15 jun 2013

A AGRUPACIÓN COMARCAL DE ANOVA – IRMANDADE NACIONALISTA DO SALNÉS ACTÚA EN DEFENSA DO MANTEMENTO DOS REXISTROS CIVILES


O PP quere sacar este servizo dos Xulgados de Paz dos Concellos, centralizándoos nos Rexistros da Propiedade e abre a porta a cobrar por Certificados de nacemento, matrimonio ou defunción.

Os Grupos Locais de ANOVA do Salnés presentarán escritos nos Concellos para pedir o mantemento dos Rexistros civiles municipais e que os trámites nos mesmos sigan a ser gratuitos para os cidadáns.

O grupo comarcal de ANOVA Irmandade Nacionalista no Salnés, a vista das intencións expresadas polo ministerio de Xustiza do Partido Popular, na man de Alberto Ruiz-Gallardón, de reformar o Rexistro Civil, trásladando este servizo público dos Xulgados de Paz aos Rexistros de Propiedade, ven de acordar unha serie de actuacións en defensa do mantemento deste servizo así como para garantir que siga a ser gratuito.

Como primeira medida os Grupos locais de ANOVA presentaron xa escritos nos concellos da comarca para solicitar que nos plenos municipais se trate este tema e que as corporacións municiapais acorden dirixirse ao Ministerio de Xustiza e a Xunta de Galiza para rexeitar a modificación da Lei e solicitar o mantemento do Rexistro Civil nos Xulgados de Paz.  ANOVA tamén colaborará na recollida de sinaturas de apoio que se está a realizar dende os propios Xulgados de Paz e polos sindicatos.

No caso de aprobarse a modificación lexislativa, no caso dos concellos da comarca significaría que os veciños de O Grove, Ribadumia, Meis, Meaño terían que desprazarse a Cambados; os de Vilanova e a Illa a Vilagarcía e os de Sanxenxo a Pontevedra para facer xestións que agora se fan no propio Concello ao estar ubicado neles os Xulgados de Paz (inscricións de nacementos, certificados de matrimonio ou defunción…).

Pero non conforme con isto, a reforma abre a porta a aplicar taxas, ao declarar que os cidadáns deberán sufragar o custo deste servizo aos Rexistradores da Propiedade (nótase que Rajoy é Rexistrador…) co cal para poder nacer, casarnos ou mesmo morrer de maneira oficial necesitaremos pagar un imposto.

Deste xeito, aínda por riba do desprazamento, imos ter que pagar un imposto (outro máis) por conseguir un simple papel, que na maioría dos casos é a propia Administración quen nolo esixe para bolsas de estudos, axudas ou pensións…


Todo isto sen falar dos milleiros de postos de traballo que se poden perder, xa que con esta reforma o PP inicia o camiño da supresión dos Xulgados de Paz dos Concellos máis pequenos, a pesar das importantes funcións que realizan e do alivio de traballo que supoñen para o resto do entramado xudicial.

Por estes motivos, dende ANOVA rexeitamos a modificación prevista polo Ministerio de Xustiza, instamos aos Concellos a que fagan o mesmo e aos veciños a que se manifesten en contra desta supresión de servizos dos Xulgados de Paz; e que asinen nas follas de recollida de sinaturas en contra desta reforma que están expostas nos distintos Xulgados de paz da comarca.



Todos debemos opoñernos a esta reforma, e esixir o mantemento dos servizos do Rexistro Civil nos xulgados locais, garantindo así o dereito a un servizo universal, público e gratuíto.  Porque xa está ben de tanto abuso, de tanto recorte no sevizos públicos, tanto poñer impostos para non solucionar nada e de que sempre teñan que pagar os mesmos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario