE non participará na ponencia da comisión das caixas. “Estamos fartos do escurantismo que o PP aplica, nega información e calquera iniciativa da oposición”, conclúe Antón sánchez, “así que non ten sentido participar desta farsa”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario