8 may 2013

Anova chama á participación na xornada de folga no ensino o 9 de maio


Anova fai un chamamento á participación na folga xeral no ensino, convocada para o 9 de maio en protesta pola LOMCE, unha lei inxusta, sexista, centralista e antidemocrática.
Dende Anova, reafirmamos o noso compromiso co ensino público, universal, de calidade e gratuíto. Porque sen igualdade de condicións de acceso ao ensino non hai igualdade real nin hai liberdade de pensamento. Ensino público é, polo tanto, democracia real.


A LOMCE (Ley Orgánica de Mejora de la Calidad Educativa) supón unha regresión de décadas no ensino público: unha lei inxusta, sexista, centralista e antidemocrática.
Esta aberración en forma de lei, elaborada sen consenso coa comunidade educativa, supón:
- Desmantelamento do ensino público de calidade mediante un proceso de mercantilización do mesmo.
- Segregación do alumnado, comezando pola segregación económica que supón a non gratuidade do ensino infantil, e a segregación sexista, por permitir os concertos educativos con centros que segregan por sexo. A posibilidade de "dereito de admisión" dos centros educativos, coa chamada "liberdade de elección de centro", creará centos de primeira e de segunda en canto a recursos e calidade do ensino, fomentando ademais o ensino privado.
- Modelo competitivo, coa reintroducción das reválidas, que a partir de 6º serán realizadas por "especialistas externos ao centro", o que fomenta a privatización do ensino.
- Eliminación da democracia na organización da comunidade educativa, transferindo competencias do Consello Escolar - que ficaría agora cun mero carácter consultivo - á Dirección.
- En lugar de traballar contra as causas do fracaso escolar, créanse rutas de saída disimulada d@s moz@s "fracasad@s" do sistema con vías como a da "FP básica".
- Elitización do ensino superior, con maiores trabas para o acceso a este, tanto académicas coma económicas (suba de taxas...).
- Españolización - reducindo a carga lectiva do galego, que non é troncal, como é o castelán ou o inglés - e centralismo.
- Adoutrinamento reaccionario. Relixión como materia máis importante en rango que o galego e a filosofía e eliminación de materias que fomentan o pensamento crítico (Ciencias do Mundo Contemporáneo, Educación para a Cidadanía...).
- Intento de introducir "coñecementos financeiros" no ensino, conforme a unha estratexia deseñada pola OCDE.
O deterioro do ensino público enmárcase nun proceso xeral de desmantelamento do "Estado do Benestar" e privatización dos bens e servizos públicos que arranca nos 70', proceso hoxe agravado.
Dende Anova, reafirmamos o noso compromiso co ensino público, universal, de calidade e gratuíto. Porque sen igualdade de condicións de acceso ao ensino non hai igualdade real nin hai liberdade de pensamento. Ensino público é, polo tanto, democracia real.
Paremos a LOMCE! Paremos a expulsión das maiorías sociais do sistema educativo público!

No hay comentarios:

Publicar un comentario