19 jun 2013

AGE non participará na pantomima da comisión de investigación das caixas se non se levanta o carácter secreto da información

O voceiro, Xosé Manuel Beiras, e a vicevoceira, Yolanda Díaz, anunciaron que continuarán o traballo de consulta e investigación do material aportado pola Xunta pero “practicaremos a desobediencia e o desacato” xa que non respectarán a imposición do PP de
manter o silencio respecto ao que descubran.


Alternativa Galega de Esquerda pasará a ter estatus de observador na Comisión de investigación das caixas de aforros se o Partido Popular non reconsidera a decisión de considerar secreta a información remitida por parte da Xunta de Galicia relativa as caixas de aforro galegas. Así, o voceiro do grupo, Xosé Manuel Beiras, e a vicevoceira, Yolanda Díaz, explicaron que continuarán traballando e consultando toda a información aportada pero non participarán nas comparecencias nin na elaboración do ditame xa que “non seremos cómplices deste fraude e engano a cidadanía coa parodia de comisión de investigación que o PP pretende impoñer”. 


Os deputados e deputadas de Alternativa Galega de Esquerda advirten que practicarán ademais a desobediencia e desacato xa que non se se consideran obrigados a respectar o segredo e polo tanto manter o silencio sobre todo o que o grupo parlamentar descubra a través da información remitida ao Parlamento. “Non estamos dispostos a que nos convertan en servos nin acatar e obedecer as ordes que nos quera impoñer un grupo, nos somos leais aos nosos representados” declarou Xosé Manuel Beiras.

O grupo parlamentar de AGE presentou onte no Parlamento dous escritos nos que se insta a reconsiderar a decisión de declarar secreta a información remitida pola Xunta de Galicia, a única á que terán acceso os deputados xa que o Banco de España e a Comisión Europea se negaron a enviar información relativa as caixas algo que é ilegal e supón unha obstrución á investigación que tal e como lembraron os voceiros de AGE, “é un delito”. Así mesmo, os deputados e deputadas de AGE esixen que se paralicen as comparecencias mentres non se poda acceder a toda a información remitida polo goberno galego para preparar as comisións xa que o luns foi o primeiro día que puideron ter acceso aos 30.000 folios nunhas condicións precarias e con a penas dous días e medio para consultar toda a información antes das primeiras comparecencias que terá lugar mañá e que serán das máis importantes coa declaración dos directivos das caixas que entre outras cousas se beneficiaron das abusivas indemnizacións. 



O voceiro de AGE explicou que tras “un proceso de reflexión e esgotar a nosa paciencia” instamos a Mesa da Comisión e a propia Mesa do Parlamento a anular o acordo aprobado cos únicos votos do PP polo que se vulneran os dereitos dos deputados e atenta contra a legalidade. Os voceiros do grupo parlamentar engadiron que asumen o risco de ser calumniados por parte de algúns que dirán que só buscan “montar barullo” e que non queren traballar pero a realidade é ben distinta, xa que seguirán traballando e buscando as claves do acontecido coas caixas pero “non imos bailar ao son que marquen determinadas oligarquías que queren ir en contra da propia lei e do deber superior de informar á cidadanía”. 

A vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, pola súa banda sinalou a posibilidade de recorrer aos Tribunais de Xustiza en base ao artigo 23.2 da Constitución Española no que se garante que os cargos públicos podan desenvolver o seu traballo nunhas mínimas condicións e non como está a ocorrer nesta comisión onde os deputados a penas contan con dous días para revisar toda a información antes do inicio das comparecencias e nunha sala onde nin tan sequera hai espazo para todos os deputados tendo que estar incluso de pé tomando notas da información consultada. Todos estes atrancos que o PP está a poñer no relativo a investigación das caixas semella agochar unha clara intención de converter nunha parodia a comisión, algo no que Alternativa Galega de Esquerda non está disposta a ser cómplice. 

Así entre outras cousas, AGE esixe que se dea información clara e detallada sobre os préstamos entregados entre outros a Fernando Martín e que tal e como se precisa na información consultada ata o momento a propia auditoría encargada pola Xunta e que supuxo un custo de 1.300.000 euros para as arcas galegas, foi unha das causas de todo o acontecido coas caixas. Solicitan así mesmo información sobre todo o referido as preferentes que tal e como se extrae do informe dos inspectores do Banco de España no que se critica duramente a xestión do Banco de España e se sinala unha clara convivencia por parte deste órgano coas entidades bancarias no relativo a esta gran estafa que se lle fixo á cidadanía. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario