10 may 2013

AGE pide a elaboración dun plan específico de inspección das grandes fortunas


Alternativa Galega de Esquerda (AGE) presentou unha Proposición non de lei no Parlamento de Galicia na que se insta á Xunta ao cumprimento do Plan Xeral de control tributario e a inclusión dun plan específico e preferente de inspección dos grandes patrimonios e grupos económicos para a comprobación, investigación e inspección tributaria da realización de operacións mercantís e transmisións patrimoniais que puideran ter a finalidade fraudulenta de minorar o pago de impostos, en especial o de Patrimonio e de Transmisións patrimoniais.

O voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, destacou en rolda de prensa o nulo esforzo por parte dos gobernos do PP por combater o fraude fiscal mentres que reclama paciencia aos cidadáns e os ataca con continuos recortes. “Se rexeitan a iniciativa e non levan a cabo un plan de control tributario das grandes fortunas, quedarán sen escusa para dicir que non hai posibilidade de incrementar os ingresos” 

Tras as sentenzas da Audiencia Provincial na que se confirmaba a regularización fiscal pola Administración Tributaria de Galicia procedeu a incrementar a base impoñible do imposto de sociedades de varios anos de Gartler SL (sociedade patrimonial de Amancio Ortega), Alternativa Galega de Esquerda considera que tales prácticas fiscais ilegais e irregulares non foron unha excepción. O deputado, Antón Sánchez, empregando o caso como exemplo das tramas habitualmente empregadas polas grandes fortunas, informou que tal e como se detalla minuciosamente en ditas sentenzas, a exención fiscal aplicada e que tanto a Administración tributaria como o TSXG consideraron ilegal, consistiu na realización de sucesivas operacións mercantís (ventas e ampliacións de capital) dentro do entramado empresarial da familia Ortega constituído por varias sociedades e SICAVs.

O deputado Antón Sánchez, criticou o sistema fiscal actual no que a imposición aséntase na indirecta (basicamente o IVA) e onde a directa son as rendas do traballo as maiores contribuíntes proporcionais mentres as SICAVs, as sociedades patrimoniais e o propio conxunto da normativa impositiva, posibilita o artellamento de entramados e movementos de capital societario que en moitas casos ten como finalidade eludir de xeito fraudulento o pago de impostos mediante operacións entre partes vinculadas, e indebidas exencións e beneficios fiscais. Isto ocasiona unha lesión patrimonial aos ingresos ordinarios e tributarios do noso país, en especial respecto do Imposto de Patrimonio e Imposto de Transmisión Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados.

AGE lembra que é competencia da Área de Inspección Tributaria da Axencia Tributaria de Galiza, no ámbito dos tributos da súa competencia, a análise e proposta de plans de inspección e de control tributario, así como a proposta de medidas e métodos de actuación para a detección e loita contra a fraude fiscal. Así mesmo, mediante resolución da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, aprobáronse os criterios xerais do Plan Xeral de control tributario 2013 no que se precisa que “o ámbito de actuación está constituído preferentemente polas actuacións inspectoras de comprobación e investigación que revistan especial complexidade, tale como as que tivesen por obxecto grandes patrimonios ou grupos económicos”.

Por todo isto, o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda insta á Xunta a cumprir o plan xeral de control tributario e incluír un específico de inspección das grandes fortunas para loitar contra o fraude fiscal e obter uns importantes ingresos para as arcas autonómicas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario