13 jun 2013

AGE acusa á Xunta de vender fume e desbaldir os cartos europeos para o Hospital do Salnés

A Xunta do señor Núñez Feijóo continúa producindo fume e propaganda en grandes cantidades. Desta volta, tócalle ao Hospital do Salnés, condenado a non ser máis ca, en palabras do deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Juan Fajardo, “un ambulatorio grande”. “E isto pode producir mortes”, engadiu Fajardo na comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, en que se debatían propostas de PSdeG e BNG sobre a necesaria ampliación da infraestrutura. A proba, e así o expresou o parlamentario de AGE sen que o Partido Popular o negase, é que a ampliación non se realizará este ano. Esta circunstancia provocará que se perdan 6.000.000 de euros prometidos para ese particular, que dependen de fondos europeos e que se non se gastan este ano, serán retirados.

“Só o enorme compromiso dos seus profesionais evita que se converta nunha especie de corredor da morte”, afirmou Fajardo. Antes lembrara a longuísima restra de promesas do PP incumpridas, incluídas as escritas pola deputada da dereita Marta Rodríguez Arias no seu blog cando gobernaba o bipartito. “Era unha cuestión que o PP reclamaba de maneira belixerante cando estaba na oposición”, recordaba o membro de AGE. As demandas da comarca do Salnés referentes ao hospital inclúen a habilitación dunha Unidade de Coidados Intensivos, quirófanos –esixidos por Rodríguez Arias na mesma comisión en 2007-, a mellora do servizo de urxencias ou unha unidade de reanimación.    

No hay comentarios:

Publicar un comentario