7 may 2013

O PP négase, unha vez máis, a que Rueda explique a represión ás traballadoras de Conservas Cuca


● Alternativa Galega de Esquerdas explica que o delegado do Goberno en Galicia se comprometeu a informar á Cámara do sucedido en Vilaxoán. 


Unha vez máis, o PP emprega a súa maioría para impedir que o Parlamento funcione como debe: como a Cámara en que os representantes electos renden contas ante a cidadanía. A dereita negouse, de novo, a que o vicepresidente da Xunta, responsábel de Xustiza e Interior, Alfonso Rueda, compareza no Hórreo para explicar por que a policía nacional bateu nas traballadoras de Conservas Cuca en Vilaxoán. Os denominados antidisturbios fixeron de garda de corps do empresario, que entrou na factoría para retirar a maquinaria cando esta se atopa mergullada nun conflito xudicial. As chamadas forzas de orde pública serviron de parte do propietario. Alfonso Rueda, como membro da Xunta con maiores atribucións en materia policial, non quere falar sobre o acontecido no Parlamento.

AGE, a través do seu portavoz Xosé Manuel Beiras e do seu deputado Juan Fajardo, mesmo se reuniu, a pasada semana, co delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez. “Fixemos de Valedor do Pobo”, ironizou Beiras esta mañá na rolda de prensa posterior á xunta de portavoces do Parlamento, “e trasladamos toda a información sobre a represión ás traballadoras de Cuca ao delegado do Goberno”. Este comprometeuse a enviala ao Parlamento. “Xa que a Xunta non quere falar do asunto, así terá que facelo”, apuntou Beiras. O portavoz e o deputado de Alternativa tamén levaron os datos á fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario