21 may 2013

Beiras afirma que só “a xente en pé de guerra cívica” será quen de rematar coas agresións do poder

"O Partido Popular, co seu comportamento, xoga a desacreditar aínda máis do que xa está o rol do Parlamento", denunciou esta mañá, tras a Xunta de Portavoces dos grupos con representación no Hórreo, Xosé Manuel Beiras, "xoga a convertelo nun recinto amurallado sen ningunha relación co que acontece na realidade".
Para o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), o partido de Alberto Núñez Feijóo non fai outra cousa ca "marear a perdiz" e perder o tempo con cuestións burocráticas e de protocolos. Mentres, na rúa, a cidadanía do común, as clases traballadoras, sofren as consecuencias materiais terríbeis dunhas políticas
decididas en instancias que non responden á vontade popular e que o PP aplica cun entusiasmo case sádico.
Nesta situación, Alternativa ten claro o diagnóstico. Expresouno Beiras: "A única solución é que a xente se poña en pé de guerra, civicamente, porque é indecente como están mallando nas clases traballadoras". A saída ao impasse político e social, daquela, procederá da mobilización e da protesta, do que o portavoz de AGE denomina "ruptura democrática". "Non creo que este réxime corrupto teña saída, non creo que se poida solucionar a corrupción no actual réxime, non creo que esta cámara de representantes poida volver ser cámara de representantes", considerou, "así que unicamente unha ruptura democrática pode rematar con esta podremia".

No hay comentarios:

Publicar un comentario