10 oct 2013

Involución educativa

Hoxe Xoves día 10, o Congreso do Estado español dará estocada ao sistema educativo que ata agora todos coñecemos, coa nova reforma do sistema educativo. Esta pasará practicamente intacta ao Senado que a devolverá de novo ao Congreso para a súa final aprobación a finais de ano.

A maioría absoluta do partido Partido Popular fixo que a reforma puidese sortear facilmente as emendas á totalidade así como a maioría das modificacións presentadas pola oposición. Incluíndo 42 modificacións do Partido Popular e só 36 da oposición, a maior parte delas do partido UPyD.

A LOMCE ou Lei Wert pasa a ser un ataque sistemático e frontal ao actual sistema educativo, público, universal, de calidade e gratuíto retrotraéndonos décadas atrás nos dereitos dos estudantes e da cidadanía en xeral.

Puntos polémicos como o impulso da Relixión Católica, infamia do adoutrinamento máis reaccionario, probas de acceso universitarias convocadas polas propias universidades e suba de taxas, establecendo así unha elitización do ensino, ou centralización dos contidos fan que a involución se torne realidade.

Deste modo a nova lei educativa supón o desmantelamento continuo do ensino de calidade, levándoo cara un proceso de mercantilización continuo e eliminando todo resquicio de democracia organizativa caracterizada polos Consellos escolares, fincando como mero órgano consultivo e transferindo as súas competencias á Dirección.

Por outra banda, ataques directos aos idiomas cooficiais do estado coa mención expresa do idioma castelán como lingua vehicular, non é máis que a posta por escrito das súas masturbacións intelectuais e as súas ansias de colonización das distintas Nacións sen estado que aínda conseguen manter un idioma propio. Todo isto coa éngadega da redución da carga lectiva no noso propio idioma, o galego, levándonos unha vez máis a un ataque de españolización continua en contra da nosa vontade.

Finalmente e non menos importante é a disposición que ampara as segregacións por sexos, amparándose na convención da UNESCO de 1960, texto que para os nosos estándares de igualdade, a día de hoxe, sería inconstitucional. Un modelo que nos fai volver a tempos de ditaduras fascistas que tanto añoran dirixentes populares, como poden ser os alcaldes de Baralla ou Beade.

Dende Anova queremos reafirmar o noso compromiso co ensino público, universal, de calidade e gratuíto, así como apoiar en todos os eidos as mobilizacións frontais contra esta reforma.

Do mesmo xeito incitar a rebelión da sociedade que dé lugar ao estoupido social que nos leve á creba a cal nos outorgue unha verdadeira democracia e un verdadeiro poder para o pobo.

Paremos a LOMCE! Paremos a expulsión das maiorías sociais do sistema educativo público!

NON PASARÁN!

Tirado da páxina da mocidade de Anova - Irmandade Nacionalista (http://anovamocidade.com/2013/10/10/involucion-educativa/)

No hay comentarios:

Publicar un comentario